Dani Karavan

Dani Karavan no Memorial da Brigada Negev

Daniel Karavan (en hebreo: דני קרוון), coñecido como Dani Karavan, nado en Tel Aviv (Israel) o 7 de decembro de 1930 e finado na mesma cidade o 29 de maio de 2021, foi un escultor e artista plástico israelí cuxas obras se caracterizan por seren monumentais e integradas na paisaxe.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Os seus pais, Abraham e Zehava Karavan, eran de orixe polonesa[1] e emigraran a Israel en 1920. Dani naceu en 1930 en Tel Aviv, onde o seu pai traballou a mediados do século XX como arquitecto da cidade[2]. Comezou a estudar pintura con 14 anos aprendendo dalgúns artistas locais, tanto na súa cidade natal como na Academia Belazel de Artes e Deseño Xerusalén. En 1948 participou na fundación do kibbutz Harel onde viviu ata 1955 traballando como pintor. Posteriormente, na década de 1950 trasladouse a Europa para completar a súa formación artística, estudando a técnica do fresco na Accademia di Belle Arti de Florencia e debuxo na Académie de la Grande Chaumière de París.

Inicialmente interesado pola arte mural, nos anos 60 fixo os seus primeiros traballos de sona. Un exemplo é un baixorrelevo da parede frontal da sala de sesións da Knesset, para o que volvería a traballar en 1990 para a decoración do auditorio[3]. Logo de reparar que os materiais de construción empregados en Israel non eran axeitados para a decoración mural, centrouse na escultura[4]. A súa primeira obra de envergadura foi o Monumento á Brigada Negev, un memorial para soldados israelís nun combate na Guerra árabe-israrelí de 1948, preto de Bersebá[5]. Foi a primeira mostra da súa especialización en facer obras monumentais con materiais brutos como o cemento pero que se integren na paisaxe e natureza circundante. Participou na Bienal de Venecia de 1976 e na Documenta 6 de Kessel (1977)[6] o que lle deu proxección internacional a súa obra. Ao longo da súa carreira fixo intervencións escultóricas en Alemaña, Corea do Sur, Dinamarca, España, Francia, Italia Suíza, Xapón, ademais de en Israel[7]. Diferentes distincións recoñeceron a Dani Karavan como por exemplo o Premio Israel de 1977, a Praemium Imperiale en 1998[8], a Medalla Goethe en 1999, Premio Michelangelo en 2005, a Lexión de Honra en 2014[9] ou o Premio Nacional de Cultura de Cataluña de 2016[10].

Estaba casado e era pai de tres fillos[2].

  1. "Israeli sculptor Dani Karavan dies aged 90". dpa International (en inglés). Consultado o 2021-05-29. 
  2. 2,0 2,1 "Biography – Dani Karavan". www.danikaravan.com. Consultado o 2021-05-29. 
  3. "Lexicon of terms: Dani Karavan". Knesset. Consultado o 29-05-2021. 
  4. "Israeli sculptor Daniel Karavan dies at 90". The Jerusalem Post. 29-05-2021. Consultado o 29-05-2021. 
  5. "Iconic Israeli memorial celebrates 50 years". Haaretz.com (en inglés). Consultado o 2021-05-29. 
  6. "documenta 6 - Retrospective - documenta". www.documenta.de. Consultado o 2021-05-29. 
  7. "Works – Dani Karavan". www.danikaravan.com. Consultado o 2021-05-29. 
  8. "Dani Karavan - Praemium Imperiale". www.praemiumimperiale.org (en inglés). Consultado o 2021-05-29. 
  9. "Israeli sculptor Dani Karavan dies aged 90". dpa International (en inglés). Consultado o 2021-05-29. 
  10. "Dani Karavan, el primer estranger en rebre un Premi Nacional de Cultura". Nació Digital (en catalán). 9-6-2016. Arquivado dende o orixinal o 02-06-2021. Consultado o 29-05-2021. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]