Batalla de Xerusalén de 1917 | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Parte de Primeira guerra mundial Fronte de Oriente Medio | |||||||
O xeneral Edmund Allenby entrando en Xerusalén (11 de decembro de 1917) | |||||||
| |||||||
Belixerantes | |||||||
Imperio británico * Reino Unido * Australia * Nova Zelandia * India británica |
Imperio alemán Imperio Otomán | ||||||
Líderes | |||||||
Edmund Allenby Edward Bulfin Philip Chetwode Harry Chauvel |
Erich von Falkenhayn Friedrich Kress von Kressenstein Djevad Pasha Ali Fuad Pasha | ||||||
Baixas | |||||||
18 000 | 25 000 |
A batalla de Xerusalén, tamén coñecida como Operacións de Xerusalén, foi un conxunto de enfrontamentos entre o Imperio británico e o Imperio Otomán, durante a campaña homónima. A loita desenvolveuse desde o 17 de novembro ata o 30 de decembro de 1917, cando a cidade se rendeu. Xerusalén era o obxectivo final da ofensiva do sur de Palestina, durante a campaña do Sinaí, na primeira guerra mundial. Nas operacións, os británicos obtiveron a vitoria en dous enfrontamentos nos montes de Xudea, ao norte e ao leste da liña Hebrón-Junction Station. Estas foron a batalla de Nebi Samwill (17-24 de novembro) e a defensa de Xerusalén (26-30 de decembro). Tamén tivo lugar con éxito o segundo intento de avance a través do Nahr el-Auja (21-22 de decembro), como na batalla de Iafa, aínda que esa cidade xa fora ocupada como consecuencia da batalla de Mughar Ridge o 16 de novembro de 1917.[1]
Esta serie de enfrontamentos sucedéronse entre as forzas británicas do XX Corpo, o XXI Corpo e o Corpo Montado do Deserto en contra do Grupo de Exércitos Yildirim ou Sétimo Exército nos montes de Xudea e o Oitavo exército ao norte de Iafa, ao longo da costa mediterránea. A derrota otomá en Iafa e Xerusalén, así como a perda de 80 quilómetros de terreo durante o avance da Forza Expedicionaria Exipcia cara Gaza, coa ocupación de Beerseba, Gaza, Hareira e Sheria, Tel el Khuweilfe e a batalla de Mughar Ridge, constituíron un grave revés para o Imperio Otomán.[2]
Como resultado destas vitorias, as forzas do Imperio británico capturaron Xerusalén e estableceron unha nova liña fortificada, cunha posición estratéxica. Esta liña ía desde o norte de Iafa na chaira marítima, a través dos montes de Xudea cara a Bireh, ao norte de Xerusalén e seguía cara ao leste do monte das Oliveiras. Coa captura da estrada de Beerseba a Xerusalén a través de Hebrón e Belén, xunto a un territorio otomán substancial ao sur de Xerusalén, o dominio da cidade quedou asegurado. O 11 de decembro, o xeneral Edmund Allenby entrou humildemente na cidade vella a través da porta de Iafa a pé, en lugar de a cabalo ou en vehículos, como unha forma de mostrar respecto á cidade santa. Foi o primeiro cristián en moitos séculos que tivo o control de Xerusalén, lugar de grande importancia para as tres grandes relixións monoteístas. O primeiro ministro do Reino Unido, David Lloyd George, describiu a captura como «un agasallo de Nadal para o pobo británico». A batalla supuxo unha grande inxección de moral para o Imperio británico.[3]
O xeneral británico Edmund Allenby, comandante en xefe da Forza Expedicionaria Exipcia (EEF), obtivera unha vitoria decisiva contra o comandante alemán Erich von Falkenhayn, comandante das forzas otomás en Palestina, na batalla de Mughar Ridge, o 13 de novembro.[4][5][6][7][8][9] A vitoria do Imperio británico obrigou a von Falkenhayn a retirar os seus Sétimo e Oitavo Exércitos (comandados por Fevzi Pasha e Kress von Kressenstein, respectivamente) e trasladar a súa sede desde Xerusalén a Nablus o 14 de novembro. A medida que o III Corpo otomán (Sétimo Exército) chegou a Xerusalén polo camiño de Hebrón despois da súa derrota en Beerseba, ordenouse a construción de defensas arredor de Xerusalén. Este corpo mantívose na cidade, mentres o XX Corpo retirouse desde Junction Station nos montes de Xudea a Xerusalén, deixando unha sólida retagarda para deter ou frear o avance británico. Precisábase tempo para construír as defensas e para a reorganización do Sétimo exército, esgotado e desorganizado. Cando chegou á cidade, o XX Corpo asumiu a responsabilidade das defensas, mentres que o III Corpo continuou movéndose cara ao norte de Xerusalén, ao longo da estrada de Nablus.[10][11]
O Gabinete de Guerra británico advertira a Allenby de non comprometerse a calquera operación que non puidera ser sostible a longo prazo se o avance das tropas británicas non se podía manter.[12] As súas preocupacións estaban vinculadas á publicación de parte do novo goberno bolxevique ruso dunha proposta de paz o 8 de novembro, entre Rusia e o Imperio alemán. O documento, programado para ser asinado o 3 de marzo de 1918, constituíu un tratado de paz por separado e deu lugar á retirada de todas as tropas rusas da guerra. Todas as forzas alemás na fronte oriental puideron entón prestar a súa atención na loita contra as forzas británicas e francesas noutros lugares.[13]
Allenby era consciente da falta de mapas precisos dos montes de Xudea, e que a historia das campañas anteriores na rexión deron claras advertencias en contra de asaltos apresurados ou pouco apoiados nas sólidas murallas occidentais de Xerusalén. As súas forzas de primeira liña estiveran loitando e avanzando por un longo período de tempo, a moitos quilómetros das súas bases, e estaban cansados e esgotados.[14][15] A 56 quilómetros da cabeza de carril en Deir al-Balah, as tropas de Allenby non tiñan unha liña de trincheiras defensivas detrás da cal puideran deter un esforzo concertado dos dous exércitos otománs. Este contraataque que podería facerlles retroceder cara a Gaza e Beerseba.[16][a]
Porén, Allenby revisou a ameaza de contraataque e a situación dos recursos e concluíu que unha forza o suficientemente grande para atacar os montes de Xudea e outra forza para accionar na chaira marítima poderían manterse lonxe da base. Decidiu atacar rapidamente ao Sétimo exército otomán de Fevzi Pasha nos montes de Xudea, coa esperanza de capturar Xerusalén.[12][17] Isto mantería a presión sobre este exército, coa esperanza de que non disporía de tempo para completar a súa reorganización, cavar trincheiras profundas ou, no peor dos casos, a contraatacar.[14][15]
O avance previsto nos montes de Xudea basearíase en gran medida na capacidade das liñas de comunicación para manter as tropas de primeira liña subministradas con alimentos, auga e municións. Porén, tratábase de operar a distancias considerables das áreas de cabeza de carril e a base, e como resultado, o avance viuse obrigado a deterse o 17 de novembro para que os recursos se adiantaran nas áreas controladas polas columnas, que foran enviadas de novo á cabeza de carril para aprovisionarse de racións e outros recursos.[18][19]
O transporte dos recursos desde a estación terminal era unha operación lenta pero continua de 24 horas ao día, xa que o exército otomán destruíra como puido gran parte da súa infraestrutura durante a súa retirada. Só os camións do Servizo do Exército Británico (ASC) e os camelos do Corpo de Transporte de Camelos Exipcio poderían utilizar o único camiño, estreito e mal asfaltado, desde Gaza ata Junction Station. Entre Gaza e Beit Hanun, o camiño estaba sen asfaltar e profundo na area, facendo moi difícil o avance dos camións, ata cunha carga lixeira dunha tonelada. Os recursos tamén foron enviados por mar, desembarcando en Wadi Sukhrir e máis tarde en Iafa. A falta de infraestrutura en Iafa significaba que todos as subministracións traídas por barco tiveron que ser cargados de xeito transversal en botes, que desembarcaban as racións nas praias. Tales operacións dependían en gran medida das condicións meteorolóxicas, polo que a cantidade de recursos transportados por mar era limitada. Pero a alimentación dos cabalos do exército era unha tarefa enorme: a ración de marcha dun cabalo era de 4,2 kg de gran ao día. Incluso esta pequena cantidade, que carecía de alimentos a granel, multiplicábase cos 25 000 cabalos do Corpo Montado do Deserto, resultaba en máis de 100 toneladas de gran ao día. Serían necesarios cen camións para os cabalos, así como o transporte das racións requiridas polas tropas na fronte.[20][21]
Todos os camións e camelos organizáronse en convois que se dirixiron cara ao norte desde a cabeza de carril, ao longo da estrada de Gaza a Junction Station, de Dier el Belah a El Mejdel e despois a Julius, onde as unidades 26 e 27 do Depósito de Subministracións (DUS) estableceu almacéns avanzados de alimentos, para que serviran á División Montada Australiana e a División Montada ANZAC.[22] A partir destes depósitos, as seccións da 5.ª Compañía (Corpo de Servizo do Exército de Nova Zelandia) e as 32.ª, 33.ª e 34.ª Compañías (Corpo de Servizo do Exército de Australia) serviron á División Montada ANZAC e as 35.ª, 36.ª, 37.ª Compañías serviron á División Montada Australiana. Estas compañías; que operaban con vagóns, cabalos e mulas, servían ás súas brigadas durante as operacións e, cando foi necesario, formábanse nos trens durante as accións da división. Un camión estableceuse en Ramleh, onde descargou os recursos e as Compañías de Transporte distribuíronos entre as unidades de vangarda. Os membros do Corpo Exipcio de Traballo, como apoio, traballaron xunto ao Cuerpo de Servizo do Exército de Australia transportando, cargando e descargando os vagóns de subministracións do General Service Limber solicitados polas brigadas. O enorme esforzo das seccións de subministración foi similar ao das columnas de municións, quen tamén traballaron para subministrar cartuchos ás unidades de combate, nunha operación continua parecida.[23][24]
O 15 de novembro, o comandante do Corpo Montado do Deserto, o tenente xeneral Harry Chauvel emitiu ordes para a División Montada de Cabalería, dirixida polo maior xeneral G. de S. Barrow, e a División Montada ANZAC, dirixida polo maior xeneral Edward Chaytor, para continuar o avance en Ramleh e Lod, situadas a 8 km da Junction Station.[25] Ese día, a División Montada de Cabalería chegou á estrada de Xerusalén despois dun ataque realizado pola Sexta Brigada Montada, dirixida polo xeneral de brigada C. Godwin, en Abu Shusheh. Esta carga de cabalería describiuse posteriormente como moito de moito maior risco que a de Mughar Ridge, debido á natureza rochosa do terreo onde os xinetes atacaron.[26] A Brigada Montada de Rifles de Nova Zelandia, dirixida polo brigadier xeneral W. Meldrum, asegurou o flanco esquerdo do EEF ao ocupar Iafa o 16 de novembro. Esta cidade foi capturada como resultado da vitoria en Ayun Kara dous días antes, o que obrigou ao Oitavo exército otomán a retirarse a Nahr el Auja, que desemboca no mar a 6,4 km ao nordeste de Iafa.[27][28] A retirada do Sétimo exército otomán colocounos ao norte da posición do Oitavo exército, o que abriu o flanco dereito dese exército para atacar. Como resultado, o Sétimo exército viuse obrigado a afastarse máis aínda do sector costeiro, dentro dos montes de Xudea. Alí, fronte a Xerusalén, as unidades da infantaría otomá crearon unha cobertura defensiva.[29]
A pesar da continua presión da EEF, as dúas forzas opostas operaron en terreos que favorecían a defensa. Ademais da retagarda deixada polo XX Corpo do Sétimo exército otomán, que se retirou ás montañas, o Sétimo exército lograra establecer unha liña de trincheiras principalmente individuais que corrían de sur a suroeste en alturas, ata 6,4 km de Xerusalén, co apoio de redutos ben situados.[18] O recoñecemento aéreo do 17 de novembro descubriu que a estrada ao norte de Xerusalén a Nablus estaba atestada de refuxiados.[30]
O 18 de novembro, cando Allenby estaba no cuartel do XXI Corpo británico en Kastine, tomou a decisión de seguir de cerca ao Sétimo exército otomán nos montes de Xudea.[31]. Esta decisión ideouse coa certeza de que o exército otomán tiña pouco tempo para reagruparse ou para construír defensas que, con máis tempo, poderían resultar inexpugnables.[32]
O plan de Allenby consistía en evitar enfrontamentos en ou preto de Xerusalén, pretendendo cortar todos os accesos por estrada á cidade e obrigar ao exército otomán a evacuala.[33] Ordenou a dúas divisións de infantaría: a 52.ª Lowland, dirixida polo maior xeneral J. Hill, e a 75.ª División, dirixida polo maior xeral P. C. Palin, e dúas divisións montadas: a división de Cabalería e as Divisións Montadas Australianas, para comezar o avance.[b] Estas deberían moverse cara ao leste desde Latrún, que fora capturado o 16 de novembro, na mesma dirección que a estrada de Iafa a Xerusalén.[31][34]
A infantaría da 75.ª División tiña que ascender pola estrada principal, a pesar das varias demolicións levadas a cabo polos otománs, que se retiraban pola estrada asfaltada que corría de leste a oeste a través de Amwas.[34][35] Á esquerda e ao norte da 75.ª se encontraba a 52.ª División Lowland, que se abría paso a través de estradas secundarias ou vías de Lod a Xerusalén. Máis ao norte, á esquerda da 52.ª Lowland, a División Montada de Cabalería tiña que moverse ao norte e ao noroeste. O seu obxectivo era cortar as liñas de comunicación do Sétimo exército otomán en Bireh, a 13 km ao norte de Xerusalén, no camiño da estrada de Xerusalén a Nablús.[34][35]
As brigadas 6.ª, 8.ª e 22.ª da División Montada de Cabalería, xunto á 20.ª Brigada e a Real Artillaría Montada, movéronse cara ao norte a través da antiga calzada romana de Lod a Ramleh, a través de Berfilya e Beit Ur el Tahta, cara Bireh.[35] Ao mesmo tempo, a 53.ª División Galesa, dirixida polo maior xeneral S. F. Mott, avanzaba cara ao norte, ao longo da estrada de Beerseba a Xerusalén, para tomar Hebrón e Belén antes de moverse cara ao leste para asegurar o camiño de Xerusalén a Xericó.[33]
A 75.ª División, xunto ás Divisións Montadas Australianas e de Cabalería, comezou a súa incursión nos montes de Xudea, o 18 de novembro:[31][c]
Todos os exércitos que trataron de tomar Xerusalén pasaron por aquí, salvo o de Xosué. Filisteos e hititas, babilonios e asirios, exipcios e romanos e gregos, cabaleiros cruzados francos, todos pasaron por aquí, e todos regaron o outeiro de Amwas co seu sangue.R.M.P. Preston
O primeiro obxectivo era capturar e asegurar as alturas a ambos os dous lados da estrada de Iafa a Xerusalén en Amwas, polo que a 75.ª División podería avanzar polo camiño e os montes de Xudea. Ascendendo pola liña de ferrocarril no Wadi Surar, á dereita da infantaría da 75.ª estaba a 2.ª Brigada de Cabalería Lixeira da División Montada ANZAC, que se uniu temporalmente á División Montada Australiana. O 9.º Rexemento de Cabalería Lixeira levou a cabo un movemento de xiro ata o Wadi es Selman, ao norte de Amwas, para chegar ao pobo de Ialo, a 3,2 km ao leste. Logo do éxito desta operación, a División Montada Australiana moveu o resto do seu campamento á desembocadura do Nahr Sukereir. Continuando o avance na mañá do 19 de novembro, a infantaría da 75.ª División atopou a Amwas evacuada, pero a vangarda do 8.º Rexemento Montado da División Montada de Cabalaría e a 3.ª Cabalaría do Condado de Londres loitaron a 3,2 km de Beit Ur el Tahta esa noite, mentres que a 22.ª Brigada Montada alcanzou Shilta.[31][33]
A tan só 3,2 km tras a entrada da estrada cara Xerusalén nos montes de Xudea, a 75.ª División cruzou a través do paso Bab al-Wad.[37] O 19 de novembro, a infantaría da 75.ª División avanzou pola estrada; a súa 232.ª Brigada deixara Abu Shusheh ás 07:30 horas para ocupar a cidade deserta de Amwas e ata as 11:00 horas, o rexemento 58.º Fusileros de Vaughan da 234.ª Brigada loitara na estrada ata chegar á altura de Bab el Wad.[38]
Tras Bab el Wad, a estrada a Xerusalén continuaba a través de vales profundos e estreitos, sobre os escarpados ramais, e arredor dos desniveis dos outeiros rochosos. A pesar de que había outras formas de pasar polos outeiros, as outras rutas supoñían un conxunto de vías sen asfaltar, ásperos e rochosos camiños —a miúdo, pouco máis que camiños para transitar en burro— que fixeron que o movemento de infantaría, cabalería desmontada e artillaría fora moi difícil.[37] A áspera pista estendíase a través de estreitos vales e apoiábase sobre deformadas arestas afiadas, que eran rotas por outeiros cónicos e sucesivas capas de rochas que sobresaían das súas ladeiras, a uns poucos metros.[39] Era virtualmente imposible enviar avanzadas apoiadas pola artillaría ao norte ou ao sur da estrada principal.[39] Ademais, as fortes choivas e as condicións frías, húmidas e lodazais, constataron que era imposible despregar o armamento da 75.ª División fora da estrada. Ese armamento chegara o día anterior traído por equipos de ata 8 cabalos por arma.[40]
Todas as actividades militares fixéronse aínda máis difíciles polas condicións invernais. O terreo esvaraba e as negras e densas néboas reducían a visibilidade. Non era posible avanzar despois das 17:00 horas, momento no cal o principal posto miliar se situaba a menos de dous quilómetros da aldea de Saris. As unidades de infantaría da 75.ª División avanzaran 16 km desde a mañá e tiveron que acampar na estrada, baixo os disparos dos francotiradores otománs.[38][41]
Durante a noite do 19 de novembro, unha tormenta eléctrica seguida de choiva torrencial caeu sobre ambos exércitos. En poucas horas, cada leito nos vales e na chaira estaba inundado. O chan negro, duro e firme do verán, nas condicións invernais converteuse en pegañoso e pesado para a marcha e case intransitable con vehículos con rodas. A temperatura, que fora quente durante o día e agradable pola noite, baixou rapidamente ata converterse nun frío penetrante. Os soldados da infantaría estiveran marchando co seu uniforme de verán lixeiro, con pantalóns curtos de tela cruzada e túnicas. Co só unha manta e/ou un abrigo, esa roupa tan só daba unha pouca protección fronte a choiva e o intenso frío.[42]
Nestas condicións, as forzas otomás encontradas no camiño foron as retagardas que von Falkenhayn ordenara establecer ao XX Corpo, xa que se retirou de novo a defender Xerusalén. Estaban establecidas sobre os cumes montañosos, estas retagardas compostas por grupos pequenos situados nos outeiros. Cada unha desas posicións foron atacadas por tropas indias e nepalís, que derrotaron aos defensores.[38]
En adición á liña de Nahr Sukrerir, estendíase a Beit Jibrin xunto con Summeil e El Tineh, onde se librou a batalla de Mughar Ridge, as posicións da EEF e os exércitos otománs na noite do 19 de novembro de 1917, como se observa no mapa esquemático.
Coa súa sede en Nablus, o Sétimo exército otomán foi despregado para defender Xerusalén; o seu flanco esquerdo estaba cuberto pola 3.ª División de Cabalería do III Corpo. A infantaría da 27.ª División estaba ao carricho sobre a estrada de Hebrón a Xerusalén. A infantaría da 53.ª División Galesa do XX Corpo sostivo unha liña diante de Nebi Samwil, coa infantaría da 26.ª División en reserva. A infantaría que defendía Bireh no camiño de Xerusalén a Nablus eran da 24.ª División, coa infantaría da 19.ª División na metade de camiño entre Bireh e Nablus. O Oitavo exército otomán, con sede en Tulkarem, despregou a súa XXII Corpo no campamento de Nahr el Auja. Estendíanse desde a costa as 3.ª, 7.ª e 16.ª Divisións, practicamente en liña coa infantaría británica de 54.ª División no interior.[43]
A brigada líder da infantaría da 52.ª División Lowland, que chegara a Beit Likia o 19 de novembro avanzando a través dunha pista ao norte da estrada principal, foi detida preto de Kuryet el Enab por unha retagarda otomá armada con metralladoras en Kustal e Beit Dukka.[44] As posicións otomás estaban fortemente defendidas e a 52.ª División Lowland non puido avanzar ata que baixou a néboa pouco antes do solpor o día 21 de novembro, dando á 75.ª División a oportunidade de despregarse rapidamente, subir a crista da montaña e derrotar ás forzas otomás coas baionetas.[11] Esa noite, as tropas británicas tomaron as súas racións de ferro (transportadas polos homes como racións de emerxencia), e algúns atoparon refuxio en condicións miserables nun gran mosteiro e sanatorio. O frío e choivas da noite resultaron especialmente duras para aqueles que non lograron atopar refuxio. Non chegaron novos recursos ata o mediodía do día seguinte debido á conxestión dos estreitos camiños.[45][46]
A infantaría da 52.ª División Lowland colocouse en posición entre 75.ª División a súa dereita e a División Montada de Cabalería a súa esquerda. A División Montada de Cabalería, avanzando cara Beit Ur el Foqa e Bireh na estrada de Nablus, a 16 km ao norte de Xerusalén, debía unirse coa infantaría da 75.ª División en Bireh e cortar a estrada de Nablus a Xerusalén. Aínda que a resistencia en Saris parecía debilitarse, ás 11:00 horas o progreso seguía sendo lento.[45][47] Saris foi finalmente conquistada na tarde do 21 de novembro.[11]
Operando nos outeiros, ao norte das divisións de infantaría, a División Montada de Cabalería seguía loitando para avanzar. Moveuse a través das zonas máis difíciles e inhóspitas dos montes de Xudea cara Beit Ur el Tahta nunha columna de fila india de case 9,7 km de lonxitude[48] Ás 11:30 horas do 21 de novembro, o rexemento líder da Cabalería Dorset descendeu dos montes sobre os que descansa Beit Ur al-Fauqa e encontrouse coas unidades otomás que defendían o bordo occidental do Zeitun Ridge fronte eles.[45] Nesta cordilleira, ao oeste de Bireh, permanecían 3000 tropas otomás (a totalidade da 3.ª División Otomá de Cabalería e a metade da 24.ª División) con varias baterías de artillaría. Aínda que os británicos foron capaces de tomar brevemente a crista da montaña, axiña se viron obrigados a abandonala.[49] As fortes choivas e o tempo frío supuxeron unha dura proba, tanto para homes como animais, mentres fixeron varios intentos infrutuosos para forzar o seu camiño ata as empinadas ladeiras rochosas da cordilleira. Nas primeiras horas da tarde chegaron desde o norte máis reforzos otománs, que contraatacaron con forza. Obrigaron á División Montada de Cabalería a regresar ao profundo barranco, ao lado oeste da ladeira.[50] Esa noite, a Cabalería Berkshire enfrontouse ás unidades otomás no fondo do val en medio dunha choiva torrencial.[45] A situación tornouse seria e se deron ordes para as tres brigadas de separarse e retirarse a Beit Ur el Foqa, acción que se levou a cabo na escuridade.[51] Non houbo apoio aéreo, posiblemente polo mal clima, ata que os días 22 e 24 de novembro o escuadrón N°1 do Corpo Aéreo Australiano puido levar a cabo bombardeos aéreos en Bireh.[30]
A batalla de Nebi Samuel identificouse oficialmente polos británicos como iniciada o 17 de novembro e rematada o 24 de novembro.[1] Porén, ata o 21 de novembro a infantaría da 75.ª División aínda continuaba co seu avance ata Bireh. Ese día, mentres que a división de infantaría xirou cara ao nordeste atallando a través da fronte da 52.ª División Lowland, o seu avance quedou bloqueado en Biddu polas forzas otomás atrincheiradas no cume de Nebi Samuel, controlando así Xerusalén e as súas defensas.[52][53] Este outeiro, onde segundo a tradición está a tumba do profeta Samuel, foi conquistado nas últimas horas da tarde pola 234.ª Brigada da 75.ª División, tras unha longa batalla.[11][52] A 52.ª División Lowland tomara o camiño máis difícil, mentres que a 75.ª División dirixiuse directa cara ás aproximacións do suroeste.[11] Ao día seguinte, sucedéronse varios contraataques infrutuosos por parte das tropas otomás.[54] Na loita pechada, os soldados otománs contraatacaron con forza, chegando ata as portas da mesquita antes de que a infantaría Gurkha os combatera.[55] O Sétimo Exército de Fevzi loitou contra as dúas divisións de infantaría de Allenby ata chegar a un punto morto.[56]
Os ataques das tres divisións británicas foron contidos por tres divisións otomás. Os británicos sufriron máis de 2 000 baixas, pola contra, non hai estimación sobre o número de baixas otomás.[57] Un mapa esquemático que mostra as posicións dos exércitos o 28 de novembro indica que a área de Nebi Samwil aínda permanecía preto do terreo disputado pola 60.ª División London dos británicos e a 53.ª División otomá. Pola súa banda, o importante enlace por estrada entre Xerusalén e Nablus aínda permanecía baixo o control otomán.[58][d]
O 24 de novembro Allenby ordenou o retroceso das tres divisións da EEF do XXI Corpo e o Corpo Montado do Deserto.[59] Co fin de mobilizar esas grandes formacións unha pausa era inevitable, polo que o ataque suspendeuse, pero von Falkenhayn e o seu exército otomán decatáronse do cesamento temporal das hostilidades.[60][61]
O avance de dúas divisións de infantaría e unha montada polos montes de Xudea ata Xerusalén suspendeuse na área de Nebi Samwil o 24 de novembro. Ese mesmo día, a infantaría da 54.ª División East Anglian e a División Montada ANZAC comezaron o seu ataque a través de Nahr el Auja na costa mediterránea, ao norte de Iafa.[57][59] A única brigada montada dispoñible era a Brigada Montada de Rifles de Nova Zelandia, que estivera en servizo de gornición na cidade ocupara de Iafa desde o 16 de novembro.[62] A beira norte do río estaba sendo defendida polas 3.ª e 7.ª Divisións do Oitavo exército otomán.[29]
A Brigada Montada de Rifles de Nova Zelandia avanzou a través do río e estableceu dúas cabezas de ponte. A primeira foi a través da ponte na estrada principal preto de Khirbet Hadrah (tamén denominado Khurbet Hadra) e a segunda foi en Sheik Muanis, preto da desembocadura do río. Estas operacións tiveron dous obxectivos: gañar territorio e desalentar ao Oitavo exército otomán de levar tropas aos montes de Xudea para reforzar ao Sétimo exército. Despois do éxito das accións da Brigada Montada de Rifles de Nova Zelandia, dous batallóns de infantaría da 54.ª (East Anglian) División mantiveron as dúas cabeceiras da ponte na beira norte, ata que se viron superados en número nun ataque o día 25 de novembro,[14][63] polas 3.ª e 7.ª Divisións do Oitavo exército otomán que os expulsaron das cabeceiras da ponte e restauraron a situación táctica.[29]
Von Falkenhayn e o Exército otomán buscaron beneficiarse da situación de debilidade e fatiga das divisións do Imperio británico, que estiveran loitando e avanzando desde os primeiros días do mes.[64]
Debido aos problemas de abastecemento durante o avance de Beerseba, Allenby mantivo ao XX Corpo de Philip W. Chetwode cubrindo a parte traseira das liñas de comunicación. Estas tropas gozaron de 10 días de descanso na retagarda, onde foron facilmente abastecidos e recompostos. Foron estas tropas frescas do XX Corpo as que recibiron as ordes de facerse cargo das operacións de primeira liña nos montes de Xudea contra as defensas otomás do Sétimo exército. A 60.ª División London, comandada polo xeneral John Shea, chegou a Latrún o 23 de novembro desde Huj e o 28 de novembro relevaron á seriamente debilitada infantaría das 52.ª e 75.ª Divisións, sen gran capacidade de loita. Ese mesmo día, a 74.ª División Yeomanry, comandada polo xeneral de división E. S. Girdwood, chegou a Latrún desde Karm. Dous días despois, a 10.ª División Irish, comandada polo xeneral J.R. Longley, tamén chegou a Latrún desde Karm. A 53.ª División Welsh, co Rexemento do Corpo de Cabalería e unha batería pesada, mantívose na estrada de Hebrón, ao norte de Beerseba, seguindo as ordes directas do Cuartel Xeral (GHQ); máis adiante foron coñecidos como o Destacamento de Mott.[54]
Na semana do 27 de novembro, o Exército otomán lanzou unha serie de ataques de infantaría, empregando tácticas de choque, coa esperanza de romper as liñas británicas, durante o período de desestabilización creado pola recomposición e retroceso das tropas.[64] Os contraataques foron lanzados polas 16.ª e 19.ª Divisións nos montes de Xudea, en Nebi Samwil e na meseta de Zeitun. Os ataques tamén se lanzaron contra as liñas de comunicación británicas, a través dunha brecha entre as forzas británicas na chaira marítima e nos montes de Xudea, e tamén contra varias unidades británicas esparexidas na chaira marítima.[65]
Os seguintes ataques a Nebi Samwill tiveron lugar o 1 de decembro e foron rexeitados polo Sétimo exército otomán, que sufriu un gran número de perdas.[66]
O 4 de decembro Allenby escribiu: Quero chegar a Bire[h], e consolidalo cuanto antes, xa que cubre todos os camiños e a todos os comandos (...) Se consigo Bire[h] e os outeiros que cobren a boca do río Auja ao N. de Iafa vou estar nunha boa posición forte; para a ofensa ou para a defensa. De todos modos teño que consolidar o lugar, e esperar ata que se amplíen as liñas de ferrocarril. Estou operando lonxe dos meus oficiais e algúns dos meus puntos fortes se están debilitando. (...) Non teño unidades de reserva. —Carta do xeneral Allenby a William Robertson, xefe do Estado Maior Xeral Imperial (4 de decembro de 1917).[67]
|
Para o 1 de decembro, a loita por Xerusalén estaba a piques de terminar. O exército otomán non puidera gañar ningún terreo como resultado dos seus contraataques, e as tropas británicas que avanzaban foron sendo substituídas con éxito polos seus compañeiros exhaustos que estaban ben atrincheirados preto de Xerusalén.[68] O 2 de decembro, completouse o relevo do XXI Corpo polo XX Corpo cando a 10.ª División Irish substiutíu á 52.ª División Lowland.[69][66] Ambos bandos comezaron a axustar e mellorar as súas liñas, abandonando lugares inseguros ou difíciles de defender. Os británicos incrementaron o número de soldados na súa liña para crear unha concentración de grande alcance. Durante catro días, a 10.ª División e a 74.ª División estenderon as súas posicións, mentres que a posición estendida a cargo da 60.ª División acurtouse.[68][70]
O 3 de decembro, o 16.º Batallón do Rexemento de Devonshire, a 229.ª Brigada e a 74.ª División Yeomanry capturaron de novo Beit Ur el Foqa. Este ataque da infantaría lanzouse desde a cabeceira de Wadi Zeit ás 01:00 horas, e para as 03:30 horas a aldea xa fora capturada, xunto con 17 prisioneiros e tres metralladoras.[71] Porén, a posición era imposible de soster, xa que estaba dominada polas posicións otomás, en terreo máis alto. Os bombardeos e combates corpo a corpo continuaron durante toda a mañá, e o batallón acabou por retirarse, sufrindo 300 baixas.[69] Afirmouse que para o 3 de decembro o exército otomán xa detivera os seus contraataques e que a loita nos montes de Xudea xa rematara.[64][69]
Mentres, na estrada de Hebrón ata Belén, ao sur de Xerusalén, a 53.ª Welsh División (coñecida como o Destacamento de Mott) continuara co seu avance para chegar ata os 7,2 km ao sur de Hebrón o 4 de decembro. Despois de que dous vehículos blindados lixeiros australianos da Batería Lixeira de Motor Blindado (LAMB) que avanzaban desde o norte non reportaron unidades otomás en Hebrón, continuaron ata o val de Dilbe esa noite.[72][73]{{efn|Unha Patrulla Lixeira de Carros asaltou Beit Jibrin e Beit Netief, e en Wadi es Sunt pasou por diante dunha compañía de soldados otománs e atacou coas súas metralladoras, conducindo a toda velocidade a través das liñas otomás. Incapaz de retirarse, dirixiuse en dirección ás Piscinas de Salomón e ao sur ata Hebrón, que se encontraba abandonado polo exército otomán. Do mesmo modo, avanzaron as liñas británicas un pouco máis ao sur.</ref>
Chetwode ordenou entón a Mott avanzar o máis rápido posible para chegar a unha posición a 4,8 km ao sur de Xerusalén na mañá do 8 de decembro. A vangarda de Mott moveuse de novo, tentativamente, durante a noite do 5 de decembro a 4,8 km ao norte de Hebrón.[74]. Para o 7 de decembro, o destacamento de Mott entrara en contacto coa posición defensiva otomá de Belén, situada a 6,4 km do seu obxectivo, pero o mal tempo impediu o avance.[75] O destacamento de Mott avanzou cara ao norte a tempo para cubrir o franco dereito da 60.ª División e para cortar o camiño de Xerusalén a Xericó.[76] A pesar de estar baixo as ordes directas do Cuartel General, o Destacamento de Mott aínda estaba na carreta ao sur de Hebrón a Belén, o 7 de decembro, aínda que Mott logrou capturar as Piscinas de Salomón, situadas ao sur de Belén na tarde dese día.[77]
Durante as case continuas choivas do 8 de decembro, Xerusalén deixou de estar protexida polo Imperio Otomán.[78][79] Chetwode (comandante do XX Corpo), que relevara a Bulfin (comandante do XXI Corpo), puxo en marcha o avance final para tomar as alturas ao oeste de Xerusalén ese mesmo día.[78] O Sétimo exército otomán retirouse durante a noite e a cidade rendeuse ao día seguinte.[80]
O alcalde de Xerusalén, Hussein Salim al-Husseini, intentou entregar o escrito do gobernador otomán da rendición daa cidade aos sarxentos James Sedgewick e Frederick Hurcomb, dos 2/19.º Batallóns do Rexento de Londres, que se encontraban nas aforas dos límites occidentais de Xerusalén na mañá do 9 de decembro de 1917. Os dous sarxentos, que exploraban por diante da forza principal de Allenby, se negaron a tomar o escrito. Finalmente foi aceptado polo xeneral de brigada C.F. Watson, comandante da 180.ª Brigada.[81]
Xerusalén estaba case rodeada pola EEF, aínda que mantivo brevemente algunhas unidades do Exército otomán no Monte das Oliveiras, o 9 de decembro. Estas tropas se viron superadas pola 60.ª División na tarde do día seguinte.[82]
Debido á gravidade do asedio da cidade e o sufrimento que este país pacífico soportou das súas armas pesadas, e por temor a que estas bombas mortais cheguen aos lugares santos, vémonos obrigados a entregarlle a cidade a través de Hussein al-Husseini, o alcalde de Xerusalén, coa esperanza de que vai a protexer a Xerusalén da forma na que nos a protexemos durante máis de quiñentos anos. Firmado. Izzat, Mutasarrif de Xerusalén.[83]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Batalla de Xerusalén de 1917 |
A Galipedia ten un portal sobre: Israel |