El cor de la ciutat | |
---|---|
Formato | Telenovela |
Creado por | Jordi Galceran Lluís Arcarazo |
País de orixe | ![]() |
Episodios | 1906 |
Produción | |
Duración | 25-30 min |
Emisión orixinal | |
Canle de orixe | ![]() |
Primeiro episodio | 11 de setembro de 2000 |
Derradeiro episodio | 23 de decembro de 2009 |
Na rede | |
http://www.tv3.cat/elcordelaciutat | |
![]() ![]() ![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] |
El cor de la ciutat (O corazón da cidade en catalán) foi unha telenovela producida e emitida por Televisió de Catalunya, que se emitiu por TV3 durante dez temporadas entre o 11 de setembro de 2000 e o 23 de decembro de 2009. A serie tiña como obxectivo explicar o día a día dos veciños do barrio barcelonés de Sant Andreu de Palomar (agás unha tempada na que se centrou no barrio de Sants); historias cotiás identificables en calquera lugar da sociedade catalá.
Emitíronse nove tempadas completas e unha décima de tres meses, superando a cifra dos 1.900 capítulos, o que a converte na serie máis longa da historia de Televisió de Catalunya. Tamén foi a máis vista, chegando a puntas de 800.000 espectadores (case o 50% da cota de pantalla en Cataluña) e superando o millón de espectadores nos seus capítulos especiais de final de tempada, de maior duración que o habitual, e que ían seguidos dunha gala chamada La nit del cor.
Os interiores gravábanse no centro de produción que TVC ten en l'Hospitalet de Llobregat. Os exteriores eran gravados no barrio barcelonés de Sant Andreu de Palomar, agás na sexta tempada onde os exteriores graváronse no barrio de Sants.
La nit del cor era un capítulo especial que se facía ao final de cada tempada o domingo pola noite e que tiña unha duración máis longa (unha hora aproximadamente) que os capítulos diarios, no que se resolvían moitos dos problemas da serie pero tamén se abría algún interesante para manter a intriga de cara á seguinte tempada-
Despois do capítulo facíase unha gala no Teatre Nacional de Catalunya (TNC) onde asistían todos os actores e actrices de El cor de la ciutat, e tamén os novos que aparecerían na seguinte tempada. Tamén se entregaron premios aos actores, guionistas e outros participantes na serie. Os presentadores da gala foron variando, entre eles Albert Om, Cristina Puig e Màbel Martí.