Yvonne Madelaine Brill (de nacemento Claeys), nada en Winnipeg o 30 de decembro de 1924 e finada o 27 de marzo de 2013, foi unha enxeñeira aeroespacial canadense-estadounidense.[1] Durante a súa vida profesional participou en diferentes programas espaciais dos Estados Unidos, incluíndo a NASA e o International Maritime Satellite Organization.[2][3]
Os seus pais eran inmigrantes belgas. Estudou na Universidade de Manitoba onde foi disuadida de estudar enxeñaría por ser muller, motivo polo que estudou química e matemáticas.[4]Tras graduarse integrouse no proxecto RAND, enfocado no deseño e construción dos primeiros satélites sen tripulación, foi neste momento que comezou a traballar en propulsión.
O traballo de Brill en sistemas de propulsión contribuíu a desenvolvementos significativos. Desenvolveu o concepto para un novo motor de foguete, un sistema de propulsión con hidracina que mantén a un satélite nunha órbita xeoestacionaria fixa durante máis tempo que outros métodos e cunha carga útil maior. É o sistema de propulsión que empregan os satélites de comunicacións para manterse en órbita.[5]
Tamén estivo involucrada no sistema de propulsión de TIROS (Television Infrared Observation Satellite) o primeiro satélite meteorolóxico.
Foi xerente de propulsión da nave espacial NOVA, un satélite que proporcionaba numerosos datos para a Mariña, e no que logrou implementar un sistema de propulsión de plasma de pulso, algo moi pouco común nese entón.[6]
Brill faleceu por complicacións do seu cancro de peito en Princeton, New Xersei, o 27 de marzo de 2013.[7]
En 1980, Harper's Bazaar e DeBeers Corporation outorgáronlle o seu premio Diamond Superwoman á súa carreira profesional. En 2001 foi galardoada coa Medalla de Servizo Público Distinguido da NASA. Brill recibiu o Premio American Institute of Aeronautics and Astronautics (AIAA) en 2002 e a Medalla John Fritz da American Association of Engineering Societies (AAES) en 2009. En 2011, o presidente Barack Obama outorgoulle a Medalla Nacional de Tecnoloxía e Innovación.[8]
Foi elixida para a Academia Nacional de Enxeñaría en 1987. Foi nomeada membro da Sociedade de Mulleres Enxeñeiras (SWE) en 1985 e recibiu o seu máis alta honra, o Premio ao Logro, o ano seguinte.
A cátedra Yvonne C. Brill do Instituto Americano de Aeronáutica e Astronáutica (AIAA) noméase na súa honra e preséntase anualmente.[9]