A timulina, tamén chamada factor tímico[1] ou factor tímico sérico, é un nonapéptido con función hormonal producido por dúas poboacións de células epiteliais do timo, descrito en 1977 por J. Bach.[2] A timulina require cinc para a súa actividade biolóxica.
Crese que a hormona está implicada na diferenciación das células T e a estimulación das accións das células T e NK.[2] Ademais deste efecto parácrino ou auto-orgánico sobre o sistema inmunitario dependente do timo, a timulina tamén parece ter efectos neuroendócrinos. Existen interaccións bidireccionais entre o epitelio tímico e o eixe hipotalámico-hipofisario (por exemplo, a timulina segue un ritmo circadiano e os niveis fisioloxicamente elevados de ACTH correlaciónanse positivamente cos niveis plasmáticos de timulina e viceversa[3]).
Moitas investigacións recentes están enfocadas a estudar o papel da timulina como efector de mediadores proinflamatorios/citocinas. Descubriuse que un péptido análogo á timulina (PAT) ten efectos analxésicos en altas concentracións e especialmente efectos neuroprotectores antiinflamatorios no sistema nervioso central.[4] As células diana da timulina para exercer este efecto parecen ser os astrocitos. Os investigadores esperan desenvolver fármacos que impidan os procesos inflamatorios asociados a enfermidades neurodexenerativas e mesmo o reumatismo coa axuda de análogos da timulina.
Ademais, a timulina foi asociada coa anorexia nerviosa.[5]