The Help | |
---|---|
Título orixinal | The Help |
Autor/a | Kathryn Stockett |
Orixe | Estados Unidos |
Lingua | inglés |
Tema(s) | Afroamericano, Década de 1960, Estados Unidos de América, traballador doméstico e Segregación |
Xénero(s) | Novela |
Editorial | Penguin Books |
Data de pub. | 2009 |
Premios |
|
[ editar datos en Wikidata ] |
The Help é unha novela da escritora norteamericana Kathryn Stockett, publicada en 2009. Trata da vida de empregadas domésticas afroamericanas que traballan en casas de brancos en Jackson (Mississippi) a comezos da década de 1960, aínda que sen ser un libro histórico.
A novela é a primeira de Stockett. A escritora tardou cinco anos en finalizar o libro, que foi rexeitada por polo menos 45 axentes literarios.[1] Foi escrito por Kathryn como homenaxe a Demetrie, a empregada negra que a coidou de nena.[2] The Help foi publicada en 35 países,[3] e en xeral ten recibido críticas favorábeis.[4][5][6][7]
A novela comeza narrada en primeira persoa por tres mulleres: Aibileen, Minny e Skeeter. Aibileen é unha criada afroamericana que limpa casas e coida os nenos de varias familias de brancos. O seu primeiro traballo desde que o seu fillo de 24 anos, Treelore, morrese nun accidente laboral é atender o fogar dos Leefolt e coidar da súa filla pequena, Mae Mobley. Minny é a amiga de Aibileen que frecuentemente conta aos seus xefes o que pensa deles, polo que foi despedida de dezanove traballos. A xefa máis recente de Minny era Mrs. Walters, nai de Hilly Holbrook. Hilly é a líder social da comunidade e cabeza da Junior League.
Eugenia "Skeeter" Phelan é a filla dunha prominente familia de brancos cuxa granxa de algodón dá emprego a moitos afroamericanos nos campos, e tamén no fogar. Skeeter acaba de terminar a universidade e volve a casa co soño de converterse nunha escritora. O soño da súa nai é que Skeeter case. Skeeter frecuentemente pregúntase pola desaparición de Constantine, a criada que a viu crecer. Esta estivera escribindo a Skeeter mentres estaba na universidade e na súa última carta prometíalle unha sorpresa cando volvese. A familia de Skeeter cóntalle que Constantine dimitiu e que fora vivir cos seus parentes a Chicago. Skeeter non cre que Constantine os deixase e intenta descubrir o que pasou, mais ninguén quere falar do tema.
A vida que levaba Constantine mentres axudaba á familia Phelan leva a Skeeter a decatarse de que ás súas amigas criadas non son tratadas como as empregadas brancas. Decide (coa axuda dunha editorial) que quere revelar a verdade sobre ser unha criada de cor en Mississippi. Skeeter empeza a comunicarse coas criadas e a gañar a súa confianza. Os perigos de escribir un libro sobre afroamericanos no Sur a comezos da década de 1960 penden sobre as tres mulleres.
En decembro de 2009, a Variety informaba de que Chris Columbus, Michael Barnathan e Michael Radcliffe producirían unha película de The Help.[8] O 13 de outubro de 2010, a DreamWorks divulgaba a previsión da data de estrea do filme: 12 de agosto de 2011.[9]