Zhoubi suanjing

Zhoubi suanjing
Título orixinal周髀算經
Autor/aZhao Shuang
OrixeDinastía Zhou
Lingualingua chinesa antiga
Tema(s)matemáticas, Astrometría e astronomía
Xénero(s)tratado e obra de referencia
Editorialvalor descoñecido
Data de pub.651 a. C. e 100 a. C.
editar datos en Wikidata ]

O Zhoubi suanjing (chinés tradicional: 周髀算經; chinés simplificado: 周髀算经; pinyin: Zhōubì suànjīng; Wade-Giles: Chou1-pi4 suan4-ching1) é un antigo tratado chinés de astronomía e matemáticas. O Zhoubi é especialmente recoñecido pola súa presentación da cosmoloxía chinesa e dunha variante do teorema de Pitágoras. Afirma conter 246 problemas inventados polo duque de Zhou e outros membros da súa corte, o que situaría a súa composición contra o século XI a.C.. Porén, a versión actual do texto non parece ser anterior á dinastía Han oriental (25-220), con adicións e comentarios de séculos posteriores.

O título orixinal da obra era, simplemente, Zhoubi 周髀. O carácter bi 髀 é un termo literario para o fémur, mais neste contexto refírese aos gnomon, un tipo de paus longos que se empregan para establecer o calendario e outros cálculos astronómicos.[1] Por outra banda, o sinograma zhou 周 é ambiguo, polo que o título da obra pode ser traducido como "Sobre os gnomon e os camiños circulares do ceo",[1] "O manual de interpretación de sombras dos Zhou"[2] ou "Os gnomon da dinastía Zhou".[3] O honorífico Suanjing, engadido posteriormente, significa "Clásico da aritmética",[4] "Libro sagrado da aritmética",[5] "Canon matemático"[3] ou "Clásico das computacións".[6]

Datación

[editar | editar a fonte]

Atopáronse gnomon como os descritos na obra anteriores ao 2300 a.C.; ademais, o duque de Zhou ao que se lle atribúe foi un nobre e rexente da primeira xeración da dinastía Zhou. Segundo a tradición, o Zhoubi procede da época do duque de Zhou, polo que sería o tratado chinés de matemáticas máis antigo coñecido.[1] Non obstante, malia que algunhas pasaxes parecen datar do período dos Reinos Combatentes, a versión actual da obra menciona a Lü Buwei; xa que logo, non pode ser anterior ao século I ou II, durante a dinastía Han oriental. A mención máis antiga ao texto é o monumento dedicado ao astrónomo Cai Yong, do 178 d.C..[7] Tampouco aparece no apartado do Hanshu ou Libro dos Han dedicado aos calendarios, a astronomía e as matemáticas.[1]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Needham 1959, p. 19-20.
  2. Zou 2011, p. 104.
  3. 3,0 3,1 Cullen 2018, p. 758.
  4. Needham 1959, p. 815.
  5. Davis, Hersh & Marchisotto 2011, p. 28.
  6. Elman 2015, p. 240.
  7. Morgan 2018.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]