Biografía | |
---|---|
Nacemento | 19 de novembro de 1924 Santarém, Portugal |
Morte | 30 de agosto de 1980 (55 anos) Lisboa, Portugal |
Educación | Universidade de Coímbra |
Actividade | |
Ocupación | poeta, escritor |
Premios | |
Bernardo Santareno, pseudónimo literario de António Martinho do Rosário, nado en Santarém o 19 de novembro de 1920 e finado en Oeiras o 29 de agosto de 1980, foi un dramaturgo portugués do século XX.
Bernardo Santareno naceu o 19 de novembro de 1920, en Santarém, no Ribatejo, fillo de Maria Ventura Lavareda e de Joaquim Martinho do Rosário. Estudou no Liceu Nacional de Sá da Bandeira até 1939, en Santarém, tras o que frecuentou os cursos preparatorios para a Facultade de Medicina, na Universidade de Lisboa. En 1945 trasladouse para a Universidade de Coímbra, onde se licenciou en medicina en 1950[1]. Despois especializouse en Psiquiatria.[2]
En 1957 e 1958, a bordo dos navíos David Melgueiro, Senhora do Mar e do navío-hospital Gil Eanes, acompañou as campañas de pesca do bacallau como médico.[3] A súa experiencia no mar serviría de inspiración a moitas das súas obras, como O Lugre, A Promessa e o volume de narracións Nos Mares do Fim do Mundo.
Bernardo Santareno foi distinguido por dúas veces co Premios Bordalo. Primeiro, foille atribuído o Óscar da Prensa 1962, na categoría Teatro, xuntamente cos actores Laura Alves e Rogério Paulo e o Teatro Moderno de Lisboa, entregado pola Casa da Prensa en 1963. O ano seguinte, seríalle novamente atribuído na mesma categoría o Premio Prensa 1963, agora acompañado dos actores Eunice Muñoz e Jacinto Ramos, do autor Luís de Sttau Monteiro e da Compañía do Teatro Moderno de Lisboa.[4]
Intelectual de esquerda, tivo varias veces problemas co réxime salazarista, tendo a súa peza A Promessa que ser retirada de escena tras a estrea por presión da Igrexa Católica.[2] Despois da revolución de 1974 militou activamente no partido MDP/CDE e no Movemento Unitario dos Traballadores Intelectuais.[2]
Bernardo Santareno faleceu en Carnaxide, Oeiras, en 1980, con 59 anos de idade, e está sepultado no Cemiterio dos Praceres, en Lisboa.[5]
En 1981, Bernardo Santareno foi feito Grande Oficial da Orde Militar de Sant'Iago da Espada o 13 de xullo.[6]
Santareno deixou inédito un dos seus máis vigorosos dramas, O Punho, cuxa acción se localiza no cadro revolucionario da Reforma Agraria, en terras alentejanas. A súa obra dramática completa está publicada en catro volumes. Parte da biblioteca de Bernardo Santareno encóntrase no Arquivo de Cultura Portuguesa Contemporánea da Biblioteca Nacional de Portugal. O seu libro O Lugre foi transformado nun filme titulado Terra Nova, cuxa estrea en Portugal estaba prevista para marzo de 2020 e foi adiada pola crise do coronavirus.[7] Outras obras súas tamén foron adaptadas ao cinema e a telefilmes.[8]
Médico de profesión, formado pola Universidade de Coímbra, revelouse como autor de teatro só despois de publicar tres libros de poesía (1954 - Morte na Raiz, 1955 - Romances do Mar, 1957 - Os Olhos da Víbora), onde se enunciam algúns temas e motivos dominantes da súa obra dramática.
Recoñecido como o máis puxante dramaturgo portugués do século XX, a súa obra repártese por dous ciclos, menos distanciados un do outro do que a evolución estética e ideolóxica do autor terá feito supor, xa que as pezas comprendidas en calquera deles responden á mesma cuestión esencial: a reivindicación feroz do dereito á diferenza e do respecto pola liberdade e a dignidade do home fronte a todas as formas de opresión, a loita contra todo o tipo de discriminación, política, racial, económica, sexual ou outra.
Esta temática exprésase, nas pezas integrantes do primeiro ciclo (A Promessa, O Bailarino e A Excomungada, publicadas conxuntamente en 1957; O Lugre e O Crime de Aldeia Velha, 1959; António Marinheiro ou o Édipo de Alfama, 1960; Os Anjos e o Sangue, O Duelo e O Pecado de João Agonia, 1961; Anunciação, 1962), a través dun naturalismo poético apoiado nunha linguaxe extremamente plástica e coloquial e estruturado sobre unha acción de ritmo ofegante que atinxe, nas escenas finais, un clima de tráxico paroxismo.
A partir de 1966, coa "narrativa dramática" O Judeu, que retrata o calvario do dramaturgo setecentista António José da Silva, o autor plasma as súas creacións no molde do teatro épico de matriz brechteana, adaptándoo ao seu estilo propio, e asume unha posición de crecente intervencionismo que irá retardar até á caída do réxime fascista a representación desa e das súas pezas seguintes: O Inferno, baseada na historia dos "amantes diabólicos de Chester" (1967), A Traição do Padre Martinho (1969) e Português, Escritor, 45 Anos de Idade (1974), drama cargado de anotacións autobiográficas e que sería o primeiro orixinal portugués en estrearse despois de restaurada a orde democrática no país.[9]
En 1979, despois dunha curta incursión no teatro de revista, colaborando con César de Oliveira, Rogério Bracinha e Ary dos Santos na autoría do texto da peza de Sérgio de Azevedo, P'ra Tras Mija a Burra (1975), publica catro pezas nun acto co título xenérico Os Marginais e a Revolução (Restos, A Confissão, Monsanto e Vida Breve em Três Fotografias), en que combina elementos das dúas fases da súa obra, inserindo a problemática sexual das primeiras pezas no ámbito máis vasto dun convulsivo proceso social que é a propia substancia das segundas.
Santareno, el mesmo un "homosexual discreto" aborda a temática da homosexualidade en moitas das súas pezas,[10] antevendo a importancia que esta cuestión — e outras relacionadas cos dereitos e as liberdades individuais fronte aos prexuízos morais e sociais da época, como o adulterio, a virxindade, o papel da muller no casamento, a moral relixiosa, e outros — virían a ter nun futuro máis ou menos próximo. A homosexualidade desempeña un papel central no drama dalgunhas das súas obras, como en O pecado de João Agonia, en que o "pecado" é a orientación sexual de João, ou en Vida Breve em Três Fotografias, en que a prostitución masculina é o punto focal.
Publicado en 1959. En 1934 no Marco de Canavezes, Portugal, unha moza dunha pequena aldea foi queimada viva para tiraren do demo do corpo. Bernardo Santareno construíu en torno desa historia un texto violento e intrigante sobre os preconceitos, medos e paixóns dos homes e sobre a maneira como estes o guían e cegan. A historia de Joana, a máis bela rapariga da contorna, desexada por todos os mozos en idade casadoira e mesmo por aqueles que xá non debían pensar nesas cousas, é a historia da envexa e sospeita das mulleres das aldeas. A crenza nun poder de sedución, de inspiración diabólico, os desequilibrios sociais, o seguimento do libro de São Cipriano...[11]
Publicada en 1966 está considerada unha das mellores pezas teatrais portuguesas do século XX.[12]
Xa en 1866 Camilo Castelo Branco publicara unha novela tamén inspirada na historia do dramaturgo portugués seiscentista António José da Silva, coñecido como o judeu e queimado polo Santo Oficio. Ao contar a historia do dramaturgo, Bernardo Santareno establece uma alegoría do regime Salazarista e da súa persecución de qualquera tipo de discurso libre. A Inquisición, o tribunal, a manda de denunciantes e afíns que condenan a António José da Silva á fogueira tem evidente paralelo na ación da PIDE e na censura ideolóxica e política ben como no réxime opresor. Santareno cría uma peza eminentemente política na acepción pura da palabra.[12]
Publicou en 1959 un volume de narrativas, Nos Mares do Fim do Mundo, froito da súa experiencia como médico da frota bacalloeira, experiencia que dramaticamente traspuxo en O Lugre.