Trigo Limpio | |
---|---|
Orixe | Donostia, |
Período | 1975 - 1990 |
Xénero(s) | folk |
Selo(s) discográfico(s) | PolyGram,Universal |
Membros | Iñaki de Pablo Luis Carlos Gil Amaya Saizar Patricia Fernández Goberna Maite Zuazola |
Na rede | |
http://trigolimpio.wixsite.com/trigolimpio | |
Trigo Limpio, foi un trío de folk español nacido en 1975 en Donostia. Estaba composto por Iñaki de Pablo, Luis Carlos Gil e Amaya Saizar, sendo substituída esta última en 1979 por Patricia Fernández Goberna.
Representaron a España no Festival de Eurovisión de 1980.
O grupo naceu en 1975 cando Carlos Gil foi convidado a cantar nunha sala despois de gañar un concurso de músicos da provincia de Guipúscoa. Para esta actuación chamou a Iñaki de Pablo, co que formara un grupo uns anos antes, e a Amaya Saizar.[1]
Naquela actuación foron presenciados por persoal do selo discográfico Philips, co que asinaron rapidamente un contrato profesional e publicaron o seu primeiro sinxelo.[1] Os seus primeiros anos transcorreron no movemento "neofolk", e a esa época pertencen éxitos como "Muñeca", "Pequeño Juan", "Adiós mamá", "Txikita" ou "Celtibérico". Nos inicios era o propio selo discográfico o que propoñía as cancións pero pouco a pouco foron incluíndo temas propios.[1]
A pesar da aceptación e popularidade dalgúns dos seus temas, foi en 1977 cando comezaron a súa etapa máis importante ao seren invitados ao Festival Internacional da Canción de Viña del Mar e a representar a España no Festival da OTI, conseguindo o terceiro lugar coa canción "Rómpeme, mátame" de Juan Carlos Calderón, un dos máis cotizados autores e produtores españois, quen se encargaría da composición e produción dos temas do grupo até o abandono de Amaya en 1979.[2] Foron tamén seus os grandes éxitos do grupo: "Cinco canas más" e "Maria Magdalena".
En outubro de 1979 incorporouse ao grupo Patricia Fernández Goberna, en substitución de Amaya, que decidiu comezar unha carreira en solitario.[3] Pouco despois foron elixidos para representar a España no Festival de Eurovisión de 1980 na Haia.[4] Participaron coa canción "Quédate esta noche" e acabaron no 12º posto de 19.[5]
Comezaron a soar con forza en toda Latinoamérica, chegando aos primeiros postos nas listas de éxitos, e especialmente en México, onde o grupo pasou longas tempadas. Gravaron nos Estados Unidos o LP Entrañadamente, nos famosos Criteria Studios de Miami, e deron concertos nas cidades con máis poboación hispana: Chicago, Dallas, San Antonio, Houston, Miami e Os Ánxeles.
Co abandono de Patricia, a finais de 1987 uniuse ao grupo Maite Zuazola coa que gravaron o seu último LP titulado Más. A finais de 1989 Iñaki e Carlos decidiron abandonar a súa carreira musical, poñendo fin así a Trigo Limpio.
Predecesor: "Su canción" Betty Missiego |
España no Festival de Eurovisión 1980 |
Sucesor: "Y solo tú" Bacchelli |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Trigo Limpio |