A figa é un xesto e orixinalmente un amuleto italiano, chamado Mano Fico, tamén foi utilizado polos etruscos e na época da Roma antiga. O amuleto con esa forma de man pechada co polgar entre o índice e o dedo maior, é usado tradicionalmente como protección contra o mal de ollo, meigallos ou feitizos, contra a envexa ou as doenzas, ou como adorno.[1][2]
O aceno ten diversos significados e interpretacións segundo as diversas culturas, como esconxuro, insulto, burla ou xogo, e na lingua de sinais americana representa a letra T.
Figa deriva do latín tardío *fica > ‘vulva’. É a representación dos xenitais femininos, principalmente o clítoris e estaba asociado coa fertilidade e o erotismo.[3] Ese termo é unha derivación de ficus, usando o froito da figueira como metáfora do sexo feminino.[4]
En Italia este sinal, coñecido como "fica" ou "far le fiche ", debido á súa semellanza co clítoris, era un xesto común e moi rudo nos séculos pasados, semellante ao dedo medio.
O xesto tamén é mencionado por Dante no canto vixésimo quinto do Inferno da Divina Comedia nas liñas 1-16, onde a alma de Vanni Fucci realiza este xesto como un acto de blasfemia contra Deus.[5]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Figa |