Adriaan Daniël Fokker, nado na vila de Buitenzorg, nas Indias Orientais Neerlandesas, o 17 de agosto de 1887 e finado en Beekbergen, na provincia neerlandesa de Güeldres, o 24 de setembro de 1972, foi un físico e músico dos Países Baixos.[1]
Fokker naceu nun territorio daquela de soberanía neerlandesa, aínda que hoxe recibe o nome de Bogor e pertence a Indonesia.
Era curmán do enxeñeiro aeronáutico Anthony Fokker, fundador da compañía Fokker de aviación. Estudou Enxeñaría de Minas na Universidade de Tecnoloxía de Delft e popsteriormente Física na Universidade de Leiden, co físico neerlandés gañador dun premio Nobel Hendrik Lorentz, onde acadou seu doutoramento en 1913. Na súa tese, dese mesmo ano, derivou o que a partir de entón se pasou a chamar "ecuación de Fokker-Planck", xuntamente con Max Planck.
Logo do seu período de formación universitaria, continuou as súas investigacións con Albert Einstein, Ernest Rutherford e William Bragg.[2]
Fokker fixo diversas contribucións á relatividade especial e algunhas outras menos coñecidas á relatividade xeral, especialmente para a "precesión xeodésica", o fenómeno de precesión dun xiroscopio de caída libre nun campo gravitatorio.[3]
Na súa faceta de compositor musical e musicólogo, Fokker deseñou e mesmo construíu unha serie de instrumentos de teclado capaces de reproducir escalas microtonais a través dun teclado xeneralizado. O máis coñecido destes instrumentos é un órgano de 31 intervalos iguais ben temperado, coñecido comunmente como órgano Fokker, que foi instalado inicialmente no Museo Teyler de Haarlem in 1951 e posteriormente trasladado á sala de concertos Muziekgebouw aan 't IJ de Ámsterdam, onde se utiliza con regularidade para interpretacións abertas ao públcio.[4]