Nome orixinal | (ja) 上田閑照 |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 17 de xaneiro de 1926 Toquio, Xapón |
Morte | 28 de xuño de 2019 (93 anos) Uji, Xapón |
Causa da morte | pneumonía |
Educación | Universidade de Kyoto |
Actividade | |
Ocupación | filósofo, profesor universitario |
Empregador | Universidade de Kyoto Koyasan University (en) Hanazono University (en) |
Membro de |
Ueda Shizuteru (上田 閑照 Ueda Shizuteru?), nado en Toquio o 17 de xaneiro do 1926 e finado en Uji o 28 de xuño do 2019, foi un filósofo xaponés da relixión.[1][2]
Fillo dun sacerdote budista da seita shingon, estudou filosofía na Universidade de Kyoto.[3] O seu mentor, Nishitani Keiji, orientou os seus estudos cara aos místicos medievais.[3] A continuación, doutorouse na Universidade de Marburgo cunha tese sobre o pensador cristián Meister Eckhart.[3] Tras regresar ao Xapón, entrou a traballar como profesor na Universidade de Kyoto.[3] Ueda ocupou a cátedra de Filosofía da Relixión dende 1977 até a súa xubilación en 1989.[2]
Tras a súa xubilación, seguiu impartindo clases nas universidades de Kyoto e Hanazono, intensificando os seus contactos con Europa como profesor visitante e conferenciante nas universidades de Marburgo, Basilea, Bonn, Düsseldorf, Tubinga, Múnic, Viena ou Zürich.[2][3] Tamén participou nos encontros anuais do Círculo Eranos en Ascona (Suíza).[3]
Finou o 28 de xuño de 2019 aos 93 anos, dunha pneumonía.[1]
Ueda especializouse no pensamento de Nishida Kitarō e, coma el, estudou o budismo zen baixo as categorías filosóficas occidentais. O propio Ueda foi practicante do zen.[3] Foi considerado un membro da Escola de Kyoto.[4]
Entre as súas publicacións, destacan dous dos seus estudos sobre a filosofía de Nishida: Nishida Kitarō wo yomu 西田幾多郎を読む ("Lendo a Nishida Kitarō", 1991) e Nishida Kitarō tetsugaku e no michibiki: Keiken to jigaku 西田哲学への導き 経験と自覚 ("Guía da filosofía de Nishida Kitarō: A experiencia e a autoconciencia", 1998).[3] Tamén escribiu numerosos ensaios, algúns deles en alemán, recompilados pola editorial Iwanami.[3]