Bristol Beaufort | |
---|---|
Tipo | torpedeiro |
Fabricante | Bristol Aeroplane Company |
Primeiro voo | 15 de outubro de 1938 |
Introducido | 1939 |
Retirado | 1944 |
Principais usuarios | Real Forza Aérea de Australia Mando Costeiro da RAF Fleet Air Arm |
Unidades construídas | 1 121 (+700 en Australia) |
Variantes | Bristol Beaufighter |
O Bristol Beaufort (designación do fabricante Type 152) era un bombardeiro británico bimotor deseñado por Bristol Aeroplane Company, e foi desenvolvido a partir da experiencia gañada deseñando e construíndo o anterior bombardeiro lixeiro Blenheim.[1] Bristol e outros construtores británicos construíron polo menos 1 180 Beaufort.
O Departamento de Produción de Aeronaves (DAP) do goberno australiano tamén fabricou variantes do Beaufort. Estes normalmente son coñecido como DAP Beaufort.[2] Máis de 700 Beaufort fabricados en Australia operaron coa Real Forza Aérea de Australia no teatro do suroeste do Pacífico, onde foron usados ata o final da guerra.
Os Beaufort operaron primeiro co Mando Costeiro da Royal Air Force e despois coa Fleet Air Arm da Royal Navy a partir de 1940. Usáronse como torpedeiros, bombardeiros convencionais e minadores ata 1942,[3] cando foron retirados do servizo activo e usáronse como adestradores ata que se declararon obsoletos en 1945.[4] Os Beaufort tamén viron considerable acción no Mediterráneo; escuadróns de Beaufort baseados en Exipto e Malta axudaron a interceptar buque do Eixo con subministracións para o Deutsches Afrikakorps de Rommel no Norte de África.
Aínda que foi deseñado como torpedeiro, o Beaufort foi máis usado como bombardeiro medio diúrno. O Beaufort tamén voou máis horas como adestrador que en misións operacionais e perdéronse máis en accidentes ou por fallos mecánicos que polo fogo inimigo.[5] O Beaufort adaptouse como un caza pesado de longo alcance nunha variante chamada Beaufighter, que demostrou ser moi exitoso e moitas unidades de Beaufort pasáronse finalmente ao Beaufighter.[6]