Beatriz Gimeno Reinoso, nada en Madrid o 9 de maio de 1962[1], é unha política e activista española en favor dos dereitos LGBT. Desde xuño de 2015 é deputada por Podemos da X Lexislatura da Asemblea de Madrid[2] e responsable da área de igualdade de Podemos na Comunidade de Madrid.[3] Foi presidenta da Federación Española de Lesbianas, Gays, Transexuales y Bisexuales entre 2003 e 2007, período no que se aprobou o matrimonio entre persoas do mesmo sexo en España e Madrid foi elixida como sede do Europride 2007.[4]
Beatriz Gimeno estudou Filoloxía semítica.[1] En 1985 foi vivir coa súa familia a Sevilla, e en 1988 comezou a asistir a reunións dunha asociación feminista, primeira das moitas nas que posteriormente chegou a militar.[1] Ao regresar a Madrid uniuse ao Colectivo de Gays, Lesbianas, Transexuales y Bisexuales de Madrid, e en 1995 comezou a centrarse na FELGTB.[1] Foi Secretaria Xeral da federación até que en 2002 asumiu a presidencia en substitución de Pedro Zerolo.[1] Foi substituída no cargo o 6 de marzo de 2007 por Antonio Poveda, e pasou a ser vogal de cultura dentro da FELGTB, promovendo os estudos LGBT na cultura e a universidade.[5] Beatriz Gimeno é colaboradora de diversos medios de comunicación, como o diario dixital El Plural.
Nas eleccións autonómicas de Madrid celebradas en 2015 Gimeno concorreu como número 4 nas listas de Podemos, e acadou un escano como deputada ao Parlamento de Madrid.[6] En febreiro de 2017 liderou xunto a Miguel Urbán a lista da corrente Anticapitalistas para as primarias de Podemos.[7]
Gimeno sinalou a existencia dun 'machismo gay' dentro do movemento homosexual, debido ao cal as mulleres serían 'dobremente discriminadas' pola súa condición de lesbianas e mulleres.[8] Publicou diversas obras especializadas sobre o tema do feminismo lésbico e posicionouse en numerosas ocasións en contra da legalización da prostitución, denunciando a mercantilización e o neoliberalismo sobre os corpos das mulleres.[9][10]
Durante a tramitación da lei para aprobar en España o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, Gimeno, como Presidenta da FELGTB, arremeteu contra a postura do Partido Popular e da igrexa católica, que se opuñan de forma frontal á regularización das parellas homosexuais. A FELGTB convocou unha manifestación multitudinaria, coincidindo coa celebración do día Internacional do Orgullo LGBT, para celebrar a aprobación da nova lei.[11]
Tras unha relación dunha década coa tamén activista FELGTB Boti García Rodrigo, casaron en decembro de 2005. Á voda -oficiada por Inés Sabanés, coa participación do concelleiro do PSOE Pedro Zerolo e do PP Luis Asua- asistiron 110 persoas, entre elas o coordinador xeral de IU Gaspar Llamazares, a secretaria de Estado de Cooperación Internacional Leire Pajín, o Defensor do Poblo (Ararteko) do País Vasco Íñigo Lamarca, a escritora Almudena Grandes e o poeta Luis García Montero.[12] Gimeno ten un fillo nado na década de 1980.[1]
![]() |
A Galipedia ten un portal sobre: Diversidade sexual |
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Beatriz Gimeno |