Voo 661 de Pakistan International Airlines | |
---|---|
![]() O avión do accidente en 2011
| |
Resumo | |
Data | 7 de decembro de 2016 |
Causa | fallo de motor |
Lugar | preto de Havelian, Paquistán |
Coordenadas | |
Orixe | aeroporto de Chitral |
Destino | aeroporto Benazir Bhutto |
Finados | 47 |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | ATR 42-500 |
Operador | Pakistan International Airlines |
Rexistro | AP-BHO |
Pasaxeiros | 42 |
Tripulación | 5 |
Superviventes | 0 |
O voo 661 de Pakistan International Airlines era un servizo doméstico de pasaxeiros dende Chitral ata Islamabad, en Paquistán. O día 7 de decembro de 2016 o ATR 42-500 que operaba a ruta esnafrouse preto de Havelian.[1][2][3] As 47 persoas a bordo morreron, entre as que estaban o cantante, predicador e empresario Junaid Jamshed,[4] e o Comisionado Adxunto do Distrito de Chitral.[5]
O avión implicado no accidente era un ATR 42-500, con número de serie 663 e rexistro AP-BHO, entregado a Pakistan International Airlines (PIA) en 2007.[6] En 2009 o aparello resultou danado durante un intento de aterraxe en Lahore, pero posteriormente foi reparado e regresou ao servizo.[7] En 2014 tivo un fallo dun motor, que foi substituído sen que se informase de novos problemas.[8] No momento do accidente o aparello tiña máis de 18 700 horas de voo dende que se unise á frota de PIA e realizóuselle a última certificación en outubro de 2016.[2]
O aparello deixou o aeroporto de Chitral ás 3:30 PST e tiña que aterrar no aeroporto Benazir Bhutto de Islamabad ao redor das 4:40.[3] Antes do accidente a tripulación realizou unha chamada de mayday.[9] O avión esnafrouse ao redor das 4:15 quedando os restos en chamas na ladeira dun outeiro entre as vilas de Saddha Batolni e Gug, preto das fábricas de armas de Paquistán en Havelian, na provincia Khyber Pakhtunkhwa, a uns 90 km do aeroporto. Os restos quedaron espallados nunha área duns 2 quilómetros.[10] Segundo unha testemuña, Mohammad Haroon, o avión voaba a moi baixa altura e fixo un ruído agudo, voando de forma errática, de arriba a abaixo, antes de esnafrarse contra o outeiro. "Houbo un gran bang despois de que o avión golpease o lado da montaña e se incendiase".[11]
Foron transmitidos avisos por mesquitas locais para mobilizar a habitantes das vilas, que se apresuraron ao lugar para buscar sobreviventes pero non puideron achegarse debido á calor do incendio.[11] Persoal e helicópteros do exército tamén foron enviados á zona para as operacións de busca e rescate. Taj Muhammad Khan, un funcionario do goberno, dixo que os corpos quedaron queimados máis aló do recoñecemento.[3] Os restos foron levados por aire a laboratorios forenses en Islamabad e Rawalpindi para realizar probas de ADN que axudasen na identificación.[10]
Este foi o sétimo incidente co resultado da perda dun avión de PIA dende o ano 2000. Dos seis anteriores, un tivo vítimas mortais; o voo 688 de PIA en 2006, no cal morreron 45 persoas.[12]
|título=
na posición 1 (Axuda)