Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | Filipinas | ||||
Rexión | Mimaropa (pt) | ||||
Provincia | Romblon (pt) | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 8.005 (2020) (299,59 hab./km²) | ||||
Número de fogares | 1.999 (2020) | ||||
Lingua usada | Onhan (en) lingua tagala | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 26,72 km² | ||||
Altitude | 31 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Creación | 1850 | ||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 5506 | ||||
Prefixo telefónico | 42 | ||||
Ferrol é un municipio da provincia de Romblon, nas Illas Filipinas. Consonte o censo de 2015, a súa poboación é de 6.964 habitantes.[1][2][3]
A cidade filipina de Ferrol fundouse en 1850, daquela como un barrio do municipio de Odiongan, na época colonial española. Os españois descubriron ese lugar a uns 10 quilómetros ao suroeste logo dunha persecución a unha expedición de piratas musulmáns que atacaran Odiongan, e bautizaron o lugar ao observaren a súa semellanza coa baía de Ferrol, en Galicia.[3]
En 1978, co fin de consolidar os barrios de Odiongan de fala onhan nun municipio propio, o congresista Nemesio Ganan Jr. elaborou un proxecto de lei presentado no Congreso de Filipinas a partir do cal se constituíu o municipio de Ferrol, que abrangue tamén os barrios de Agnocnoc, Bunsoran, Hinagoman, Tubigon e Claro M. Recto. O 11 de xuño de 1978, Ferrol constituíuse oficialmente no municipio número 16 da provincia de Romblon, en virtude do Decreto presidencial 1.492, asinado polo presidente Ferdinand Marcos.[4]
Ferrol sitúase na illa Tablas. Limita ao norte con Odiongan, ao oeste co estreito de Tablas, ao leste con Santa María e ao sur con Looc. Ten unha superficie de 26,72 km2.[3]
Ferrol está dividido administrativamente en seis barrios ou barangays: Agnonoc (614 habitantes), Bunsoran (894), Claro M. Recto (660), Poblacion (1.852), Hinaguman (1.125) e Tubigon (1.819).[1][3][5]
Mes | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xun | Xul | Ago | Set | Out | Nov | Dec | Ano |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Temperatura máxima media (°C) | 28 | 29 | 30 | 31 | 31 | 30 | 29 | 29 | 29 | 29 | 29 | 28 | 29 |
Temperatura mínima media (°C) | 21 | 21 | 22 | 23 | 25 | 25 | 25 | 25 | 25 | 24 | 23 | 22 | 23 |
Precipitación total (mm) | 31 | 20 | 25 | 39 | 152 | 269 | 314 | 285 | 303 | 208 | 95 | 70 | 1,811 |
Días de chuvia | 9,5 | 7,1 | 9,0 | 11,3 | 21,0 | 25,7 | 28,1 | 26,5 | 27,3 | 24,6 | 16,5 | 12,1 | 218,7 |
Fonte: Meteoblue.[6] |
Consonte o censo de 2015, a súa poboación é de 6.964 persoas.[3] A lingua onhan, xunto co tagalo, o hiligaynon e o inglés, son as linguas habitualmente usadas nos negocios e no comercio.
Ano | Poboación | ± % p.a. |
---|---|---|
1980 | 4.840 | — |
1990 | 5.621 | + 1,51 % |
1995 | 5.772 | + 0,50 % |
2000 | 5.924 | + 0,56 % |
2007 | 6.395 | + 1,06 % |
2010 | 6.802 | + 2,27 % |
2015 | 6.964 | + 0,45 % |
Fonte: Philippine Statistics Authority[1][3] [7] |
Jovencio "Jun" Mayor, Jr. e Antonio Compas, do PDP-Laban, son o alcalde e o vicealcalde de Ferrol desde o 30 de xuño de 2019.[3][8]
Ferrol ten o maior nivel de produción vexetal da provincia de Romblon. A gandaría e a produción de arroz tamén están presentes nas zonas costeiras, principalmente destinadas ao consumo doméstico e cultivadas a pequena escala. Outras das actividades económicas son o cultivo de copra e a piscicultura, a pequena industria, o comercio retallista e o turismo.
A cooperativa Tablas Island Electric subminístralle electricidade ao 41,78 % de Ferrol. Canto ás comunicacións, na zona de Ferrol están dispoñibles os servizos de telefonía fixa e móbil de PLDT, Smart e Globe.
A cidade está conectada con Odiongan e con outros municipios próximos pola estrada de circunvalación de Tablas. Os jeepneys e os triciclos son unha forma habitual de desprazamento por estrada. Pola súa banda, o porto de Barangay Agnocnoc é utilizado tanto para a actividade pesqueira como para os desprazamentos entre as illas da provincia.
Entre as praias próximas a Ferrol destacan as de Binucot, Atabay e Guin-awayan. Outro atractivo turístico son as covas de Mabaho e de Burobintana.
Pódese acceder á cidade en barco a través de Odiongan desde as localidades de Batangas e desde Roxas, en Mindoro Oriental. Tamén se pode acceder a través do aeroporto de Tugdan, da cidade de Alcantara, onde a compañía Cebu Pacific opera con voos desde Manila catro veces por semana.[9]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ferrol, Filipinas |