Teka Cantabria | |||
---|---|---|---|
Entrada para o partido de volta da final da Recopa en La Albericia entre o Cantabria e o TBV Lemgo (27 de abril de 1996). | |||
Nome completo | Club Balonmano Teka Cantabria | ||
Cidade | Santander, España | ||
Historia | 1975-2008 | ||
Fundado | 1975 | ||
Disolto | 2008 | ||
Pavillón | Pavillón de La Albericia (4 000 espectadores) | ||
Presidente | Pedro Ruiz | ||
Adestrador | Juan Domínguez | ||
Títulos | |||
Copa de Europa | 1993-94 | ||
Copa EHF | 1992-93 | ||
Recopa de Europa | 1989-90 e 1997-98 | ||
Liga ASOBAL | 1992-93 e 1993-94 | ||
Copa do Rei | 1988-89 e 1994-95 | ||
Copa ASOBAL | 1990-91, 1991-92, 1996-97 e 1997-98 | ||
Supercopa de España | 1992-93 e 1994-95 | ||
Mundial de Clubs | 1996-97 | ||
Cores | Azul e branco | ||
O Club Balonmano Cantabria (1975-2008) foi un equipo de balonmán da cidade de Santander (Cantabria). Foi fundado en 1975 co nome de Grupo Deportivo Teka Santander, herdeiro do club La Salle Authi de Los Corrales de Buelna. Foi un dos clubs máis laureados de España e de Europa. Debido a problemas económicos, mudou a súa denominación en 1995, baixo o patrocinio de Caja Cantabria, que abandonou o seu patrocinio en 1999, adoptando o club o nome de Club Balonmano Cantabria e volvendo a Teka, denominándose o equipo Teka Cantabria ata a súa desaparición no ano 2008, tras un breve período no que foi propiedade do Racing de Santander.[1][2]
A nivel nacional participou na Liga ASOBAL dende a súa fundación en 1990 pola Asociación de Clubs Españoles de Balonmano (ASOBAL) ata a súa desaparición. A Liga ASOBAL foi a herdeira da antiga liga española de balonmán que, entre 1958 e 1990, e coa denominación de División de Honra, organizou a Federación Española de Balonmano. En total, o club participou en 18 ocasións na máxima categoría, gañando o título en dúas ocasións (1992-93 e 1993-94). Ademais adxudicouse outros títulos nacionais como a Copa do Rei e a Supercopa de España, ambas en dúas ocasións, ou a Copa ASOBAL, que gañou catro veces. A nivel internacional conquistou nunha ocasión a máxima competición europea de balonmán entre clubs, a Copa de Europa, así como o Campionato Mundial de Clubs, a Recopa de Europa en dúas ocasións, ou a Copa EHF.
A nivel individual destacou Talant Dujshebaev, xogador do club dende 1992 a 1997 e que foi nomeado en dúas ocasións Xogador do Ano da IHF, ademais de adxudicarse ao longo da súa carreira numerosos títulos nacionais e internacionais. Durante a maior parte da súa historia, o club xogou no Pavillón de La Albericia, aínda que tamén nas súas últimas tempadas disputou partidos no Palacio de Deportes de Santander, que dispuña de maior capacidade que o anterior.
O Club Balonmano Cantabria fundouse en 1975 baixo o nome de Grupo Deportivo Teka Santander, logo da fusión do La Salle Authie o Santander OJE. Por motivos de patrocinio chamouse GD Teka Ciclotour.[3] Herdeiro club La Salle Authi de Los Corrales de Buelna, ocupou a súa praza, xa que as súas instalacións non estaban cubertas e non podía participar na segunda categoría nacional.[4] O porteiro de La Salle Authi, José Antonio Revilla, fundou este club tras falar con José Gómez, responsable da empresa Teka, que os patrocinou con 25 000 pesetas e accedeu a ser o presidente da entidade.[4][5] Logo de varios anos na segunda categoría, na tempada 1979-80 disputou a fase de ascenso a División de Honra, a máxima categoría nacional. Para iso debía impoñerse nun dos dous grupos creados, mais non o conseguiu. Ao ano seguinte tampouco puido conseguir o ascenso, sendo o club malagueño Caja de Ronda o que ascendeu no grupo B.[6] O ano seguinte tamén disputou a fase de ascenso, mais nesa ocasión ascendeu o CD Cajamadrid, no grupo 2.[7][8] Na tempada 1982-83 volveu disputar o ascenso enfrontándose no grupo A ao NIFSA Las Palmas, ao Móstoles e ao San Antonio. Tras cinco encontros, o Teka enfrontouse en Santander ao NIFSA, líder do grupo, ao que derrotou por 25-15, conseguindo o ascenso de categoría.[9] Pouco despois enfrontouse ao campión do outro grupo, que tamén conseguiu o ascenso, o Granollers-2. Este partido decidía o campión nacional de Primeira, e que gañou o Teka por 26-21.[10] O equipo nese partido estivo composto por Goñi, Badín, Merino, Iglesias, Solar, Morante, Mazorra, Charly, Sagarduy, Sanromán, Bárcena e Ortiz.[10] Pasaran oito tempadas en Primeira División e realizaran tres intentos frustrados nas diferentes fases de ascenso a División de Honra, nas cales mantivérase o mesmo adestrador, Rafael Pastor, e o mesmo capitán, Pedro Bárcena.[5][11]
Na súa primeira participación na División de Honra (1983-84) finalizou como noveno clasificado con 21 puntos e mantivo a categoría na última xornada, na que gañou ao CD Cajamadrid por 31-25.[12] Nesa tempada destacou Senad Fetahajić, que fora fichado xunto a Gordan Žigić, Estrella, Postigo, Francés, Domínguez e Eslava.[4][13][14]
Na tempada seguinte, o equipo fichou ao porteiro Miguel Ángel Zuñiga, a Julián Ruiz, a Ramos, a Gabi Ben Modo, a Paco Otí, e ao balcánico Slobodan Batinović.[13] Conseguiron disputar a Copa do Rei, aínda que foron eliminados en semifinais polo F. C. Barcelona.[15] Con todo, o Barcelona enfrontouse na final ao Atlético de Madrid, que tamén estaba clasificado para competicións europeas, polo que os semifinalistas disputaron un encontro para saber quen disputaría o ano seguinte a Recopa de Europa. O Teka enfrontouse en Alcalá de Henares ao Tecnisa Alicante, gañando por 30 goles a 20.[16] Ese ano, para determinar o campión do título de liga disputáronse dúas fases. A primeira fase servía para poder dividir a segunda en tres grupos: o que disputaba o título, o de permanencia e o da zona media. O Teka clasificouse no grupo B (zona media), clasificándose primeiro con 8 puntos, só por detrás dos catro equipos que formaban o grupo que loitaba polo título: Atlético de Madrid, Barcelona, Tecnisa e Cacaolat Granollers.[17]
A tempada 1985-86 foi o debut do club nunha competición europea, a Recopa de Europa. Para afrontar esta tempada prescindiuse de Fetahajić e Žigić e fichouse a Cimic, a Eduardo Sala e a Carlos Juan.[13] Na primeira rolda da competición europea o equipo enfrontouse ao HC Volksbank Köflach austríaco, ao que derrotaron en ambos partidos por 25-27 e 31-23.[18][19] Nos oitavos de final venceron ao Vikingur Reikiavik de Islandia por 21-22 e 20-18.[20][21][22] Nos cuartos de final enfrontáronse ao VÁEV Epitok de Hungría, ao que gañaron na casa por 19 goles a 16, mais ante o que perderon por 29-20 en Veszprém, sendo eliminados.[23]
Esa mesma tempada, logo dun mal comezo na liga, o responsable da sección de balonmán, Antonio Revilla, substituíu o adestrador Rafael Pastor polo ex xogador Luis Morante.[24] Co cambio gañaron ao Atlético de Madrid e remataron clasificándose para disputar a segunda fase entre os mellores, no grupo A. Con todo, foron sextos e últimos do grupo, polo que non puideron disputar a terceira fase entre os catro mellores.[25] Finalmente foron segundos do grupo A-2 e puideron disputar como sextos da liga a Copa do Rei.[26] A Copa do Rei disputouse en dúas sedes, en Santander e en Alacant. O Teka enfrontouse na casa ao Atlético de Madrid e ao Cacaolat Granollers, para acceder á semifinal contra o Barcelona. Con todo, perdeu por 26 goles a 20, malia ter chegado a ir gañando por 16-17.[27]
Na tempada 1986-87 substituíuse a Cimic e Batinović por outros dous iugoslavos, Mladinović e Rašić, que procedían do RK Metaloplastika Šabac. Outras fichaxes foron Esteban, Félix Martínez e Miera.[13] Clasificáronse para disputar a segunda fase no grupo A-1, no que chegou a ir primeiro logo de gañar ao Barcelona no Palau Blaugrana.[28] Con todo, unha mala racha non lles permitiu acceder á eliminatoria polo título e finalizaron últimos con tres vitorias, dous empates e cinco derrotas.[29] Na terceira fase só puideron ser terceiros por detrás do Atlético de Madrid e o Cacaolat, e tampouco puideron participar na Copa do Rei.[30]
Ao ano seguinte contratouse ao porteiro Perico García, ao central Chechu Villaldea, ao pívot Luisón García, ao lateral dinamarqués Otto Mertz, e ao adestrador Javier García Cuesta.[13] Modificouse o sistema de liga, cunha primeira fase con 12 equipos e unha segunda na cal sumábanse os puntos conseguidos entre os equipos que compuñan o grupo, 6. O equipo pasou á segunda fase como sexto clasificado con 8 puntos acumulados[31] e terminou sendo quinto con 16 puntos.[32] Clasificouse para a Copa do Rei, celebrada en Xirona, mais foi eliminado nos cuartos de final a mans do Cajamadrid por 27 goles a 23.[33]
Na 1988-89 causaron baixa Mladinovic e Mertz, e o club fichou o porteiro sueco Mats Olsson, o lateral islandés Arason, a Juan Francisco Muñoz Melo, a Javier Cabanas e a Nico Pradas.[13][34] Foi precisamente nesa tempada cando atinxiu alzar o seu primeiro título oficial, a Copa do Rei logo de vencer en Bilbao o FC Barcelona por 25 a 20, logo de ter gañado anteriormente ao TNT Uniexpress (25-17) e ao Cajamadrid (25-18).[35][36][37] Ademais esa mesma tempada clasificárase para a segunda fase polo título ante outros sete equipos. Foi líder durante a novena xornada,[38] mais perdeu contra o Barcelona e finalmente só puido ser segundo.[39]
Na tempada seguinte (1989-90), o adestrador García Cuesta fíxose cargo da selección española e o club fichou a Manolo Cadenas para substituílo.[4] Tamén asinaron polo club Jaume Puig, Carlos Álvarez e Aitor Echarburu para completar o equipo.[13] Disputou outra vez a Recopa de Europa, na que venceu ao SC Empor Rostock, ao TV Grosswallstadt, ao Veszprém e por último ao HK Drott de Halmstad para levar ás súas vitrinas o primeiro título internacional.[13][40][41] Na súa primeira participación na Supercopa de España xogaron contra o Cajamadrid e o Barcelona, mais foron derrotados por ambos en Éibar.[42][43] Na liga non se disputaron fases, houbo un único grupo de dezaseis participantes. Toda a tempada foi moi disputada; na 23ª xornada o Teka quitoulle o primeiro posto ó Barcelona, mais perderon na 26ª xornada contra o Cajamadrid e o equipo volveu quedar ás portas do título ao finalizar na segunda posición.[44][45][46] Este último equipo eliminounos nos cuartos de final da Copa do Rei.[47]
Na primeira competición da tempada 1990-91, a Supercopa de España, o Teka derrotou o Elgorriaga Bidasoa nas semifinais por 29-19, mais caeu na final disputada fronte ao Barcelona por 22-18.[48][49] Debido a que o ano anterior fora campión da Recopa de Europa, o club tivo a posibilidade de escoller entre disputar de novo esta competición ou a Copa IHF polo seu segundo posto na liga, decantándose finalmente pola primeira.[50] Na competición europea eliminou o RK Zagreb nos cuartos de final, mais foron derrotados por 22-20 e 24-24 por Elgorriaga.[51] Ese ano a liga volveu ao sistema de fases, con dous grupos nos que se clasificaban os cinco primeiros para o título.[52] Logo de acceder ao grupo 1 da segunda fase, estiveron empatados co Barcelona na primeira posición durante varias xornadas, ata que perderon fronte ao Cacaolat Granollers e o propio Barcelona, para rematar finalmente segundos.[53][54] O Barcelona gañou tamén a Copa de Europa, o que adxudicou outra praza máis para o ano seguinte na competición, que foi concedida ao segundo clasificado na liga, o Teka.[55] Na Copa do Rei, disputada en xaneiro, o Teka derrotou ao Mepamsa San Antonio, ao Alzira Avidesa e ao Barcelona, para adxudicarse o terceiro posto, xa que nas semifinais caera fronte a Elgorriaga Bidasoa.[56][57] Esa tempada tamén se celebrou a primeira edición da Copa ASOBAL en Eivissa, que daba acceso á Copa IHF ao ano seguinte. Clasificáronse os dous primeiros de cada grupo: Barcelona e Avidesa no grupo A, e Atlético de Madrid e Teka no grupo B. Nas semifinais derrotaron ao Barcelona por 21-13 e gañaron a final fronte ao Avidesa por 30-29, adxudicándose o título.[58][59]
Na tempada seguinte o club fichou a Emilio Alonso como adestrador e a Eduard Medvedev, Javier Reino e Luisón García como xogadores.[60] Na Supercopa de España o equipo caeu eliminado nas semifinais polo Barcelona, 20-11.[61] Con todo, gañaron o título da Copa ASOBAL por segunda vez consecutiva, desta volta celebrada en Santander. O equipo dirixido por Emilio Alonso derrotou ao Barcelona en semifinais por 19 goles a 18 logo dunha prórroga, e na final a Elgorriaga por 26-25.[62][63] Na liga pasou a primeira fase e clasificouse para a segunda, que daba acceso ao título, e na que finalizou na quinta posición por detrás de Barcelona, Granollers, Atlético de Madrid e Alzira Avidesa.[64] Na Copa do Rei o Teka clasificouse para as semifinais logo de superar a Elgorriaga 23-12, mais viuse sorprendido polo Avidesa, ante o que caeu derrotado por 20-16.[65][66] Na competición europea, a Copa de Europa, enfrontouse na primeira rolda ao Académico de Braga, contra o que perdeu por 20-15 na ida e ao que gañou por 27-17 na volta.[67][68] Nos oitavos de final eliminaron ao Eti Biscuits logo de perder en Turquía por 30-28 e gañar en Santander 32-17.[69][70] Nos cuartos de final enfrontáronse ao Elektromos de Budapest, ao que venceron por 24-28 e 30-18.[71][72] A semifinal enfrontounos ao campión da tempada pasada, o Barcelona, ante o que empataron en Santander e ao que derrotaron en Barcelona por 23-24.[73][74] Con todo, na final caeron fronte ao RK Zagreb (22-20 en Graz e 18-28 en Santander).[75][76][77]
Porén non sería ata a tempada 1992-93 cando chegou o primeiro título de Liga, nun ano no que ademais conseguiu alzar a Supercopa de España e a Copa IHF. Ese ano o club fichou a Mateo Garralda, a Mijail Jakimovic e a Talant Dujshebaev.[78] Na Supercopa de España, celebrada en Torrelavega, gañou no primeiro partido ao Barcelona por 21-19 e no segundo ao Avidesa por 28-19, adxudicándose o título e o lingote de ouro para o gañador.[79][80] Na competición europea, gañou a última edición da Copa IHF, competición organizada pola Federación Internacional de Balonmán, que sería substituída o ano seguinte pola Copa EHF, organizada pola Federación Europea de Balonmán. Deste xeito converteuse no único equipo español na historia en conquistar ese trofeo. Nos oitavos de final enfrontáronse ao CSKA Moscova, ao que gañaron por 26-16 na casa e perderon 25-22 en Rusia,[81][82] nos cuartos de final gañou ao Asko Linde de Linz por 31-22 e 19-21,[83] e en semifinais ao CSA Steaua Bucarest, ao que derrotou por 16-26 e 31-25 para acceder á final,[84][85] na que se enfrontaron ao Bayer Dormagen, equipo contra o que perderon por 24-20 na ida,[86] e ao que derrotaron por 26-20 en Santander ante 3.500 espectadores.[87] Na Copa ASOBAL derrotaron en semifinais por terceira vez consecutiva ao Barcelona, desta volta por 29-28, aínda que perdeu na final ante Elgorriaga por 27-23.[88][89] Na Copa do Rei víronse superados en cuartos de final polo Avidesa, 29-22.[90] Na Liga ASOBAL, disputábase unha liga previa que daba acceso a disputar os play-offs. O equipo adxudicouse a fase de liga, na que só cedeu un empate e dúas derrotas en 18 partidos.[91] Nos play-offs gañaron en cuartos ao Arcos de Valladolid por 2 partidos a 0, ao Avidesa por idéntico resultado e na final enfrontáronse ao Granollers, que derrotara ao Barcelona.[92] No primeiro partido en Santander gañaron por 30-29 e na volta por 22-25, gañando así o primeiro título de liga na súa historia.[93][94]
Na seguinte campaña, os santanderinos conseguiron revalidar o título da Liga ASOBAL e atinxiron outro logro histórico ao gañaren a súa primeira, e única, Copa de Europa, conseguindo un dobre histórico. A tempada comezou coa disputa da Supercopa, onde se enfrontou en semifinais ao Elgorriaga Bidasoa, perdendo por 23-22 en Zaragoza.[95] Na Liga ASOBAL comezaron no grupo B de clasificación, finalizando terceiros logo de ter caído derrotados ante Elgorriaga en dous partidos e o Barcelona, e ter empatado en tres ocasións. Á seguinte rolda pasaron os catro mellores equipos de cada grupo e contabilizáronse os puntos obtidos contra os outros tres rivais da rolda anterior; o Teka tan só sumou catro puntos nesta fase, polo que non pasou á seguinte rolda.[96] A actuación do adestrador Javier García Cuesta púxose en cuestión por non poder clasificarse o equipo para a Copa ASOBAL, e o empate ante o Valladolid na fase previa da Copa do Rei finalizou coa súa dimisión en xaneiro.[97][98] Xa con Julián Ruiz como adestrador só perderon outros dous partidos na liga e conseguiron acceder aos play-offs polo título como segundos de grupo.[99] A principios de ano publicáronse diversas novas sobre os problemas económicos do club e con Mateo Garralda, que lesionouse xogando ao fútbol sala, mentres declarou ao club que caera polas escaleiras.[100][101] Nos cuartos de final da liga enfrontáronse ao Cadagua Gáldar, ao que derrotaron en dous encontros. En semifinais tiveron que disputar tres encontros para derrotar ao Alzira Avidesa.[102] Contra todo prognóstico, o Barcelona, que fora campión da liga regular, foi eliminado nas semifinais contra Elgorriaga, que se enfrontou ao Teka na final. O primeiro partido gañouno o Teka nos penaltis, no segundo venceu por 23-16, o terceiro foi para Elgorriaga (24-19), e o último gañárono os santanderinos por 22-23, adxudicándose o seu segundo título de liga consecutivo.[103] Na Copa de Europa disputaron a primeira fase ante o Veszprém KC húngaro, ao que derrotaron para acceder á liguiña, no grupo B.[104] Na liguiña enfrontáronse ao RK Celje, o UHK Volksbank Wien e o SG Wallau-Massenheim, finalizando primeiros de grupo, xa que só o Viena e o Wallau os derrotaron fóra da casa. Na final enfrontáronse ao ABC Braga, contra o que empataron na ida en Portugal por 22-22 e ao que gañaron na volta en Santander por 23-21, obtendo así o segundo título da tempada e o primeiro na máxima competición continental.[105][106][107]
Na tempada 1994-95 adxudicouse o primeiro título da tempada, a Supercopa, por segunda vez na súa historia. O partido disputouse en Granada ante 5.500 espectadores, e o Teka gañou ao campión da Copa do Rei, o Barcelona, por 22-20.[108] Nos oitavos de final da Copa do Rei derrotou ao Ademar León por 20-29 e 28-31, e clasificouse para a fase final celebrada en Cidade Real en febreiro.[109] Cando comezaron os cuartos de final o equipo xa fora eliminado na Copa de Europa e non tiña opcións de conseguir o título de liga, polo que centrouse en gañar a competición copeira. Enfrontouse primeiro ao Seguros Soliss, ao que superou por 21-28.[110] Nas semifinais derrotou ao Elgorriaga nun final axustado (31-32), e por último gañou á Sociedad Deportiva Octavio por 27-25, atinxindo así outro novo dobre.[111][112] Nos cuartos de final da Copa ASOBAL enfrontouse ao Puleva Maristas, ao que venceron en ambos partidos, mesmo con récord de goles na volta (43-18).[113] En semifinais enfrontouse ao Octavio e gañou por 28-24, con todo, na final disputada en Vigo caeron fronte ao Barcelona 30-22.[114][115] En febreiro perderon na Copa de Europa fronte ao Kolding IF, e confirmouse que os tres puntos que conseguiran ata ese momento non eran suficientes para alcanzar ao líder, o Badel Zagreb, que se clasificou para a final.[116] Na liga finalizaron na terceira posición por detrás de Elgorriaga e Barcelona, con seis puntos menos que ambos.[117] O Grupo Teka anunciou que non quería seguir sendo o único soporte do equipo, cuxo presuposto era de 300 millóns de pesetas.[118] Segundo palabras do xerente, o club só conseguiu o 15 % dos seus obxectivos, aínda que a tempada foi proveitosa para o xogador Talant Dujshebaev, elixido Xogador do Ano da IHF (1994) e mellor xogador do torneo na Copa do Rei.[119]
Na tempada 1995-96 o club pasou a chamarse Club Balonmano Cantabria, logo de que o Grupo Teka deixara de ser o principal patrocinador, aínda que tamén se denominou Club Balonmano Teka Cantabria, logo da fusión co Clubasa e o Salesianos.[120] Primeiro disputou a Supercopa de España, como campión da Copa do Rei o ano anterior, mais perdeu en Santander contra Elgorriaga por 28-29.[121] Tamén disputou a Recopa de Europa, chegando ata a final, na que perdeu contra o TBV Lemgo alemán por 49-45 (24-19 e 26-25).[122] Anteriormente vencera ao Fraternelle luxemburgués, ao Sparkasse Stadtwerk austríaco, ao OM Vitrolles francés e ao Estrela Vermella iugoslavo. Os catro primeiros clasificados na primeira volta da liga disputáronse a Copa ASOBAL, que gañou o Barcelona logo de derrotar na final ao Cantabria por 24-23 en Castelló de la Plana.[123] Na Copa do Rei foi eliminado polo Granollers na prórroga dos cuartos de final (29-30).[124] Na liga foron segundos por detrás do Barcelona, que só perdeu un encontro.[125] Ao final da tempada anunciouse que o club pasaría a chamarse Club Balonmano Caja Cantabria.[126]
A tempada 1996-97 foi a do reencontro cos títulos logo dun ano en branco, os cántabros conseguiron gañar a Copa ASOBAL e o Campionato Mundial de Clubs de Balonmán, perdendo a final da Copa do Rei ante o FC Barcelona por un axustado 30-29. A tempada iniciouse cun problema de tramitación da ficha federativa de Mats Olsson, que era o cuarto estranxeiro do equipo. Finalmente puido xogar en outubro grazas ao caso Bosman, norma que fixo desaparecer as cotas de xogadores estranxeiros.[127] Antes de finalizar o ano Dujshebaev recibiu por segunda ocasión o premio da IHF ao Xogador do Ano, ademais dunha oferta do Nettelstedt alemán, polo que foi traspasado ao final da tempada.[128] Na Copa ASOBAL enfrontáronse os catro primeiros equipos da liga e os cántabros conseguiron adxudicarse o título logo de gañar na final ao Ademar por 30-22.[129] O seu segundo título da tempada foi o Campionato Mundial de Clubs, que se adxudicou na final ante o Drammen HK noruegués en Viena (30-29).[130] Na liga só puideron ser terceiros por detrás do Barcelona e o Ademar.[131] Na Copa do Rei gañou ao Ciudad Real e ao Gáldar, mais perdeu a final contra o Barcelona por un axustado 30-29.[132] Na Copa de Europa derrotou ao BK 46 Karis finlandés nos dezaseisavos de final, e clasificouse para a liguiña, na que foron segundos tras o RK Celje.[133] Con todo, o THW Kiel derrotounos nos cuartos de final por 26-23 e 19-24.[134]
Na tempada seguinte o club acadou os seus dous últimos títulos: a Copa ASOBAL e a Recopa de Europa. Na Copa ASOBAL enfrontáronse ao Barcelona, o San Antonio, e o Ademar León. Nas semifinais derrotaron ao Barcelona, que non fora vencido en toda a tempada, por 27-33,[135] e na final ao Ademar por 24-26.[136] Na Recopa de Europa gañaron ao HC erdgas Linz, o HC Kovopetrol Plzen, o GOG Gudme, e o Viking Stavanger, para acceder á final ante o HSG Dutenhofen/Münchholzhausen alemán, ao que derrotaron por 30-15 e 26-24.[137] Na Supercopa de España caeron ante o Barcelona por 30-28 a principios da tempada.[138] A Copa do Rei celebrouse en febreiro e gañaron en cuartos de final ao Valladolid por 37-29, aínda que foron eliminados nas semifinais contra o San Antonio por 28-23.[139] Terminaron a tempada regular da liga en cuarto lugar, por detrás de Barcelona, San Antonio e Ademar.[140] Nos play-offs, o título foi para o Barcelona ao derrotar ao Caja Cantabria nas semifinais por 32-24 e 26-24, e ao San Antonio na final por 35-27, 32-20 e 29-25.[141]
Disputou por primeira vez a Supercopa de Europa en novembro de 1998, mais caeu derrotado en semifinais a mans do Badel Zagreb. Finalmente foi terceiro tras derrotar ao IFK Skövde.[142][143] Na tempada 1998-99 clasificáronse en quinto lugar na Liga ASOBAL. Na Recopa de Europa eliminaron o Otterup HK, o Goldmann Druck Tulln, o IL Runar Sandefjord e o Partizan de Belgrado, para acceder á final contra o Ademar León, que derrotáronos por 20-19 e 23-32.[144] Na Copa ASOBAL chegaron ás semifinais, mais foron eliminados polo Barcelona por 27-25.[145] Na Copa do Rei enfrontáronse en cuartos de final ao Valladolid, ao que venceron por 27-25, mais foron derrotados polo Portland San Antonio nas semifinais por 30-28.[146]
A principios da tempada 1999-00 anunciouse que continuaban os seus problemas financeiros,[147] e finalmente o consello de administración do Real Racing Club de Santander fíxose cargo da xestión do club.[2] A pesar diso, xogou outra vez a Recopa de Europa, onde eliminou o Madeira SAD antes de ser derrotado nos cuartos de final polo Portland San Antonio.[148] Na Liga ASOBAL finalizou como cuarto clasificado,[149] mais foi eliminado nos cuartos de final dos play-offs ante o Bidasoa, contra o que perdeu nos dous encontros disputados.[150] Clasificáronse entre os catro primeiros equipos da primeira volta, accedendo así á Copa ASOBAL, na que foron eliminados polo Barcelona, 26-18.[151] Na Copa do Rei foron eliminados nos cuartos de final ante o Gáldar, 22-27.[152]
Entre o 1999 e o 2006 o equipo encadeou unha serie de tempadas sen gañar ningún título, sumido nunha crise económica e deportiva da que conseguiu saír adiante sen perder a categoría ningunha tempada. Na tempada 2000-01 finalizaron na novena posición da liga con 19 puntos,[153] e disputaron a Copa EHF, onde o Sporting de Lisboa eliminounos na cuarta rolda.[142]
Nas dúas seguintes tempadas (2001-02 e 2002-03) finalizaron sextos e sétimos na liga, con 32 e 30 puntos respectivamente. Competiron na Copa do Rei en ambas tempadas, con sendas derrotas ante o Ciudad Real (25-35 en 2002 e 20-24 en 2003) nos cuartos de final.[154][155][156][157] Na tempada 2003-04 chegaron aos cuartos de final da Copa EHF, a súa última participación en competicións europeas, e foron novenos na liga con 26 puntos, amais de ser eliminados de novo nos cuartos de final da Copa do Rei, desta volta contra o Teucro de Pontevedra.[142][158][159] Nas ligas das tempadas 2004-05 e 2005-06 foron undécimos e décimo terceiros respectivamente, e non se clasificaron para outras competicións nacionais ou internacionais.
Na tempada 2006-07 consumouse o descenso a División de Honra B, 24 anos despois do seu ascenso e cun amplo palmarés nacional e internacional. Foi penúltimo clasificado con 17 puntos, só por diante do Club Deportivo Bidasoa.[160] Con todo, pouco despois volveu ascender administrativamente en detrimento do CB Altea, ao renunciar este último por motivos económicos.[161] Na tempada 2007-08 conseguiu a permanencia na máxima categoría ao finalizar na décimo cuarta posición con 17 puntos ao gañar ao Ademar León nun partido emocionante, cun gol do dinamarqués Bo Spellerberg a falta duns poucos segundos para a finalización do encontro.[162][163]
En agosto de 2008 anunciouse que logo de ter perdido a súa praza na Liga ASOBAL ao non ter entregado os avais esixidos pola Federación, a Liga e a Asociación de Xogadores, tamén perdía a súa praza na División de Honra B, ao non cumprir o prazo marcado pola Real Federación Española de Balonmano.[1] Finalmente o club desapareceu ese mesmo ano.[164]
O club fundouse co nome de Grupo Deportivo Teka Santander, herdeiro do club La Salle-Authi de Los Corrales de Buelna. Por motivos de patrocinio denominouse GD Teka Ciclotour.[3] En 1995 o Grupo Teka deixou de ser o principal patrocinador e o equipo pasouse a denominar Club Balonmano Cantabria durante a tempada 1995-96. En maio de 1996 anunciouse que a entidade bancaria Caja Cantabria sería o novo patrocinador, mais deixou de selo en 1999, logo do cal o equipo adoptou outra vez o nome de Club Balonmano Cantabria.[3][165] Co regreso do patrocinio do Grupo Teka, denominouse Teka Cantabria ata a súa desaparición no ano 2008, logo dun breve período no que foi propiedade do Racing de Santander.[2]
En 1996 produciuse unha mudanza na denominación do club logo da fusión do GD Teka (que dispuña dun equipo en División de Honra), o Club Balonmano Santander (cun equipo na máxima categoría nacional feminina, División de Honra, outros dous en 1.ª e 2.ª Nacional masculinas, amais das súas seccións inferiores) e o Salesianos (con varias seccións inferiores).[3]
Na tempada 1997-98 o equipo de División de Honra feminina chamouse Caja Cantabria Universidad Clubasa. Na primeira fase de clasificación quedou en quinto lugar, polo que tivo que disputar unha segunda fase para manter a categoría, na que concluíu primeiro.[166] Na seguinte tempada foron penúltimas na liga, polo que tiveron que volver disputar a segunda fase pola permanencia. Nesta ocasión finalizaron en quinto lugar.[167] Na tempada 1999-00 denomináronse Caja Cantabria Universidad, e finalizaron en sexto lugar a primeira fase. De novo tiveron que disputar a fase de permanencia e finalizaron en terceira posición.[168] Desapareceu no ano 2000 e os seus dereitos federativos foron cedidos á Agrupación Deportiva Sagardía, que disputou a competición co nome de Caja Cantabria Verdaloe.[3]
Pola súa parte o Teka Universidad, filial do primeiro equipo, converteuse en campión de 2.ª Nacional masculina na tempada 1993-94.[169] Despois disputou a Primeira División Nacional ata no ano 2002-03, no que foi último clasificado.[170]
Nos derradeiros anos da súa existencia, o club disputaba os seus partidos como local no Palacio de los Deportes de Santander. O edificio é obra dos arquitectos Julián Franco e José Manuel Palao, e foi inaugurado o 31 de maio de 2003. Localízase na rúa Alcalde Vega Lamera s/n, ao carón doutras grandes infraestruturas culturais e deportivas como o Palacio de Exposicións e Congresos e os Campos de Sport de El Sardinero (estadio de fútbol onde xoga o Real Racing Club de Santander). É de deseño vangardista e ten capacidade para 10 000 persoas en grandes eventos (6 000 asentos), cunha pista de xogo de 44 x 22 metros.[171]
Anteriormente, disputaba os seus partidos no Pavillón de La Albericia, situado na Avenida do Deporte s/n, onde tamén xogou algún dos seus últimos partidos. Durante os seus primeiros anos tiña capacidade para 3 300 espectadores, mais a comezos dos anos 90 ampliouse ata os 4 000 actuais.[4]
No club xogaron algúns dos xogadores de balonmán máis destacados de España e do mundo, como demostran os diferentes títulos que teñen obtido coas súas seleccións cando eran membros do club. Por exemplo, Mateo Garralda foi incluído no equipo ideal do Campionato do Mundo de 1993, ademais de ter sido un dos xogadores con máis partidos e goles na historia da selección española.[172] Talant Dujshebaev, ademais de conseguir o premio ao Xogador do Ano da IHF en dúas ocasións, tamén gañou o premio ao mellor xogador do Campionato de Europa de 1996.[173] Outros xogadores que teñen destacado por ter disputado máis de 140 encontros coa selección española foron: José Javier Hombrados, Juan Francisco Muñoz Melo, Javier Cabanas, Jaume Fort, Iosu Olalla, Julián Ruíz, ou Alberto Urdiales.
Outros xogadores que vestiron a camisola do Cantabria foron Mats Olsson, Chechu Villaldea, Jaume Puig, Aitor Echaburu, Medvedev, Rekondo, Yuri Nesterov, Manuel Miera, Nedeljko Jovanovic, Chechu Fernández, Oleg Kisselev, Mijail Jakimovich, Santiago Urdiales, José Javier Hombrados, Paco Oti, Mariano Ortega ou Peter Gentzel, entre outros.
Período | Adestrador | Observacións |
---|---|---|
1975-1985 | Rafael Pastor | Destituído en outubro.[24] |
1985-1987 | Luis Morante | Substituído ao final da tempada 1986-87.[174] |
1987-1989 | Javier García Cuesta | Comezou a tempada 1987-88.[174] Converteuse en seleccionador nacional ao final da tempada 1988-1989.[175] |
1989-1991 | Manolo Cadenas | Destituído ao final da tempada 1990-91.[176] |
1991-1993 | Emilio Alonso | 1991-92 primeira tempada,[5] 1992-93 última.[97] |
1993-1994 | Javier García Cuesta | Dimitiu polos malos resultados en xaneiro de 1994.[97] |
1994-1997 | Julián Ruiz | Debutou como adestrador o 20 de xaneiro de 1994.[177] |
1997-1998 | Valentín Pastor | Logo da marcha de Ruiz ao final da tempada substituíno.[178] A finais de outubro de 1998 foi destituído.[179] |
1998-1999 | Jaume Puig | Logo de dirixir o equipo uns días Agustín Medina, tomou o cargo a principios de novembro.[180] Terminou ao final da tempada 1998-99.[181] |
1999-2000 | Jovan "Jovica" Elezović | Comezou a tempada 1999-00.[181] |
2000-2001 | Juan José Campo | |
2001-2004 | Julián Ruiz | Chegou para a tempada 2001-02 por tres anos.[182] Asinou polo Bidasoa en marzo de 2004.[183] |
2004 | Juan José Campo | Fíxose cargo do equipo logo da marcha de Ruiz, ata final de tempada.[184] |
2004-2006 | Alberto Urdiales | Fichado ao comezo da tempada 2004-05.[185] Foi destituído logo de finalizar a tempada 2005-06.[186] |
2006-2007 | Fran Ávila | Fichado en xuño de 2006,[187][188] rescindiu o seu contrato ao ano seguinte.[189] |
2007-2008 | Juan Domínguez Munaiz | Fichado en xuño de 2007.[190] |
Período | Presidente | Observacións |
---|---|---|
1975-1996 | José Gómez Casuso[100] | José Antonio Revilla foi delegado e fundador do club, ademais de convencer a Gómez Casuso para asumir a presidencia. Posteriormente foi xerente do club.[191][192] |
1996-1999 | Tomás Franco | |
1999-2003 | Miguel Ángel Díaz | Comezou como presidente cando o Racing se fixo cargo da xestión do club e permaneceu ata 2003.[193] |
2003-2004 | Dmitry Piterman | Fíxose cargo do club en outubro de 2003. Logo dunha moción de censura deixou o cargo en marzo de 2004. |
2004 | Roberto González Arroyo | Substituíu a Piterman logo de obter o 45,81 % dos votos.[185][194] |
2004-2008 | Pedro Ruiz | Logo de dimitir González por motivos persoais fíxose cargo do club por ser o vicepresidente. Dimitiu en agosto de 2008.[195] |