Voo 211 de US-Bangla Airlines | |
---|---|
![]() O avión do accidente en 2014
| |
Resumo | |
Data | 12 de marzo de 2018 |
Causa | baixo investigación |
Lugar | aeroporto de Katmandú |
Coordenadas | |
Orixe | aeroporto de Dacca |
Destino | aeroporto de Katmandú |
Finados | 51 |
Feridos | 20 |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | Bombardier Dash 8 Q400 |
Operador | US-Bangla Airlines |
Rexistro | S2-AGU |
Pasaxeiros | 67 |
Tripulación | 4 |
Superviventes | 20 |
O voo 211 de US-Bangla Airlines era un voo regular internacional de pasaxeiros operado por US-Bangla Airlines dende o aeroporto internacional Shahjalal en Dacca, Bangladesh ao aeroporto internacional Tribhuvan en Katmandú, Nepal. O 12 de marzo de 2018 ás 14:18 hora local (08:30 UTC), o avión que operaba o voo, un Bombardier Dash 8 Q400 de 76 asentos, esnafrouse na aterraxe e incendiouse.[1]
Había 67 pasaxeiros e 4 tripulantes a bordo; 51 persoas morreron mentres que 20 sobreviviron con feridas.[2][3][4] Este foi o terceiro accidente dun avión comercial con vítimas no ano 2018, tras os accidentes do voo 703 de Saratov Airlines e do voo 3704 de Iran Aseman.
O avión accidentado era un Bombardier Dash 8 Q400 con rexistro S2-AGU.[5] O avparello foi entregado pror vez primeira a Scandinavian Airlines en 2001, posteriormente foi vendido a Augsburg Airways en 2008 antes de que US-Bangla Airlines o mercase en 2014. No ano 2015 viuse involucrado nun incidente cando esvarou fóra da pista en Saidpur. Non houbo feridos. O avión tivo danos menores e regresou ao servizo oito horas despois.[6]
O voo saíu do aeroporto internacional Shahjalal en Dacca, a capital de Bangladesh, ás 12:52 hora local (UTC 6:52), levando 67 pasaxeiros e 4 tripulantes, 71 persoas en total, ao aeroporto internacional Tribhuvan en Katmandú, a capital do Nepal. A engalaxe e as etapas do voo de cruceiro transcorreron sen incidentes.[7][8]
A torre de control do aeroporto Tribhuvan inicialmente deulle autorización para aterrar na pista 02, pero a tripulación pediu facelo pola pista 20. A torre de control autorizou entón a aterraxe pola pista 20. Dende a torre preguntaron ao avión polas súas intencións ao que o piloto respondeu "Gustaríame aterrar na 02".[9]
Medios locais informaron que o avión pasou o limiar da pista 02 e aparentemente aterrou antes de esnafrarse. Segundo testemuñas o avión non estaba ben aliñado coa pista.[8] Un dos superviventes destacou que "o avión comezou a comportarse de xeito estraño".[3] Traballadores en terra afirmaron que o aparello balanceouse repetidamente.[7] Mentres aterraba desviouse, saíuse da pista e chocou contra o valado do perímetro do aeroporto.[7] Despois deslizouse e chocou nun campo de fútbol. Un supervivente recordou que mentres o avión estaba aterrando sacudíuse violentamente e esnafrouse, seguido de fortes estoupidos.[8][10] Entón incendiouse tras a rotura dos tanques de combustible. O aparello rompeu en varias partes.[8][11]
Os bombeiros e servizos de emerxencia despregáronse inmediatamente e tardaron uns 15 minutos en apagar as chamas.[12] 31 persoas foron trasladadas a varios hospitais de Katmandú, moitas delas en estado crítico. Os rescatadores atoparon inmediatamente oito corpos no lugar do accidente. Posteriormente atopáronse 32 corpos máis. Morreron 51 persoas no accidente, 40 delas no lugar e as 11 restantes nos hospitais.[7][8][13] O aeroporto estivo pechado durante tres horas debido ao accidente.[2]