Wenfu (文赋) | |
---|---|
Título orixinal | 文赋 |
Autor/a | Lu Ji |
Orixe | China |
Lingua | Chinés clásico |
Xénero(s) | Poesía fu |
Data de pub. | Século III |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Wenfu (chinés tradicional: 文赋; chinés simplificado: 文赋; pinyin: Wénfù; Wade-Giles: Wen2-fu4) é unha das grandes poéticas chinesas, así como unha obra importante no desenvolvemento do xénero de poesía fu 赋.[1] O seu autor, Lu Ji (261-303), emprega o verso para expoñer os fundamentos filosóficos da poesía e as súas formas retóricas.[1]
A súa influencia na literatura chinesa só é comparable á do Wenxin diaolong (século V), de Liu Xie.
Wenfu podería traducirse literalmente como "fu sobre a literatura" ou "fu sobre a escrita". Neste sentido, ten recibido diversos nomes en linguas occidentais, tales como Ensaio sobre a literatura, Exposición poética sobre a literatura ou Rima en prosa sobre a literatura.[2] En castelán, vertiuse como Prosopoema sobre a arte da escrita.[3]
O Wenfu destaca por ser tanto unha exposición sobre teoría da literatura como unha peza de literatura en si mesma.[1] A obra introduciu novos termos para a análise literaria, que continuarían a ser influentes durante séculos.[1] O Wenfu é unha composición rimada mais, ao empregar patróns irregulares, ten sido traducido como prosopoema ou prosa rimada.[2][3]
Lu Ji considera cuestións sobre a filosofía da mente e a súa base cosmolóxica, inspirado en fontes neodaoístas (por exemplo, o filósofo Wang Bi).[1][4] A súa perspectiva considera ao poeta como unha entidade que viaxa polo microcosmos do seu propio espírito. Estas teses filosóficas preséntanse en forma de equiparacións de termos considerados en equilibrio, á maneira propia do fu, que adoita empregar catálogos ou listaxes de elementos. Por exemplo, Lu equipara o que o poeta aprende pensando co que aprende dos libros. Estas identidades amplíanse a diferentes contextos, xogando con afirmacións e negacións para evitar tomar partido por unha soa perspectiva.[1]
O Wenfu inspirou a multitude de poetas modernos, coma Ezra Pound, Gary Snyder, Howard Nemirov, Eleanor Wilner ou Carolyn Kizer, entre outros.[1]
![]() |
A Galipedia ten un portal sobre: China |