Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1796 |
Morte | 30 de xuño de 1872 (75/76 anos) |
Actividade | |
Lugar de traballo | Oxford |
Ocupación | editor literario, editor, mecenas, impresor |
Descrito pola fonte | Dictionary of National Biography Alumni Oxonienses: the Members of the University of Oxford, 1715–1886 (en) |
Thomas Combe, nado en 1796 e finado o 30 de xuño de 1872, foi un impresor, editor e mecenas das artes inglés. Traballou como impresor na editora universitaria Oxford University Press e foi tamén o fundador e benfeitor da igrexa de San Bernabé (St Barnabas Church) de Oxford.[1]
Thomas Combe era fillo dun impresor do mesmo nome finado cara a 1836, que tamén tiña unha libraría e era propietario dun xornal en Leicester. Despois de traballar co seu pai e como empregado noutros traballos similares en Oxford, emprendeu os seus propios negocios no ámbito editorial. En 1826 formou parte dunha sociedade en Londres, pero antes da fin do ano regresou a Leicester para retomar os negocios familiares (baixo o nome de T. Combe and Son entre 1826 e 1835).
Despois da morte do seu pai trasladouse a Oxford e pasou a formar parte de Oxford University Press (ou Clarendon Press) en 1837, da que, logo de adquirir partes do negocio desde o ano seguinte, chegou a ser socio principal en 1851.[2] Como resultado, manexou unha fortuna considerable.
El e a súa muller Martha (1806-1893) exerceron como mecenas des artistas, particularmente dos prerrafaelistas. En 1849 coñeceu en Oxford a John Everett Millais, quen pintou retratos de varios membros da familia de Combe.[3] Eran tamén partidarios do chamado Movemento de Oxford.
Combe morreu o 30 de xuño de 1872 e foi enterrado no cemitrerio do Santo Sepulcro, de Oxford. A súa viúva mantivo e agrandou a súa colección de arte prerrafaelista e, tras a súa morte en 1893, a parte máis importante da colección foille legada á Universidade de Oxford e hoxe está no Museo Ashmolean.
Unha placa na parede exterior da igrexa de San Bernabé conmemora as figuras de Thomas Combe e a súa muller Martha cando fundadores e benefactores da igrexa.[4]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Thomas Combe |