(2018) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 12 de decembro de 1989 (34 anos) |
Actividade | |
Ocupación | mediofondista |
Deporte | atletismo |
Membro do equipo deportivo | Valencia Terra i Mar |
Solange Andrea Pereira da Ponte, nada o 12 de decembro de 1989 en Valença, é unha exatleta galega, especialista en carreiras de medio fondo. Foi 14 veces campioa de España en distintas probas, destacando especialmente na distancia da milla, da que foi oito veces campioa nacional.[1]
Criouse na illa de Fuerteventura e sendo aínda unha nena trasladouse a Cangas. É licenciada en Actividade Física e Deporte.
Iniciouse no atletismo nas Illas Canarias, onde competía co club Playas de Jandía. Ao trasladarse a Galicia competiu entre outros co Club Atletismo Bikila. Máis tarde competiu co Valencia Terra i Mar, dentro do Campionato de Europa por equipos. Correu tanto probas de pista como de campo a través, se ben a súa especialidade eran as probas de medio fondo, dende o 800 m. á milla, pasando polo 1500 m.
Dominou de xeito case absoluto o panorama español na distancia da milla, obtendo o título de campioa de España oito veces, sete delas de xeito consecutivo entre 2012 e 2018, e unha oitava vez en 2022. En 2014 chegou á final dos 1500 m no campionato de España, onde foi segunda. En 2015 proclamouse campioa de España de 1500 m, en inverno en pista cuberta e en verán ao aire libre. Repetiu o título ao aire libre ao ano seguinte e en 2017 gañou de novo ambos certames.[2] En 2022 proclamouse tamén campioa de España dos 3000 metros, no campionato de pista cuberta disputado en Ourense.[3]
A nivel internacional, en 2016 acadou a final da proba dos 1500 m do Campionato de Europa de Atletismo. Ao ano seguinte participou no Campionato do Mundo de Atletismo celebrado en Londres e no Campionato do Mundo de Campo a Través en Kampala, obtendo o oitavo posto na cidade africana na proba de 4x2 km de remudas mixtas. En 2018 quedou ás portas das medallas nos Xogos Mediterráneos, ao acadar o cuarto posto na proba de 1500. Ese mesmo ano, na cidade neerlandesa de Tilburg, proclamouse campioa de Europa de campo a través co equipo español de remudas mixtas de 4x1,5 km, xunto aos seus compañeiros Víctor Ruiz, Saúl Ordóñez e Esther Guerrero.[4]