Asemblea Xeral de Pensilvania | |
---|---|
Tipo | parlamento de estado dos Estados Unidos de América e bicameralismo |
Sede | Pennsylvania State Capitol |
País | Estados Unidos de América |
Na rede | |
https://www.legis.state.pa.us | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Asemblea Xeral de Pensilvania (en inglés, Pennsylvania General Assembly) é o parlamento de Pensilvania, nos Estados Unidos. A súa sede está na cidade de Harrisburg, no edificio do Capitolio estatal. Conta cun total de 253 lexisladores elixidos por sufraxio universal e que integran o Senado ou a Cámara de Representantes.
A actual constitución de Pensilvania, aprobada en 1968, confire o poder lexislativo á Asemblea Xeral concretando a súa estrutura bicameral no seu artigo 2º:[1]
Os candidatos que concorran ás eleccións deben cumprir determinados requirimentos: un mínimo de idade (25 anos para o Senado, 21 para á Cámara de Representantes), ser residente de Pensilvania dende, polo menos, catro anos, e ser veciño do distrito polo que se presenta dende o ano previo, como mínimo.
As sesións lexislativas comezan o primeiro martes de xaneiro para estenderse ata o final de novembro. Tales sesións realízanse diariamente.
O lexislador de calquera das dúas cámaras pode iniciar o proceso facendo unha proposta de lei. A redacción do texto co faise co asesoramento dos servizos xurídicos parlamentarios (chamados en inglés Legislative Reference Bureau) para que cumpra cos requisitos legais. Logo de ser rexistrada, ante a cámara faise a primeira letura do proposta e a presidencia derívaa á comisión parlamentaria que corresponda por temática. A comisión leva a cabo audiciencias públicas e pode aprobar a proposta, facelo con emendas, ou rexeitalo. Superada esta fase, a proposta de lei é obxecto de debate no pleno da cámara para logo ser votada.[2]
Aprobada pola cámara orixinal, envíase á outra, onde o proxecto seguirá as mesmas fases, podendo ser modificada. Se a segunda cámara vota modificacións deberá ser tamén votada na cámara orixinal. Se esta rexeita os cambios, constitúese un comité conxunto con membros das dúas cámaras para intentar chegar a un acordo. O texto pactado debe ser votado afirmativamente por ambas cámaras para ser definitivamente aprobado. No caso de ser rexeitado a proposta de lei queda anulada.[3]
Unha vez superados os trámites parlamentarios e votado o mesmo texto por ambas cámaras, a lei é asinada polos presidentes das dúas e remítese ao Gobernador de Pensilvania. Este pode vetar as leis aprobadas pola Asemblea Xeral, mais o parlamento de Pensilvania pode revogalo se deste xeito votan dous terzos dos membros do Senado e da Cámara de Representantes.[2]
As orixes da Asemblea Xeral remóntanse á propia creación de Pensilvania. Cando William Penn obtivo a propiedade deste territorio do rei Carlos II de Inglaterra, deseñou un regulamento para o goberno da colonia en 1682. Deste xeito, o gobernador contaría cun Consello Provincial de 72 membros a quen lle reserva a iniciativa lexislativa. Ademais, tamén crea a Asemblea Xeral, que non debería ter máis de 200 membros e que podería emendar as leis propostas polo Consello.[4] A Asemblea reúnese por primeira vez en 1682 e lograron que Penn revisara algúns puntos como a eliminación dos votos do gobernador no Consello e redución deste a 18 membros (tres por condado).[5]
Durante a Guerra de Independencia das 13 Colonias, en 1776, Pensilvania dotouse da súa primeira constitución, que establecía un lexislativo exercido pola Asemblea Xeral, agora unicameral.[6] A Asemblea Xeral tiña amplos poderes sobre o xudicial e, sobre todo, sobre o goberno colexiado, chamado Consello Supremo Executivo. As disfuncións entre os poderes e a falta de balances entre eles levou á unha nova constitución, a de 1790, que dividiu a Asemblea Xeral nas dúas cámaras que a integran ata hoxe.[7]
Varios dos membros da convención que redactou a Constitución dos Estados Unidos de 1787 foron membros da Asemblea Xeral de Pensilvania, foi o caso de George Clymer, Thomas Fitzsimons, Thomas Mifflin, Gouverneur Morris, Robert Morris así coma Benjamin Franklin, que chegou a presidir a Asemblea Xeral aínda no período colonial.[8][9] Tamén, James Buchanan, presidente entre 1857 e 1861, foi representante entre 1814 e 1815.[10] O primeiro membro afroamericano foi o representante Harry Bass, quen gañou o escano en 1911.[11] As primeiras mulleres foron as representantes electas en 1923.[12]