Juventudes de Acción Popular | |
---|---|
Tipo | juventude partidária |
Data de fundación | 1933 |
Data de disolución | 19 de abril de 1937 |
País | España |
[ editar datos en Wikidata ] |
As Juventudes de Acción Popular[a] (JAP) foron unha organización xuvenil española de ideoloxía dereitista, primeiro do partido Acción Popular (AP) e, posteriormente, da Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA).[2] Os seus membros eran coñecidos popularmente como os «Camisas verdes».[3]
A organización foi orixinalmente fundada en febreiro de 1932 co nome de Juventudes de Acción Nacional (JAN),[1] como rama xuvenil do partido Acción Nacional, que un ano despois foi renomeado como Acción Popular (AP); a partir dese momento as xuventudes adoptaron o seu nome definitivo. No seu manifesto fundacional as JAP declararon a guerra ao comunismo e á masonaría, «que al negar las tradiciones de España, niegan a España misma».[4]
Ese mesmo ano AP pasou a integrarse na Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA), unha coalición política de partidos que se creou para concorrer ás eleccións de 1933. As xuventudes converteronse na organización xuvenil da CEDA, destacando polo seu papel na mobilización e axitación. Os excelentes resultados da CEDA nas eleccións de 1933 auparon ao seu líder, José María Gil-Robles, convirténdoo no gran líder da dereita e tamén do movemento xuvenil. O fundador das JAP e primeiro líder foi José María Valiente Soriano,[5] que nunha ocasión chegou a declarar que quería «forjar hombres nuevos, una juventud auténtica, alegre, optimista, española [...] no como esa otra, triste y áspera, avinagrada, atiborrada de novelas rusas e hija indigna de la anárquica generación del 98».[6] Despois de que Valiente fora expulsado da CEDA e as JAP en 1934, foi substituído por José María Pérez de Laborda,[7] o vicepresidente ata ese momento.[8]
O 22 de abril de 1934 organizaron un acto de concentración, a súa primeira asemblea nacional, nas proximidades do Mosteiro de El Escorial,[9] causando un grande impacto entre o público da época. O acto, que congregou a case 20.000 asistentes, chegou a ser cualificado por José Antonio Primo de Rivera como un «espectáculo fascista».[10][11] Logo dunha misa de campaña na explanada do mosteiro aprobouse o regulamento da formación, onde se mostraba unha aberta simpatía cara ao antiparlamentarismo e a "democracia orgánica", e contendo asertos como o famoso «los jefes nunca se equivocan».[12] Pola súa banda Gil-Robles elixiu a un coñecido oficial da Garda Civil, Lisardo Doval, para que dirixira o adestramiento militar dos escuadróns das JAP.[13]
Durante os anos do denominado "Bienio conservador" as JAP provocaron numerosos disturbios e altercados nas rúas, creando un ambiente que fixera xustificable a instauración dun réxime autoritario.[14] Por exemplo, nos primeiros meses de 1934 emprenderon unha campaña de confrontacións violentas contra membros da esquerda, nunha acción que non vira desde a instauración da Segunda República en 1931.[15] Porén, hai que sinalar que no período da II República as organizacións xuvenís caracterizáronse polo seu carácter violento. Neste sentido, unhas e outras organizacións escapaban con frecuencia ao control dos seus respectivos partidos e coa súa actividade violenta contradicían abertamente a actividade destes no Parlamento.[16] Empregaron o lema «España, una; España, justa; España, imperio».[17][18] Durante a campaña electoral de 1936 as JAP adoptaron lemas que eran semellantes á linguaxe empreada por Hitler e Mussolini.[19]
A derrota da CEDA nas eleccións de febreiro de 1936 deixou á coalición de dereitas inmersa nunha fonda crise. Moitos dos seus mozos víronse defraudados pola política de Gil-Robles durante os anos anteriores, ao considerar que desperdiciara a ocasión de facerse co poder. Na primavera seguinte uns 15.000 membros abandonaron as JAP e pasaron a integrar as filas da Falange Española de José Antonio Primo de Rivera.[20][21] O deputado conservador Ramón Serrano Suñer, a pesar de formar parte do grupo parlamentario da CEDA, foi un dos que animou ás xuventudes cedistas a pasarse ás filas do partido fascista.[22] Paradoxalmente, este movemento de militantes levou ao reforzamento da Falange, que nas eleccións de febreiro fracasara rotundamente e que tamén estaba moi debilitada pola acción policial contra os seus locais ou polas detencións de militantes. Pouco antes do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 as JAP aínda tiñan nas súas filas uns 12.000 membros.[23] As JAP deixaron de existir efectivamente en abril de 1937, logo da introdución do Decreto de Unificación.
Os membros das JAP levaban unha indumentaria composta por camisas verdes e empregaban un saúdo que imitaba o saúdo fascista ao elevar o brazo ata a metade para arriba.[24] A ambigüidade do saúdo casaba moi ben coa ambigüidade política e ideolóxica da CEDA.[25]
Boa parte dos seus membros eran estudantes, mentres que outros moitos procedían dos sectores obreiros.[15] Nos actos públicos, as xuventudes mostraron unha clara inclinación e influencia fascistas,[15] inspirados polos movementos xuvenís da Alemaña nazi e a Italia fascista.[26] Defendían o emprego de métodos autoritarios e en última instancia, a instauración dun estado corporativo.[27] Para Hugh Thomas constituían un «grupo excitado e impaciente de señoritos».[28]
Durante a súa curta existencia as Juventudes de Acción Popular contaron con varios órganos de expresión. Entre 1934 e 1936 editouse en Madrid a revista JAP, que se publicou con carácter semanal;[29] constituíu a publicación máis importante de entre todos os órganos das Juventudes de Acción Popular. Noutros puntos da xeografía española tamén se editaron publicacións, con diferente duración e importancia. En Palma de Mallorca editouse entre 1935 e 1936 o semanario Acción, de escasa influencia.[30] En Ávila editouse entre 1933 e 1934 o órgano xuvenil J.A.P., de publicación quincenal.[31] En Málaga as xuventudes editaron o semanario Adelante.[32]