Escola Superior de Música Raíña Sofía | |
---|---|
Tipo | Conservatório Superior de Música |
Data de fundación | 1991 |
Nomeado en referencia a | Sofía de Grecia |
En | Madrid |
País | España |
40°25′01″N 3°42′44″O / 40.41694444, -3.71222222 | |
Na rede | |
https://www.escuelasuperiordemusicareinasofia.es/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Escola Superior de Música Raíña Sofía creouse en Madrid en 1991 co propósito de dotar a España dun centro de alta formación profesional dirixido aos novos músicos de talento. Deste xeito, púxose fin á necesidade de que os mellores artistas españois tivesen que abandonar o país para recibiren o ensino superior que precisaban. A Escola é recoñecida internacionalmente e acolle estudantes de tódalas nacionalidades, prestando unha especial atención aos alumnos procedentes de España, Portugal e os países latinoamericanos. Conta cun cadro de mestres de prestixio internacional.
Os Órganos Reitores da Escola Superior de Música Raíña Sofía están presididos por unha Xunta de Patronos, constituída en 1991. Este órgano depende directamente da Xunta de Patronos da Fundación Albéniz. Xunto ao padroado, a Escola conta co apoio dun Comité Académico composto por corenta personalidades representativas do mundo cultural e político, dos cales moitos deles foron ou son membros activos do Claustro de Profesores, e dun Comité de Dirección.
A Presidenta de Honra da Xunta da Escola é a Raíña Sofía da España, quen alenta constantemente as actividades da Escola e distingue coa súa presenza a Xunta.
A nova sede da Escola está situada nun emblemático espazo histórico madrileño, na Praza de Oriente, xunto ao Pazo Real e ao Teatro Real, dous monumentos símbolo da historia e da vida musical española. Amais, o espazo que ocupará o futuro edificio da Escola sito na rúa Requena, noutro tempo albergou a Escola de Arte Dramática e Danza, polo que o seu espírito artístico e pedagóxico será recollido novamente pola Escola Superior de Música Raíña Sofía. A antiga sede e campus están situados en Pozuelo.
Os antecedentes da Escola encóntranse no Concurso Internacional de Piano de Santander, que Paloma O’Shea puxo en marcha en 1972, e nas Clases Maxistrais que organizou, a partir de 1981, en colaboración coa Universidade Internacional de Verán Menéndez Pelayo desa mesma cidade.
Nos primeiros pasos do proxecto, así como na selección do profesorado, contouse co asesoramento de grandes mestres, tales como Yehudi Menuhin, Mstislav Rostropóvich, Daniel Barenboim, Zubin Mehta e Alicia de Larrocha, que pertenceron ou forman parte do Comité Académico e do padroado da Escola, alén de actuaren como activos asesores das cátedras, e coa colaboración de Federico Sopeña e Enrique Franco, figuras clave da cultura musical española do século XX.
A Escola Superior de Música Raíña Sofía creouse co obxectivo de instituír un centro de ensino disposto a formar músicos de excelencia. Grazas á axuda que teñen prestado, tanto as institucións públicas, como entidades privadas, os alumnos que gozan deste ensino personalizado teñen o privilexio de recibiren unha educación de elite contando para iso con grandes mestres e artistas destacados dentro do panorama musical internacional.
A Escola Superior de Música Raíña Sofía conta con profesores que teñen sobresaído no exercicio das dúas vertentes da súa mestría: arte e educación. Porén, o corpo académico de mestres titulares de cátedra está composto por primeiras figuras de recoñecido prestixio internacional.
A este equipo habitual súmanselle, cada ano, mestres convidados ao Programa de Leccións Maxistrais que complementan con distintas concepcións e perspectivas o traballo da Escola.
A elaboración dos plans curriculares segue un principio básico da formación clásica: o ensino personalizado. Só a valoración persoal do alumno por parte do seu mestre, aquilatada con outras disciplinas orientadas á súa formación global ditada polo claustro do centro, permiten o deseño dun programa a medida do potencial do alumno. Este programa asegura a aprendizaxe musical en toda a súa amplitude, integrando as diferentes dimensións da personalidade do estudante.
A duración da estancia na Escola está en relación directa coas súas posibilidades de aprendizaxe; se ben a media se sitúa entre dous e catro anos, pode dicirse que os estudantes terminan cando os seus mestres deciden que acadaron xa unha determinada madurez artística.
O Plano Xeral de Formación abrangue, pois, a formación específica do instrumentista ou cantante no departamento de interpretación, completado coas disciplinas académicas, a obrigada proxección artística e o estímulo dos seminarios organizados no departamento de formación complementaria. Este plano académico comprende os seguintes departamentos:
A Escola ten desenvolvido tamén un programa de educación On line en colaboración con outras cinco importantes escolas europeas, coa creación dun portal musical educativo dirixido a alumnos, mestres, estudosos ou afeccionados á música no que se ofrecen Clases Maxistrais de grandes mestres da música, e que contribúe así a preservar o patrimonio histórico musical en forma de clases de tales mestres, que doutro xeito se perderían. O devandito portal denomínase Magister Musicae.
O principal propósito da Escola é a universalidade, porén aspira a convocar alumnos de calquera procedencia social ou xeográfica, sen outra exixencia que o talento e a entrega a un traballo formativo deseñado para superar a distinción entre técnica musical e expresión artística, poñendo o estudante en contacto directo co público.
A súa misión non é só formar solistas, senón músicos capaces de integrárense con facilidade en importantes agrupacións orquestrais e de cámara, gañaren premios, ou accederen a prazas de mestres e catedráticos en escolas e conservatorios. O seu labor está pensado para os rapaces e rapazas que dentro duns anos volverán aos mesmos escenarios onde actuaron como alumnos, convertidos xa en excelentes profesionais.
A Escola pon á disposición dos alumnos procedentes do estranxeiro ou de fóra de Madrid, a Residencia de Estudantes, orientada a enriquecer as relacións entre alumnos, contorno e mestres, coa idea de que a súa vida artística e de convivencia sexa máis enriquecedora.