Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Jorge Prado García 5 de xaneiro de 2001 (23 anos) Lugo, España |
Actividade | |
Ocupación | piloto de motocrós |
Deporte | Motocross |
Sitio web | jorgeprado61.com |
Jorge Prado García, nado en Ramil (Lugo) o 5 de xaneiro de 2001,[1] é un piloto galego de motocrós, que compite no Campionato AMA de Supercross dos Estados Unidos, nas filas do equipo Monster Energy Kawasaki. Gañou catro veces o Campionato Mundial de Motocrós, dúas delas na categoría raíña, MXGP, (2023 e 2024), e dúas en MX2 (2018 e 2019). Sumou 49 vitorias en Grandes Premios, 18 delas na máxima categoría, sendo o sexto piloto con máis vitorias de todos os tempos.
Correu dende a súa infancia con motos da marca KTM, ata que en 2022 pasou a competir con Gas Gas, marca na que estivo ata 2024.
Naceu en Lugo o 5 de xaneiro de 2001, nunha familia vencellada ao motociclismo, do que eran afeccionados o seu avó Ignacio e o seu pai Jesús.[2] O día que cumpriu tres anos de idade, recibiu a súa primeira moto, unha pequena de trial, e aos seis practicaba xa motocrós.[2] Comezou a adestrar co expiloto Román Pérez, amigo de seu pai, primeiro en Ombreiro, a dous quilómetros da súa casa de Ramil, e logo no abandonado Circuíto de Rubiás.[2]
Gañou a súa primeira carreira con sete anos, idade á que foi subcampión do MX Master Kids en Bélxica, considerado o mundial infantil de motocrós.[3] En 2010 proclamouse campión de España en 65cc[4] e en 2011, con 10 anos, converteuse en campión europeo e mundial júnior de 65cc de cilindrada competindo contra pilotos de ata 12 anos.[5][6] Foi o campión do mundo máis novo da historia.[7] Tras os éxitos dese ano, a marca austríaca KTM fichouno para as seguintes cinco tempadas e fabricoulle unha moto de 85cc.[6][8] A súa familia decidiu ir vivir a Lommel (Bélxica), por motivos de competición.[9]
En agosto de 2012, sufriu unha caída durante a disputa do Campionato de Europa en Inglaterra e o piloto que o seguía pasoulle por riba coa moto, polo que Jorge tivo que ser hospitalizado. Aínda que non foi grave, impediulle participar no Mundial, que se celebrou a fin de semana seguinte en Bulgaria.[10] En novembro proclamouse subcampión de España de 85cc por detrás do tamén galego Rubén Fernández.[11] En 2013, rompeu unha clavícula tras ir ao chan en Alemaña, cando lideraba o Campionato de Europa.[12] Tras varias semanas de repouso, reapareceu no Campionato Mundial na República Checa,[13] onde rematou en 6º lugar.[5] O europeo finalizouno en 5ª posición.[14]
En 2014 sufriu unha fractura de pulso en marzo[15] e de tibia en xullo,[16] co que se perdeu tanto o Europeo como o Mundial.[17] En 2015 proclamouse campión de Europa de 125cc[18] e KTM renovoulle o contrato por 5 anos máis.[19]
En 2016, con 15 anos, debutou na categoría MX2 do Campionato do Mundo de Motocrós, no Gran Premio dos Países Baixos, en Assen, logrando subir ao podio en 3º lugar.[20][21][22] En 2017 foi o primeiro español en gañar unha proba de motocross MX2 en Pietramurata (Italia).[23] Nesa tempada gañou tamén os Grandes Premios de Bélxica[24] e os Países Baixos[25] e subiu ao podio na Arxentina (3º)[26] e Suecia (2º),[27] rematando a tempada en sétima posición do mundial.[28]
Para a tempada 2018, mudouse con seu pai a Santa Marinella, na provincia de Roma, para estar máis cerca do seu equipo.[29] Gañou os Grandes Premios de Trentino,[30][31] Portugal,[32] Alemaña,[33] Francia,[34] Lombardía,[35] Indonesia (Semarang)[36] República Checa,[37] Bélxica,[38] Suíza,[39] Bulgaria,[40] Assen[41] e Imola,[42] e subiu ao podio nos Países Baixos (2º),[43] Castelló (2º),[44] Rusia (2º),[45] Gran Bretaña (2º)[46][47] e Indonesia (Pangkal Pinang, 3º).[48] Deste xeito proclamouse campión do mundo aos 17 anos con 873 puntos, 96 máis que o seu compañeiro de equipo e anterior campión do mundo, Pauls Jonass.[49]
O Campionato Mundial de 2019 comezou cunha vitoria para Jorge Prado en Neuquén, Arxentina.[50] Por mor dunha lesión nun ombreiro non puido participar na segunda proba do ano, en Gran Bretaña,[51] que foi gañada por Thomas Kjær Olsen.[52] Tras esa curta ausencia, volveu ao Mundial en abril e gañou de forma consecutiva os trece seguintes Grandes Premios: Países Baixos,[53] Pietramurata,[54] Mantua,[55] Portugal,[56] Francia[57], Rusia[58] Letonia[59], Alemaña,[60] os dous de Indonesia (Palembang[61] e Semarang[62]), República Checa,[63] Bélxica[64] e Imola.[65]Deste xeito chegou ao circuíto sueco de Uddevalla cunha vantaxe de 130 puntos sobre Thomas Kjær Olsen, a falta de 3 grandes premios, polo que se conseguía 20 puntos máis revalidaría matematicamente o título. Conseguiunos xa na primeira manga, na que obtivo o primeiro posto, proclamándose por segunda vez campión do mundo.[66][67] Na segunda manga tivo unha caída que lle fixo perder posicións e rematou cuarto a manga e terceiro na clasificación final do gran premio.[68] Xa como bicampión do mundo, Prado gañou as dúas probas restantes, en Turquía, no circuíto de Afyonkarahisar,[69] e en Shanghai,[70] pechando o campionato con 16 grandes premios gañados, superando así o récord de 15 nunha tempada que posuía o neerlandés Jeffrey Herlings.[71] Gañou ademais 31 das 36 mangas das que constaba o campionato.
En 2020 corre en MXGP, tras renovar con KTM por catro anos máis, pois a normativa obriga a dar o salto á máxima categoría aos pilotos con dous títulos mundiais.[66] A finais de setembro de 2019 participou co equipo de España (xunto a Iker Larrañaga e Carlos Campano) no Motocrós das Nacións disputado en Assen, no que foi o seu debut coa moto de 450cc. Na primeira manga, na que corrían xuntos pilotos de MXGP e MX2, liderou a proba durante as primeiras voltas ata que a lama dos lentes o obrigou a facer unha parada para cambialos. Logo remontou postos ata subir ao podio en 3ª posición. Na outra manga na que participou, a terceira (MXGP + Open), arrancou mal e finalizou en sétimo lugar. Finalmente España rematou o campionato no noveno posto, empatada a puntos con Letonia (8º), mentres que o título acabou nas mans dos anfitrións, os Países Baixos.[72]
En decembro de 2019 sufriu unha grave lesión mentres adestraba no circuíto de Malagrotta, ao caer da moto e romper o fémur esquerdo, sendo despois sometido a unha operación.[73]
Volveu subir a unha moto só dous meses despois da fractura de fémur[74] e conseguiu estar na primeira cita da tempada 2020, o 1 de marzo no circuíto de Matterley Basin, en Winchester, no que foi o seu debut na máxima categoría, co inconveniente de ter moito menos tempo de adestramento que os seus rivais. Con todo, logrou meterse entre os dez primeiros do Gran Premio ao rematar 9º a primeira manga e 12º a segunda, co que obtivo un décimo posto final.[75][76] Unha semana despois, no Gran Premio dos Países Baixos, obtivo un terceiro posto na sesión de clasificación, e no inicio da primeira carreira chegou á primeira curva como líder da carreira. Posteriormente viuse adiantado por Jeffrey Herlings, Tim Gajser e Arminas Jasikonis, e finalizou en cuarta posición. Na segunda carreira sufriu unha caída no inicio que o deixou sen opcións. Adicouse a remontar posicións e acabou en 13ª posición na manga e 9ª na clasificación final do Gran Premio.[77]
Tras as dúas primeiras carreiras o campionato suspendeuse durante varios meses por mor da pandemia por coronavirus.[78] En xuño, dous meses antes da volta do campionato e cando Prado xa estaba recuperado case totalmente da fractura de fémur, sufriu un novo accidente adestrando, rompendo a clavícula dereita e sendo intervido cirurxicamente de novo.[79][80]
O campionato retomouse en agosto coa disputa de tres grandes premios consecutivos en Letonia. No primeiro deles, o Gran Premio de Letonia, Prado rematou en sétima posición, despois de quedar oitavo na primeira manga e sétimo na segunda.[81] Tres días despois, no Gran Premio de Riga, comezou liderando a primeira das carreiras, pero a rotura de varios radios dunha roda obrigouno a deterse a cambiala, polo que perdeu moitas posicións e non puido sumar puntos. Tamén sufriu problemas na segunda manga, conseguindo sumar só 8 puntos.[82] O 16 de agosto disputouse o Gran Premio de Kegums. Na primeira das mangas Prado rematou en terceira posición, mentres que na segunda foi cuarto. Deste xeito quedou terceiro no cómputo total do Gran Premio, subindo ao podio por primeira vez na categoría raíña, só por detrás do neerlandés Jeffrey Herlings e o lituano Arminas Jasikonis.[83]
Tras Bélxica o Mundial trasladouse a Italia, para disputar seis Grandes Premios consecutivos nese país, tres en Faenza e tres en Mantua. O primeiro deles foi o Gran Premio de Italia, no que Prado rematou quinto na clasificación final despois de liderar case toda a primeira carreira e gran parte da segunda, pero cometendo erros na parte final que o relegaron ata a cuarta e sexta posicións respectivamente.[84] O 9 de setembro disputouse no mesmo circuíto o Gran Premio Cidade de Faenza, no que Prado fixo historia ao gañar o seu primeiro Gran Premio na categoría raíña, tras rematar en segunda posición as dúas carreiras. Tim Gajser e Jeremy Seewer acompañárono no podio.[85] Catro días despois, no Gran Premio de Emilia-Romaña celebrado no mesmo lugar, Prado logrou a súa primeira vitoria nunha manga de MXGP, gañando a primeira das dúas carreiras despois dunha dura batalla con Jeremy Seewer.[86] Na segunda manga chegou sexto, rematando o Gran Premio no terceiro caixón do podio.[87] No Gran Premio da Lombardía rematou en segunda posición as dúas carreiras, subindo ao máis alto do podio como vencedor do Gran Premio. Con todo, unhas horas despois foi penalizado xunto a Romain Febvre por saltar con bandeira amarela na segunda carreira, sendo relegado ao cuarto posto na manga e ao terceiro final.[88] No Gran Premio Cidttà di Mantova volveu subir ao podio en segunda posición, despois de dominar de principio a fin a primeira manga e quedar sexto na segunda.[89] Xa en outubro acabou noveno no Gran Premio de Europa, despois de sufrir unha caída cando lideraba a primeira manga e caer tamén na segunda manga, cando ía segundo.[90] O día 11 disputouse o Gran Premio de España no novo circuíto construído en Arroyomolinos. Prado liderou as dúas mangas dende a primeira curva ata a última, logrando a súa segunda vitoria na tempada.[91] Foi ademais a primeira vez que un español gañaba as dúas carreiras dun Gran Premio da máxima categoría.[92]
A continuación disputáronse tres Grandes Premios consecutivos en Lommel. No primeiro Prado rematou terceiro, despois de acabar terceiro na primeira manga e cuarto na segunda, na que sufriu unha caída ao ser golpeado por Jeremy Seewer cando rodaba segundo. Con este resultado no GP de Flandres ascendeu ata a terceira praza do mundial.[93] Tres días despois logrou a súa terceira vitoria en MXGP, tras quedar segundo na primeira carreira por detrás de Gajser e primeiro na segunda.[94] Antes da terceira cita en Lommel confirmouse que contraera a COVID-19,[95] polo que non puido competir nese gran premio nin nos catro restantes do Mundial, perdendo así todas as opcións ao título, do que o separaban 55 puntos, e ao subcampionato, do que estaba só a 2 puntos.[96] Rematou a tempada en sexta posición.
Ano | Moto | Clase | 1 | 2 | 3 | 4 | 5 | 6 | 7 | 8 | 9 | 10 | 11 | 12 | 13 | 14 | 15 | 16 | 17 | 18 | 19 | 20 | Pts | Pos | ||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
C1 | C2 | C1 | C2 | C1 | C2 | C1 | C2 | C1 | C2 | C1 | C2 | C1 | C2 | C1 | C2 | C1 | C2 | C1 | C2 | C1 | C2 | C1 | C2 | C1 | C2 | C1 | C2 | C1 | C2 | C1 | C2 | C1 | C2 | C1 | C2 | C1 | C2 | C1 | C2 | |||||
2016 | KTM | MX2 | QAT | QAT | TAI | TAI | PBX | PBX | ARX | ARX | MEX | MEX | LET | LET | ALE | ALE | TRE | TRE | ESP | ESP | FRA | FRA | GBR | GBR | ITA | ITA | RCH | RCH | BEL NTS |
BEL NTS |
SUI | SUI | PBX 12 |
PBX 2 |
USE 17 |
USE 19 |
USW 16 |
USW 16 |
47 | 33º | ||||
2017 | KTM | QAT 7 |
QAT 11 |
IND 21 |
IND 18 |
ARX 3 |
ARX 3 |
MEX 19 |
MEX 20 |
ITA 2 |
ITA 1 |
PBX 17 |
PBX 23 |
LET 4 |
LET 5 |
ALE 12 |
ALE 10 |
FRA 6 |
FRA 5 |
RUS 15 |
RUS 4 |
ITA 18 |
ITA NTS |
POR Ret |
POR NTS |
RCH 3 |
RCH 6 |
BEL 2 |
BEL 1 |
SUI 4 |
SUI 4 |
SUE 1 |
SUE 5 |
USA 18 |
USA NTS |
PBX 2 |
PBX 1 |
FRA 14 |
FRA 7 |
460 | 7º | |||
2018 | KTM | ARX 16 |
ARX 7 |
PBX 2 |
PBX 2 |
ESP 2 |
ESP 3 |
ITA 1 |
ITA 2 |
POR 1 |
POR 1 |
RUS 2 |
RUS 2 |
LET 10 |
LET 1 |
ALE 2 |
ALE 1 |
GBR 2 |
GBR 2 |
FRA 3 |
FRA 1 |
ITA 2 |
ITA 1 |
IND 4 |
IND 3 |
IND 2 |
IND 1 |
RCH 3 |
RCH 1 |
BEL 1 |
BEL 1 |
SUI 2 |
SUI 1 |
BUL 2 |
BUL 1 |
TUR 3 |
TUR 7 |
PBX 1 |
PBX 1 |
ITA 1 |
ITA 1 |
873 | 1º | |
2019 | KTM | ARX 1 |
ARX 1 |
GBR | GBR | PBX 1 |
PBX 1 |
TRE 1 |
TRE 1 |
LOM 1 |
LOM 1 |
POR 1 |
POR 1 |
FRA 2 |
FRA 1 |
RUS 1 |
RUS 1 |
LET 1 |
LET 1 |
ALE 1 |
ALE 1 |
IND 1 |
IND 2 |
ASI 1 |
ASI 1 |
RCH 1 |
RCH 1 |
BEL 1 |
BEL 1 |
ITA 1 |
ITA 1 |
SUE 1 |
SUE 4 |
TUR 1 |
TUR 1 |
CHI 1 |
CHI 1 |
837 | 1º | |||||
2020 | KTM | MXGP | GBR 9 |
GBR 12 |
PBX 4 |
PBX 13 |
LET 8 |
LET 7 |
RIG 29 |
RIG 13 |
KEG 3 |
KEG 4 |
ITA 4 |
ITA 6 |
FAE 2 |
FAE 2 |
EMI 1 |
EMI 6 |
LOM 2 |
LOM 4 |
MAN 1 |
MAN 6 |
EUR 3 |
EUR 17 |
ESP 1 |
ESP 1 |
FLA 3 |
FLA 4 |
LIM 2 |
LIM 1 |
LOM | LOM | TRE | TRE | PIE | PIE | GAR | GAR | 476 | 6º |
2010
2011
|
2015
2018
2019
|
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Jorge Prado |