Biografía | |
---|---|
Nacemento | 11 de xuño de 1990 (34 anos) Iacarta, Indonesia |
Actividade | |
Ocupación | actriz, modelo |
Período de actividade | 2005 - |
Familia | |
Cónxuxe | Daniel Adnan |
Andi Mutiara Pertiwi Basro, máis coñecida como Tara Basro e nada en Iacarta o 11 de xuño de 1990, é unha modelo, actriz e presentadora de televisión indonesia.
Tara comezou a súa carreira na industria do entretemento ao participar no concurso de modelos para adolescentes Gadis Sampul en 2005[1]. Posteriormente, mudouse para coa súa familia a Australia e alí continuou os seus estudos[2] graduándose en TAFE NSW[3].
Ao volver a Indonesia participou en varias probas de selección de actores para filmes sen lograr ningún papel relevante[2] ata 2011 ao acudir a unhas probas para un musical de teatro e coñecer o director de repartición do filme Catatan (Harian) Si Boy[4] e pola súa interpretación nesa película foi candidata ao premio á mellor actriz novel nos Indonesian Movie Awards[3]. En 2012 protagonizou o segmento "Pasar Setan" na película de terror antolóxica Hi5teria [5] e nese ano participou tamén na rodaxe de Rumah dan Musim Hujan, aínda que a súa estrea foi 2018 so o título Hoax[6]. En 2013 interpretou a moza materialista de Pandji Pragiwaksono no filme Make Money[7].
En 2014 actuou en catro filmes, a súa primeira aparición foi na películas de artes marciais (estilo silat) Pendekar Tongkat Emas[8], logo tivo un pequeno papel no filme de acción indonesio-nipón Killers. Protagonizou, como bióloga mariña, o drama romántico The Right One[9] e finalizou o ano co filme familiar antolóxico Princess, Bajak Laut & Alien[10]-
En 2015 deu vida á protagonista de Another Trip to the Moon, un filme surrealista do director Ismail Basbeth que participou no Festival Internacional de Cinema de Rotterdam [11].
Outro dos filmes que protagonizou en 2015, A Copy of My Mind dirixido por Joko Anwar, exhibiuse no Festival Internacional de Cinema de Toronto e no de Venecia[12][13] e pola súa actuación gañou o premio Citra á mellor actriz[14]. En 2015 participou en dúas series de televisión, Halfworlds de HBO e The East de NET.
Tras o éxito de A Copy of My Mind Tara deu vida en 2016 a Kusuma Wardhani en 3 Srikandi con Reza Rahadian nun filme que narra a historia do equipo indonesio de arco nos Xogos Olímpicos de 1988[15]. Tamén protagonizou a película musical Ini Kisah Tiga Dara, un remake do filme de Usmar Ismail Tiga Dara (1957)[16]. Nese ano presentou The Amazing Race Asia 5 con Allan Wu[17].
En 2017 protagonizou outro filme de Joko Anwar, Pengabdi Setan, unha precuela do filme homónimo dirixido en 1980 por Sisworo Gautama Putra[18], o filme foi todo un éxito de público en Indonesia, con 4 200 000 espectadores, foi o filme nacional con maior recadación de 2017[19][20]. Na obra de teatro, Perempuan-Perempuan Chairil, foi Sumirat, unha das compañeiras do poeta Chairil Anwar[21]
En 2018 intrepretou a Kanti, unha exitosa banqueira na serie Halustik da plataforma Viu[22] e en 2019 participou en dous filmes de Anwar, Perempuan Tanah Jahanam e Gundala[23][24].