Un bar aux Folies Bergère

Un bar aux Folies Bergère
ArtistaÉdouard Manet
Data1881 / 1882
Técnicaóleo sobre lenzo
Dimensións96 cm × 130 cm
LocalizaciónInstitut Courtauld

Un bar aux Folies Bergère (en galego O bar de Folies Bergère) é unha pintura realizada polo pintor Édouard Manet entre 1880 e 1882. Constitúe a derradeira grande obra do pintor antes da súa morte.

A escena, contrariamente ás aparencias, non foi pintada no establecemento do Folies Bergère, senón no taller do pintor. A muller que actúa como modelo, chamada Suzon, é con todo unha empregada do famoso café-concerto.

Os numerosos elementos presentes sobre o mármore: botellas de bebidas alcohólicas, flores e as froitas forman un conxunto piramidal cuxa cúspide se atopa nas flores que adornan o peito da camareira. Porén a característica máis senlleira da pintura que causou unha maior atención da crítica é o espello sobre o cal se reflicte a figura de Suzon. O espello semella non devolver unha imaxe fiel á escena, tanto no que respecta á postura da moza como a presenza do home que se atopa diante da camareira e que non aparece no primeiro plano. Non se concluíu se esta anomalía é o resultado da vontade do artista ou dun sinxelo erro de xuízo.