Viriatos

Emblema.

Viriatos foi o nome xenericamente dado aos voluntarios portugueses que combateron na guerra civil española (1936-1939) ao lado das forzas do bando nacional liderado polo Xeneral Francisco Franco.[1] Constituíu unha peza máis na estratexia de claro apoio do Estado Novo portugués á causa nacionalista española.[2]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

"Viriatos" é unha referencia a Viriato, líder dos lusitanos contra a invasión romana da Península Ibérica no Século II.

Como comezou

[editar | editar a fonte]

O 17 de xullo de 1936 algúns xenerais principian un levantamento militar contra o goberno da República Española.[3] A sublevación espállase por todo o país. Os xenerais sublevados controlan inicialmente as tropas estacionadas en Marrocos, lideradas pola elite castrense, e conseguen despois o dominio de moitas guarnicións na metrópole. Entre os 35 000 homes dos que dispoñen están as Bandeiras da Lexión, compostas con gran número de persoas estranxeiras. Na Lexión, o maior grupo de estranxeiros é o formado por portugueses.[4]

Forma de participación

[editar | editar a fonte]

Nas primeiras semanas da guerra o exército portugués tentou formar a Legião Viriato para axudar aos sublevados en España, pero foi desmantelada antes de que calquera recrutamento tivese lugar, despois de que incidentes pro-republicanos en Portugal convencesen ao goberno de que a intervención directa en apoio do bando nacional podería causar maiores disturbios.[5] Debido a ampla publicidade dada á Legião Viriato todos os voluntarios portugueses que subsecuentemente se enrolaron nas unidades militares do bando nacional foron coñecidos como Viriatos.

Os voluntarios portugueses combateron integrados nos diversos corpos militares do bando nacional: bandeiras da Lexión Estranxeira, milicias da Falanxe e dos Requetés, aviación ou unidades regulares do exército.[6]

Na aviación, destacaron pilotos como José Adriano Pequito Rebelo, Sepúlveda Veloso e Simão Aranha[7].

Entre os dinamizadores desta participación destacou o capitán de artillaría Jorge Botelho Moniz, que era tamén nesa altura o presidente do Rádio Clube Português.

Número de voluntarios

[editar | editar a fonte]

O seu número total é aínda materia de controversia. Algunhas estimacións apuntan un número máximo de 6 000.[8] O historiador Christopher Othen afirma que o número foi próximo aos 8 000.[9] Segundo Antony Beevor participaron 12 000.[10]

Alén diso, unha misión de observación militar portuguesa con membros das tres ramificacións das forzas armadas portuguesas estivo presente en España a partir de 1937 co obxectivo dual de protexer os intereses dos voluntarios estranxeiros portugueses e recoller información sobre as leccións aprendidas durante a guerra civil.[11] Aínda que esta misión tivo oficialmente un papel de non combatente, o seu continxente da forza aérea participou en misións de combate.[12]

Posición do goberno

[editar | editar a fonte]

Esta intervención portuguesa na Guerra Civil Española ao lado do bando nacional non tivo carácter oficial, malia que recibise de diversos xeitos o apoio do goberno ditatorial de Salazar.

  1. "Salazar e a Guerra Civil de Espanha". www.fmsoares.pt. Consultado o 07/03/2019. 
  2. "Guerra Civil de Espanha ano a ano". Guerra Civil de Espanha ano a ano. Consultado o 07/03/2019. 
  3. Baranová, Tereza (2007). "Portugal e a Guerra Civil de Espanha" (PDF). Filozofická fakulta. Consultado o 07/03/2019. 
  4. Visão História - nº18 Dezembro 2012
  5. Christopher Othen (2008). Franco's International Brigades. Reportage Press. p. 78. ISBN 9780231704250. 
  6. Cf. OLIVEIRA, César. Salazar e a Guerra Civil de Espanha. Lisboa: O Jornal, 2.ª ed. 1988, pg. 259.
  7. Cf. Herrera Alonso, Emilio. «Viriatos do Ar: Aviadores portugueses en la guerra de España», in Aeroplano n.º 12.
  8. Cf. OLIVEIRA, César, ob. cit., pg. 247.
  9. Christopher Othen (2008). Franco's International Brigades. Reportage Press. p. 79. ISBN 9780231704250. 
  10. Antony Beevor. La guerra civil española. ISBN 9788484326656. 
  11. Christopher Othen (2008). Franco's International Brigades. Reportage Press. p. 214. ISBN 9780231704250. 
  12. Christopher Othen (2008). Franco's International Brigades. Reportage Press. p. 215. ISBN 9780231704250. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]