(2007) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 30 de setembro de 1905 Villena, España |
Morte | 25 de agosto de 1996 (90 anos) Villena, España |
Actividade | |
Ocupación | antropólogo, historiador, arqueólogo, lingüista, arquiveiro |
José María Soler García, nado en Villena (Alacant) o 30 de setembro de 1905 e finado no mesmo lugar o 25 de agosto de 1996, foi un arqueólogo, historiador, investigador, lingüista e folclorista español. É a persoa que estudou Villena e a súa comarca en maior profundidade e nun maior número de eidos, xa que todas as súas investigacións foron sempre na dirección de escrutar todo o que concernía á súa cidade natal.
Fundou o museo arqueolóxico da cidade, ao que se lle deu o seu nome na súa honra despois de que descubrira o Tesouro do Cabezo Redondo e o de Villena. A Fundación municipal José María Soler,[1] constituída tras a súa morte, ten como misión manter o seu legado cultural e convoca cada ano Premios de Investigación en varios niveis sobre a cidade e a área circundante.[2]
Naceu en 1905, fillo dun avogado villenense. Na súa xuventude distinguiuse pola súa participación en varias actividades culturais, escribiu na prensa local e foi director dun grupo teatral de afeccionados. Xa naquel momento era popular na cidade pola súa cultura e coñecementos. Ingresou en Correos en 1917 en Madrid e en 1925 foi destinado a Villena. Durante esta época traballaba repartindo correo e pasaba moitas horas na biblioteca do casino de Cieza.[3] En 1936 chegou a Xefe de Correos de Villena.
Durante a guerra civil foi mobilizado polo exército republicano, aínda que só realizou funcións postais. Ao volver a Villena en 1939 foi deposto do seu posto en Correos e encarcerado "polo seu auxilio á rebelión", aínda que foi liberado pouco despois. É entón, durante os primeiros anos da posguerra e coa cidade dominada por unha minoría triunfadora coa que estaba en desacordo, cando se reclúe no seu domicilio e comeza as súas primeiras indagacións históricas e arqueolóxicas. Para gañarse a vida, tivo que traballar como profesor dunha academia privada, e posteriormente como contable e xefe de oficina, entre outros pequenos labores.[4]
Ademais, foi cronista e arquiveiro de Villena desde 1950 e tamén, desde ese mesmo ano, comisario local de escavacións arqueolóxicas. En 1957 fundou o museo arqueolóxico cos materiais que fora recopilando desde 1940. Ao descubrir, en 1963, primeiro o Tesouro do Cabezo Redondo e logo o de Villena, foi designado 'director perpetuo' do museo, que pasou a chamarse na súa honra Museo Arqueolóxico "José María Soler". Sempre permaneceu solteiro e residiu, xunto a unha irmá tamén solteira, na súa mesma casa natal. Xa desde a década de 1950 pertenceu a diversos centros e institucións provinciais e autonómicas da Comunidade Valenciana. En 1970 recuperou de maneira simbólica o seu posto en Correos, dado que xa se xubilara.[4] Seguiu investigando e publicando practicamente até a súa morte, que ocorreu en 1996. Os seus restos descansan no Panteón de Ilustres de Villena.[5]
En 1939, tras a guerra civil española, Soler dedicou a maior parte da súa actividade investigadora á arqueoloxía da zona. Durante moitos anos realizou unha notable tarefa de campo dedicada á prospección da comarca villenense, descubrindo poboados e restos prehistóricos entre os que destacan o máis antigo, a Cova do Cochino, un asentamento da época musteriana no Paleolítico medio e o excepcional poboado de Bronce coñecido como Cabezo Redondo, cunhas singulares circunstancias que o converten nun dos máis importantes desta época en España.
Non menos de vinte asentamentos prehistóricos foron descubertos dentro da comarca villenense por José María Soler e neles efectuou un meritorio labor de escavación e estudo, cuns resultados tanxibles que poden admirarse no Museo Arqueolóxico. Alí atópanse os abundantes materiais provenientes dos descubrimentos e escavacións realizados por Soler, nunha tarefa levada a cabo persoalmente, co esporádico auxilio dalgún colaborador e practicamente sen medios nin axudas oficiais.
O seu principal achado foi o Tesouro de Villena, encontrado en 1963, e que, composto por 66 pezas, case a totalidade de ouro, constitúe o tesouro de vaixela áurea máis importante de España e o segundo de toda Europa, só superado polo das Tumbas Reais de Micenas, Grecia.[6]
Soler escribiu varios libros acerca dos seus traballos arqueolóxicos, algúns outros de investigación histórica ou folclórica e incluso un dicionario sobre as variantes dialectais do castelán en Villena. Ademais, pronunciou decenas de conferencias e escribiu centos de artigos en periódicos e revistas de moi variada índole, tanto a nivel local como rexional e estatal. A continuación segue unha lista dos seus libros publicados:[7]
Entre outras de menor entidade, as distincións máis importantes que recibiu foron as seguintes:
Ademais, o Concello de Villena dedicoulle unha rúa do centro en 1979.