Biografía | |
---|---|
Nacemento | 16 de maio de 1869 Saint-Dié-des-Vosges, Francia |
Morte | 21 de marzo de 1947 (77 anos) Bordeos, Francia |
Actividade | |
Ocupación | lingüista, profesor universitario |
Empregador | Universidade de Bordeaux (pt) |
Membro de | |
Premios | |
Albert Cuny, nado o 16 de maio de 1869 e finado o 21 de marzo de 1947, foi un lingüista francés coñecido polos seus intentos de establecer correspondencias fonolóxicas entre as linguas indoeuropeas e as semíticas ademais de polas súas contribucións á teoría das laringais.
Estudou co indoeuropeísta francés Antoine Meillet [1]). Desde 1910 ata o seu retiro formal do ensino en 1937 foi profesor de latín e gramática comparada na Universidade de Bordeos [2]. Porén seguiu ensinando sánscrito na universidade o resto da súa vida [3]. Foi correspondente da Académie des Inscriptions et Belles-Lettres [4].
En 1905 participou, so a dirección de Robert Gauthiot e do mesmo Meillet, na tradución ao francés de Grundriss der vergleichenden Grammatik der indogermanischen Sprachen de Karl Brugmann e Berthold Delbrück, summa da reconstrución neogramática do indoeuropeo[5].
O lugar que ocupa Cuny no desenvolvemento da teoría laringal describiuno así Émile Benveniste (1935:148):
A precondición necesaria para calquera reconstrución indoeuropea foi proporcionada polo brillante descubrimento de F. de Saussure en relación coa natureza consonántica do fonema ə. Aceptada e enriquecida por Möller, por Pedersen e Cuny, esta teoría pode darse por establecida hoxe grazas á perspicacia de J. Kuryłowicz, que foi quen de recoñecer dúas das tres variedades do ə indoeuropeo no hitita ḫ.