Bell 30 | |
---|---|
Fabricante | Bell Aircraft |
Deseñado por | Arthur M. Young |
Primeiro voo | 26 de xuño de 1943 |
Unidades construídas | 3 |
O Bell 30 foi o prototipo do primeiro helicóptero comercial, e o primeiro helicóptero producido pola Bell Aircraft Company.[1] Deseñado por Arthur M. Young, o tipo serviu como un banco de probas para o exitoso Bell 47.[1]
Arthur M. Young experimentara só con deseños de helicópteros usando modelos a escala, e no ano 1941 achegouse á Bell Aircraft Corporation en Buffalo, Nova York. A compañía accedeu a fabricar varios prototipos a tamaño real e Young mudouse a Buffalo. Coas principais fábricas de Bell inmersas na produción de guerra, e para asegurar un programa de investigación e desenvolvemento o suficientemente privado e sen distraccións, Young e o seu equipo movéronse ao suburbio de Gardenville (West Seneca) en Buffalo. O primeiro accidente grave do prototipo Ship 1 ocorreu a finais de 1942 nunha proba en catividade, cando un piloto de Bell solicitou probar o aparello sen usar o cinto de seguridade e colgando dos controis en vez de estar na cabina aberta. Este intento de voo en catividade deu como resultado que o sistema do rotor "entrase en resoancia" como advertira o deseñador Arthur Young, provocando unha inestabilidade fixo que as palas se desprendesen.[2] O primeiro voo libre do Ship 1 realizouse o 26 de xuño de 1943, sendo o terceiro helicóptero estadounidense en voar.[3]
O prototipo Ship 1 con rexistro NX41860 tiña unha cabina aberta, unha fuselaxe pechafa para o motor de pistón Franklin, e un tren de aterraxe fixo de tres rodas.[1] O motor impulsaba un rotor principal de dúas palas e un rotor de cola doutras dúas. O prototipo esnafrouse en setembro de 1943 e foi substancialmente modificado con varias melloras, incluída unha cabina pechada para piloto e pasaxeiro, que se sentaban en paralelo.[3] Co aprendido o terceiro prototipo converteuse na base do modelo de produción, o Bell Model 47.[1] O Model 30 Ship 1A, Genevieve, no presente está exposto no Steven F. Udvar-Hazy Center do Museo Nacional do Aire e o Espazo dos Estados Unidos.[4]