Spinvis | |
---|---|
Orixe | Países Baixos |
Período | 2001 - presente |
Xénero(s) | pop experimental, neo-psicodelia |
Selo(s) discográfico(s) | Excelsior Recordings |
Na rede | |
showcase.fm/spinvis | |
Spinvis é un proxecto musical neerlandés centrado no músico Erik de Jong, nado o 2 de febreiro de 1961 en Spijkenisse. Facendo música lo-fi experimental, Spinvis conseguiu dous discos de ouro nos Países Baixos, e realizou xiras con locais cheos tanto nos Países Baixo como en Bélxica.
En 2001, Erik de Jong, ou Spinvis, que entón tiña 40 anos, enviou unha demo de tres cancións ao selo independente neerlandés Excelsior Recordings. Dúas semanas máis tarde asinaron un contrato discográfico. O selo decidiu manter as cancións que Spinvis gravara co seu ordenador. Con algúns cambios menores de mestura eses temas formaron parte do seu primeiro álbum, Spinvis, editado nos Países Baixos o 1 de abril de 2002. A prensa musical respondeu con recensións positivas e o álbum chegou ao número 3 na Moordlijst da revista Oor,[1] unha lista alternativa nos Países Baixos.
De Jong comezou a xirar e tocou no Crossing Border Festival en Ámsterdam con Toots Thielemans. A finais de 2002 a súa canción "Smalfilm" foi segunda no concurso da canle de televisión e radio VPRO "Canción do ano". Ademais disto De Jong recibiu un Essent Award, un premio para artistas novos.
Spinvis e o seu grupo completaron unha breve xira a principios de 2003. Cos seus compañeiros de selo Bauer, De Jong creou unha canción para o recompilatiorio dun webzine neerlandés. En agosto Spinvis tocou en Alemaña (Haldern Open Air) e Bélxica (Pukkelpop). O 1 de decembro editouse Nieuwegein aan Zee, cunha gravación ao vivo e varios temas inéditos. O 17 de decembro Spinvis actuou cunha orquestra en Vredenburg, Utrecht.
A principios de 2004 Spinvis gañou dous premios nos Países Baixos, o Zilveren Harp e o premio Annie M.G. Schmidt.[2][3] Na honra da cuarta edición do festival Cross-Linx, De Jong compuxo unha peza musical formada por tres monólogos rítmicos. A actriz Roos Ouwehand, a cantante de ópera Lucia Meeuwsen e o actor Hans Dagelet interpretaron as pezas xuntos con Spinvis. Spinvis compuxo a sintonía para a serie de televisión Medea do director Theo van Gogh. A serie de seis capítulos sobre a política neerlandesa emitiuse no inverno de 2004. Neste ocupado ano Spinvis tamén colaborou na canción de Claudia de Breij "Nieuwbouwwijk".
Durante o festival Noorderslag, a Ringtone Society presentou unha páxina web que promocionaba o desenvolvemento artístico dos tons de chamada. Spinvis participou neste proxecto.[4] A canción "Idee Zeventien" apareceu no recompilatorio The Pet Series: Volume 4. Durante a primavera de 2005 Spinvis tocou en teatros neerlandeses na súa xira Lotus Europa, co grupo Solo como abreconcertos. En abril Spinvis creou un espectáculo teatral no cal mesturaba imaxes de arquivo con música e diálogos. Xunto con Hans Dagelet, Spinvis interpretou a peza. O 11 de setembro a actuación de Spinvis no Dutch Moroccan Music Experience foi cancelado porque os organizadores opuxéronse á letra da canción "Het Mes van God". A letra considerouse demasiado sensible xa que Spinvis fala do asasinato de Theo van Gogh en novembro de 2004.[5] Spinvis fixo unha aparición como invitado no álbum Geluiden van Weleer da banda At the Close of Every Day. En novembro publicouse o seu álbum Dagen van gras, dagen van stro. O título do mesmo é a tradución de Days of Grass, Days of Straw, un libro de R.A. Lafferty. O primeiro sinxelo do álbum foi "Het Voordeel van Video". No mes de decembro Spinvis comezou unha xira para promocionar o álbum.
O segundo sinxelo foi "Ik wil alleen maar zwemmen". De Jong creou unha nova mestura para a canción e tamén engadiu unha versión dub na edición. O tema "Voor ik vergeet" formou parte de Strips in Stereo. Para este proxecto artistas visuais debuxaron cómics baseados en 14 cancións neerlandesas. Hanco Kolk debuxou os gráficos para a canción de Spinvis. Strips in Stereo foi presentado no Paradiso, Ámsterdam, no mes de marzo[6] coincidindo coa Boekenweek 2006.
Xunto con Meindert Talma, De Kift, At the Close of Every Day, Andre Manuel, Mondo Leone e D’r Sjaak, Spinvis foi parte do NL Impressionisten. En grupos de dous, os artistas actuaron varios meses polos Países Baixos comezando o 18 de marzo de 2006. Dous días despois publicouse Ja!, o 100º lanzamento de Excelsior Recordings. Spinvis gravouno co poeta Simon Vinkenoog e Arjan Witte. A banda realizou varios concertos para promocionar o álbum, visitando Rotterdam, Anveres, Groninga e Drachten. Tras estes concertos Spinvis e Vinkenoog realizaron o espectáculo De Suikerklok. No verán, Spinvis tocou nos festivais de Lowlands, Waterpop e Folk Dranouter entre outros.
Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Spinvis | 2002 | Excelsior Recordings |
Dagen van gras, dagen van stro | 2005 | Excelsior Recordings |
Ja! | 2006 | Excelsior Recordings |
Goochelaars & Geesten | 2007 | Excelsior Recordings |
Ritmebox | 2008 | Excelsior Recordings |
Tot Ziens, Justine Keller | 2011 | Excelsior Recordings |
Trein Vuur Dageraad | 2017 | Excelsior Recordings |
7.6.9.6. | 2020 | Excelsior Recordings |