Nome orixinal | Eduardo Viso Abella | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacemento | 16 de decembro de 1919 ![]() Melón, España ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 6 de xullo de 1995 ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista, adestrador de fútbol ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Dianteiro | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Eduardo Viso Abella, nado en Melón o 16 de decembro de 1919 e finado o 6 de xullo de 1995, foi un futbolista e adestrador galego.
Como futbolista, xogaba de extremo e desenvolveu a súa carreira principalmente no Valladolid, Deportivo da Coruña e Zaragoza. Como adestrador pasou por varios equipos modestos e dirixiu ao Xuvenil en Segunda División e ao Sporting de Braga en Portugal, antes de marchar a Costa Rica, país no que estivo á fronte dos tres principais equipos do país (Deportivo Saprissa, LD Alajuelense e Herediano), así como da selección costarriqueña.
Naceu en Melón, na provincia de Ourense, e criouse futbolisticamente na Coruña. Disputou co Deportivo da Coruña o Campionato de Galicia, na tempada 1937/38,[1] e logo xogou no Club Coruña ata 1942.[2][3][4] Tras probar en marzo de 1942 co Atlético Aviación,[5] co que xa probara anteriormente, chegando a enfrontarse a un equipo da Luftwaffe da Alemaña nazi en novembro de 1941,[6] recalou finalmente no Real Valladolid, de Segunda División. Disputou todos os partidos de Copa (a liga xa rematara), debutando na vitoria por 4-0 fronte ao Celta de Vigo. Tras eliminar ao Murcia (con gol de Viso) e ao Atlético Aviación, o Valladolid xogou as semifinais, perdendo contra o Atlético de Bilbao.[7] na seguinte tempada xogou case todos os partidos, rematando o equipo en postos de promoción, pero sen lograr o ascenso. No verán de 1943 quedou libre e volveu á Coruña.[8]
Fichou a continuación polo Deportivo da Coruña, adestrado por Ramón de la Fuente, debutando na tempada 1943–44 en Primeira División, e sendo o primeiro ourensán en vestir a camiseta branquiazul.[9] O seu debut produciuse o 6 de febreiro de 1944 nun partido contra a Real Sociedad que rematou en empate (0–0). O seu primeiro gol conseguiuno na xornada seguinte, nun empate contra o Sevilla FC (2–2) a domicilio. Disputou 14 partidos e anotou sete goles. Na tempada seguinte disputou 26 partidos e marcou seis goles, descendendo o equipo a Segunda División. Na súa terceira tempada no club coruñés dispuxo de poucos minutos nun centro do campo no que destacaban Molaza, Bienzobas, Guimeráns e Reboredo. Xogou só cinco partidos, naquel equipo que acabou logrando o ascenso no campo do Inferniño.[10] A continuación pasou brevemente polo Club Santiago, co que disputou a Copa Galicia, sufrindo unha fractura nun brazo durante un partido ante o Galicia de Ferrol.[11]
En agosto de 1946 fichou polo Real Zaragoza, que militaba en Segunda División.[12] Na súa primeira tempada en Aragón xogou 17 partidos e marcou 5 goles, que non serviron para evitar o descenso do club á Terceira División. En xaneiro de 1949, co equipo aínda en Terceira, sufriu unha grave lesión no partido fronte ao Arenas SD, que o mantivo varios meses de baixa.[13] A finais dese ano xogouse no Estadio de Torrero un partido de homenaxe a Viso entre o Zaragoza e o Deportivo, no que o futbolista xogou unha parte en cada equipo.[14] Ao mesmo tempo que xogaba no Deportivo e no Zaragoza, estudou a carreira de Química na Universidade de Santiago e na de Zaragoza.[15]
Tras retirarse como futbolista comezou a súa carreira de adestrador no Arenas de Zaragoza, de Terceira División, na tempada 1950/51. Despois pasou polo Sporting Ciudad, da Cidade Vella da Coruña, e polo Club Santiago,[16] e foi nomeado director da Escola Rexional de Adestradores.[17]
En agosto de 1954 tomou as rendas do Xuvenil na histórica tempada 1954/55, a primeira e única do club coruñés en Segunda División, cun cadro de xogadores entre os que estaban entre outros Carlitos, Manín, Tino, os curmáns Botana e o mítico porteiro Acuña.[18][19] Adestrou o equipo ata a súa dimisión tras a xornada 21, na que perdeu 7-1 contra Osasuna, quedando o equipo ao bordo dos postos de descenso. Foi substituído polo xogador do equipo Waldo Botana.[20]
En decembro de 1955 asinou como novo adestrador do Sporting Clube de Braga, da Primeira Liga, en substitución do arxentino Antonio Imbelloni, que deixara o equipo na última posición da táboa.[21] Aínda que conseguiu algunhas vitorias na parte final da tempada non conseguiu salvar o equipo, que acabou descendendo a Segunda.[22]
En 1958 foi contratado como adestrador do Deportivo Saprissa, o equipo máis importante de Costa Rica. Durante os seus tres anos á fronte do club, obtivo dous subcampionatos da liga costarriqueña e gañou a Copa Presidente de 1960,[23] ademais de traballar como químico e dirixir un coro galego de música.[24][25] En 1962 pasou a adestrar a Liga Deportiva Alajuelense, coa que logrou un novo subcampionato de liga. En 1965, despois de pasar polo Club Sport Herediano, converteuse no adestrador da selección de Costa Rica, nun triunvirato formado por el, Alfredo Chato Piedra e Mario Catato Cordero. Dirixiron ao equipo no Campionato de Nacións da CONCACAF dese ano pero non conseguiron revalidar o título da edición anterior.[26]
En 1970 volveu dirixir brevemente a selección, así como outra vez a LD Alajuelense, conquistando o título de liga. En 1974 volveu de novo ao banco do Alajuelense, e gañou unha nova Copa.
Ademais dende 1973 ocupou un alto cargo no Ministerio de Agricultura durante a presidencia de José Figueres, estando a cargo do Departamento do Rexistro de Praguicidas.[27][28]
Casou con María Nieves González Valiño, irmá do tamén futbolista do Deportivo Chacho, e tivo un fillo, Eduardo,[29] o cal faleceu en 1974 nun accidente de tráfico en San Xosé (Costa Rica) xunto á súa muller Concepción e o único fillo do matrimonio.[30]