Blackburn Roc

Blackburn Roc
Tipocaza embarcado
FabricanteBlackburn Aircraft
Boulton Paul
Primeiro voo23 de decembro de 1938
Introducidoabril de 1939
Retirado1943
Principais usuariosRoyal Navy
Unidades construídas136

O Blackburn Roc foi un caza embarcado británico usado pola Fleet Air Arm durante a Segunda guerra mundial e deseñado por Blackburn Aircraft Ltd. Recibiu o seu nome do paxaro mitolóxico dos contos das mil e unha noites, o Roc. Derivado do Blackburn Skua e desenvolvido en paralelo, o Roc tiña o seu armamento nunha torreta. O Roc chegou a ser visto como inferior aos avións existentes como o Skua e o tipo só operou brevemente en primeira liña de servizo.

Deseño e desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

O 31 de decembro de 1935 o Ministerio do Aire británico publicou a especificación O.30/35 para un caza embarcado armado cunha torreta.[1] Blackburn propuxo un derivado do bombardeiro en picado Blackburn Skua, do cal se pediran dous prototipos para a Fleet Air Arm a principios dese ano, mentres que Boulton Paul propuxo o P.85, unha versión redeseñada do caza con torreta baseado en terra P.82 (creado para a especificación F.9/35, e que posteriormente entraría en servizo como o "Defiant"), cun motor radial Bristol Hercules ou un en liña Rolls-Royce Merlin.[1][2][3] Aínda que se agardaba que o "Sea Defiant" fose 137 km/h máis rápido, finalmente escolleuse o Roc.[3]

Ao igual que o Skua, o B-25 Roc era un avión monoplano cantilever con dúas prazas e de construción totalmente metálica, equipado cun tren de aterraxe de cola retráctil, mentres que as súas ás podían pregarse para poder almacenarse a bordo de portaavións. Estaba impulsado por un motor radial Bristol Perseus cunha hélice de tres pás e usaba a mesma torreta Boulton Paul Type A que o Defiant, con catro metralladoras Browning de 7,7 mm. Conservou os freos de picado das ás do Skua, con soportes baixo as mesmas para dúas bombas de 110 kg e oito bombas de prácticas.[4][5]

O 28 de abril de 1937 o Ministerio do Aire realizou un pedido por 136 Roc. Como Blackburn xa tiña moita carga de traballo polos pedidos do Skua e do torpedeiro Botha para a RAF, decidiuse subcontratar o deseño detallado e a produción a Boulton Paul en Wolverhampton, que atrasou as entregas do Defiant.[6][7]

Prototipo do Roc en maio de 1939

O primeiro voo dun Roc foi o 23 de decembro de 1938; o seu manexo era aceptable e mellor que o do Skua, pero o seu rendemento era pobre, cunha velocidade máxima de tan só 359 km/h.[8] Algúns xa se decataran de que este rendemento era inaxeitado, co Quinto Lord do Mar (o xefe do sevizo aéreo da armada) Alexander Ramsay suxerindo en outubro de 1938 que o Roc fose abandonado. Porén, permitiuse que a fabricación continuase xa que a cancelación podería causar moitos problemas para Boulton Paul, e no seu canto iniciáronse plans para adaptar o avión como remolcador de obxectivos.[9]

Ademais do seu principal rol como caza embarcado, o Roc tamén debería ser capaz de operar como un hidroavión, desenvolvéndose un kit de conversión para poder instalar os frotadores dun Blackburn Shark, pero a primeira conversión deste tipo demostrou ser inestable e en decembro de 1939 o avión esnafrouse cando estaba sendo probado no Marine Aircraft Experimental Establishment de Helensburgh, ao onde fora levado ao principio da guerra. Aínda que a instalación dunha aleta ventral agrandada solucionou os problemas de estabilidade, o efecto dos frotadores no rendemento do avión era demasiado grande como para ser ignorado, baixando a súa velocidade máxima a tan só 311 km/h e abandonáronse os plans para formar un escuadrón de cazas equipados con hidroavións Roc.[10] O hidroavión Roc probouse novamente en 1942 para determinar se podería ser útil como remolcador de brancos, substituíndo ao hidroavión Blackburn Shark nese rol, pero finalmente foi rexeitado, cumpríndose os requisitos con avións baseados e terra como o Miles Martinet.[11]

Historial operacional

[editar | editar a fonte]
Prototipo do Roc con frotadores

As entregas do Roc comezaron cos 800 e 803 Naval Air Squadrons equipados con Skua a finais de 1939, con tres ou catro Rocs suplementando aos Skuas. Cando o 803 Squadron moveuse á base de RAF Wick no norte de Escocia para proporcionar cobertura de cazas á base da Royal Naval en Scapa Flow, nas Illas Orcadas, os Rocs demostraron ser ineficaces, sendo descritos como un "obstáculo constante" polo oficial ao mando do escuadrón, que solicitou que fosen substituídos por máis Skuas.[12]

Durante a campaña aliada en Noruega un pequeno continxente de Rocs viaxaron cos 800 e 801 Naval Air Squadrons a bordo do HMS Ark Royal (o 803 abandonara os seus Rocs para converterse nun escuadrón só de Skuas). En Noruega os Roc usáronse para realizar patrullas aéreas de combate sobre a frota e novamente tiveron moi pouco uso, demostrando ser pouco axeitados para interceptar avións alemáns.[13]

Skuas e Rocs operaron sobre o canal da Mancha no verán de 1940 na operación Dynamo e na operación Aerial, as evacuacións das forzas aliadas de Dunkerque e doutros portos franceses. Probablemente a única vitoria confirmada do Roc ocorreu o 28 de maio de 1940, cando un Roc do 806 Naval Air Squadron, voado polo piloto A. G. Day, e dous Blackburn Skua interceptaron cinco Junkers Ju 88 que estaban atacando un convoi na costa de Oestende en Bélxica. Voando por debaixo dos Junkers mentres os Skuas atacaban dende arriba, o Roc de Day destruíu un dos Ju 88 antes de regresar á base de RAF Detling. Rocs e Skuas do 801 Naval Air Squadron metrallaron e bombardearon submarinos alemáns no porto de Boulogne-sur-Mer o 12 de xuño, danando a varios deles, e o 20 de xuño Skuas e Rocs foron usados para bombardear localizacións de artillaría en Cap Gris Nez.[14]

O Roc foi relegado a tarefas de rescate no mar e remolque de brancos en varios lugares; a No 2 Anti-Aircraft Co-operation Unit en Gosport recibiu 16 Rocs para substituír os Blackburn Shark en xuño de 1940.[15] O 26 de setembro de 1940 durante unha patrulla de rescate, o piloto D. H. Clarke e o seu artilleiro, o sarxento Hunt, enfrontáronse a un hidroavión Heinkel He 59, tamén nunha misión de rescate, que lles disparara primeiro. Os dous avións intercambiaron fogo ata que acadaron a costa de Francia, onde o Heinkel escapou danado.[16] Algúns Rocs enviáronse ás Bermudas, onde os dous últimos exemplares foron retirados do servizo en xuño de 1943.[14][17] Os últimos catro Roc estacionados no HMS Daedalus en Gosport sobreviviron ata finais de 1944, todos eles non estaban en condicións de voar, coas súas torretas sendo aínda usadas para a defensa antiaérea.[15][18]

Especificacións

[editar | editar a fonte]
Roc Mk.I L3154

Características xerais

[editar | editar a fonte]
  • Tripulación: 2
  • Lonxitude: 10,85 m
  • Envergadura: 14,02 m
  • Pedo: 3,68 m
  • Superficie da á: 29 m2
  • Peso baleiro: 2 776 kg
  • Peso bruto: 3 606 kg
  • Motores: 1 × Bristol Perseus XII de 9 cilindros refrixerado por líquido de 890 cabalos
  • Hélices: hélice de paso variable de 3 pás

Rendemento

[editar | editar a fonte]
  • Velocidade máxima: 359 km/h a 3 000 m
  • Velocidade de cruceiro: 217 km/h
  • Alcance: 1 300 km cun tanque de longo alcance de 320 litros
  • Teito de servizo: 5 500 m
  • Ritmo de ascenso: 7,6 m/s

Armamento

[editar | editar a fonte]
  • Metralladoras: 4 Browning de 7,7 mm na torreta dorsal motorizada
  • Bombas: 8 bmbas de 14 kg
  1. 1,0 1,1 Brew 2002, p. 26
  2. Jackson 1968, p. 399
  3. 3,0 3,1 Buttler, 2004 p.55
  4. Mason 1992, p. 271
  5. Jackson 1968, pp. 411-412
  6. Jackson 1968, p. 412
  7. Buttler, 2004 p. 54
  8. Thetford 1978, p. 60
  9. Brew 2002, pp. 38-39
  10. Brew 2002, pp. 50-51
  11. Aeromilitaria 1982, p. 24
  12. Willis, Aeroplane, decembro de 2007, p. 57
  13. Willis, Aeroplane, decembro de 2007, p. 58
  14. 14,0 14,1 Willis, Aeroplane, decembro de 2007, p. 59
  15. 15,0 15,1 Mondey 1994, p. 37
  16. Kinsey 1992, p. 80
  17. Jackson 1968, pp. 415-416
  18. "Blackburn Roc". web.archive.org. 2007-08-06. Archived from the original on 06 de agosto de 2007. Consultado o 2022-03-27. 

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Brew, Alec. The Turret Fighters: Defiant and Roc. Ramsbury, Marlborough, Wiltshire, UK: Crowood Press, 2002. ISBN 1-86126-497-6.
  • Buttler, Tony (2004), British Secret Projects: Fighters & Bombers 1935-1950, Hinckley: Midland Publishing, ISBN 1857801792.
  • Jackson, A.J. Blackburn Aircraft since 1909. London: Putnam, 1968. ISBN 0-370-00053-6.
  • Mason, Francis K. The British Fighter since 1912. Annapolis, Maryland, USA: Naval Institute Press, 1992. ISBN 1-55750-082-7.
  • Thetford, Owen. British Naval Aircraft since 1912. London: Putnam, Fourth edition, 1978. ISBN 0-370-30021-1.