Síndrome de Hajdu-Cheney | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Síndrome de Hajdu-Cheney | |
OMIM | 102500 |
DiseasesDB | 31486 |
MeSH | D031845 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A síndrome de Hajdu-Cheney, coñecida tamén coma acroosteolise con osteporose e cambios no cranio e a mandíbula, artrodentoosteodisplasia ou simplemente síndrome de Cheney, é unha doenza extremadamente rara que afecta ao tecido conectivo (tecido que sustenta e une os tecidos e outras partes do corpo entre si). Pertence ao grupo das acrosteolises, un grupo heteroxéneo de trastornos do óso caracterizado pola reabsorción ósea esaxerada que desemboca en osteoporose. É unha doenza de base xenética, de patrón autosómico dominante, e da que se teñen reportado arredor de 70 casos en todo o mundo.[1]
Esta enfermidade foi descrita por vez primeira en 1948 por Nicholas Hajdu, un radiólogo de orixe húngaro que se atopaba a traballar no Reino Unido. Posteriormente, en 1965, a descrición da doenza foi completada e mellorada polo físico estadounidense William D. Cheney, dando lugar así ao nome actual da síndrome.
Clinicamente esta doenza caracterízase por causar nos individuos que a padecen unha estatura baixa por mor dun hipocrecemento. Os ósos destes doentes presentan unha extrema flexibilidade, dando lugar a un anormal desenvolvemento dos ósos, articulacións e dentes. Os individuos que sofren esta doenza teñen unha cara característica. Poden aparecer lesións ulcerosas (lesións circunscritas en forma de cráter que afecta á pel ou ás mucosas, por mor da necrose asociada a algúns procesos inflamatorios, infecciosos ou cancerosos) nas mans e nos pés, conxuntamente con osteolise (debilidade e flexibilidade dos ósos) e atraso no crecemento que provoca baixa estatura. Ademais, os individuos coa síndrome de Hajdu-Cheney adoitan presentar malformacións no cranio. Algunhas desas malformacións son macrocefalia, retardo no peche das fontanelas e suturas craniais, cadeira turca alongada, micrognatia, platisbasia e retardo na formación dos senos frontais, aumento na separación dos ollos (hipertelorismo), caída prematura dos dentes, orellas prominentes e de implantación baixa, epicantus, sinofridia (as cellas medran xuntas), padal en forma de bóveda, e outras anomalías faciais características. No ámbito do desenvolvemento neurolóxico, pode existir retardo no desenvolvemento cognitivo e da fala.[2]
A síndrome de Hajdu–Cheney ten unha orixe xenética, herdándose de xeito autosómico dominante.[3] Isto quere dicir que o xene responsábel da doenza está localizado nun xene autosómico, e só unha copia do xene abonda para causar a síndrome cando este é herdado por parte dalgún dos pais que presente a mutación.
A principal causa da síndrome de Hajdu-Cheney semella ser a mutación do último exón codificante do xene NOTCH2. Dita mutación provoca a eliminación do dominio PEST, unha pequena secuencia de péptidos formada por prolina (P), ácido glutámico (E), serina (S), e treonina (T).[4][5][6]
O diagnóstico definitivo só pode ser considerado após un estudo xenético que demostre que o doente ten unha mutación no xene NOTCH2. Porén, o diagnóstico pode sospeitarse nunha alta porcentaxe soamente atendendo á clínica e a sintomatoloxía do paciente. Pode tamén confirmarse mediante estudos de imaxe, como radiografía ou tomografía computadorizada (TC), que amosan osteólise nas falanxes terminais das mans, desviación cara a dentro nos xeonllos (genu valgo) e cóbados e posíbeis fracturas osteoporóticas.
Non existe tratamento ningún que cure definitivamente esta doenza. Dende 2002, algúns doentes desta síndrome foron tratados de xeito voluntario con bifosfonatos (uns fármacos empregados para tratar a osteoporose) coa fin de tratar os problemas derivados da reabsorción ósea e evitar así fractura e malformacións do esqueleto características desta enfermidade. Outros fármacos que se adoitan empregar, coma o flúor, o calcio ou os corticoides, teñen tamén o obxectivo de loitar contra a osteoporose.