Kiekko-Espoo Naiset, ou simplemente Kiekko-Espoo ou K-Espoo, é un equipo feminino de hóckey sobre xeo da cidade de Espoo (Finlandia). Actualmente compite na Naisten Liiga, a máxima categoría do hóckey sobre xeo feminino finlandés. Xoga os seus partidos como local no Tapiolan urheilupuisto.
Fundado en 1988, é o equipo máis laureado do hóckey sobre xeo feminino finlandés, tendo dominado o campionato nacional durante a década de 2000. En total, o equipo conquistou o campionato quince veces, sendo a última vez que alzou a Aurora Borealis Malja en 2022.
Os inicios do hóckey sobre xeo feminino en Espoo remóntanse á tempada 1974-75, cando Sabina Ainetdin fundou a organización de Honka. Coa marcha de Sabina a Canadá, Riita Kärävä fíxose cargo da asociación. Kärävä familiarizárase co hóckey sobre xeo no HJK de Helsinqui.[1]
Nesta década o campionato de Finlandia feminino non se disputaba de xeito oficial. O mesmo pasaba co torneo Lipstick, no que participaron os cinco equipos finlandeses rexistrados, así como equipos norteamericanos.[1]
En 1977 Kari Nyman, que xogaba no equipo masculino de Jäähonka, fíxose cargo da dirección do equipo feminino, que en 1979 se alzaría como campión do torneo. O mesmo equipo participou na primeira edición do campionato finlandés feminino na tempada 1982-83, aínda que non conseguiría clasificarse entre os catro mellores equipos e loitar así polo título.[1]
A Jäähonka seguiulle Karakallion Pallo, que se acabaría fusionando con JU-68 para crear a Espoon Kiekkoseura ou EKS en 1988.[1]
Espoon Kiekkoseura (abreviado "EKS") conseguiu o ascenso á SM-sarja na tempada 1989-90, e dende aquela o equipo de Espoo non descendeu de categoría.[1]
Na tempada debut de EKS na máxima categoría do hóckey sobre xeo feminino de Finlandia o equipo clasificouse para os play-offs, onde finalmente conseguiría a medalla de bronce logo de derrotar a Ässät de Pori no partido pola medalla de bronce,[2] o mesmo resultado que na seguinte tempada, se ben desta vez o partido polo bronce enfrontou ás xogadoras de Espoo fronte a KalPa de Kuopio.[3]
En 1992 o equipo mudou o seu nome a Kiekko-Espoo, o mesmo nome que tiña o equipo masculino que daquela tamén competía na máxima categoría, a SM-liiga. O segundo equipo, que disputaba a segunda categoría baixo o nome EKS 2 pasou a denominarse simplemente EKS.[1][6]
Ao longo das seis seguintes tempadas o equipo seguiu repetindo na medalla de bronce, agás nos anos 1995 e 1996, cando se viu afastado das medallas.[7]
Entre 1999 e 2016 o equipo competiu baixo a denominación de Espoo Blues.[8] Entre o ano no que o equipo mudou a súa denominación, e 2005, os Blues conquistou sete campionatos consecutivos. Os títulos de campinas nacionais posibilitaron que o equipo disputara a Copa de Europa, competición na que as de Espoo chegaron á final en 2005 e 2008.[9]
En marzo de 2016 Jääkiekko Espoo Oy, o club matriz de Espoo Blues Naiset da SM-sarja e Espoo Blues da Liiga, declarouse en bancarrota cunha débeda estimada de 3 millóns de euros.[10] Como resposta, Jussi Salonoja, un millonario e director de cine finlandés que fora anteriormente propietario dos Espoo Blues entre 2002 e 2012, creou un novo club e organización chamado Espoo United Oy,[11] afirmando que estaba "comprometido a apoiar o hóckey en Espoo."[12] Os equipos de Espoo Blues masculinos e femininos de baloncesto e hóckey sobre xeocomezaron a xogar para Espoo United.
O 15 de agosto de 2017 Salonoja anunciou que Espoo United abandonaba os seus equipos femininos de hóckey sobre xeo e baloncesto por motivos económicos.[13] En palabras de Salonoja: “A razón é dobre: os orzamentos dos equipos masculinos son moito maiores que os dos equipos femininos, polo que a súa dirección é máis demandante, mais por outra parte, [os equipos masculinos] son máis interesantes para os patrocinadores e audiencias”.[14][15]
O futuro do equipo feminino de hóckey sobre xeo mantívose incerto e propuxéronse moias solucións posibles, incluída a adquisición do equipo por parte de HIFK[16] ou a fusión con Espoo Blues Juniorit (un club júnior con fortes vínculos coa franquía).[14]
En setembro de 2017 a Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo anunciou que apoiara a creación dunha asociación inidependente, Ysikoppi ry, para supervisar o equipo, e que dera a súa aprobación para que competira na tempada 2017–18 baixo a denominación de Espoo Blues.[17][18]
O Kiekko-Espoo Naiset xoga os seus partidos como local no Tapiola 2, unha pista de xeo situada no distrito de Tapiola da cidade de Espoo. Construída en 2015, ten capacidade para 750 persoas.[19]
Ao longo da súa historia o equipo tivo seis capitás, todas elas de nacionalidade finlandesa. Katri-Helena Luomajoki foi a primeira capitá do equipo, desempeñando esta función na tempada 1997-98. Emma Terho e Minttu Tuominen, con catro tempadas cada unha, son as xogadoras que máis tempo desempeñaron este papel. Na seguinte táboa poden verse as distintas capitás do equipo e os períodos nos que desempeñaron a capitanía:[21]
Ao longo da súa historia dúas xogadoras de Kiekko-Espoo Naiset superaron a barreira dos 600 puntos, e tres máis a barreira dos 300 puntos. Nas estatísticas de xogo salientan as figuras de Karoliina Rantamäki e Petra Vaarakallio. Rantamäki é a máxima goleadora da historia do equipo con 355 goles en 338 encontros disputados, ademais é a líder histórica en puntos, cun total de 639. Pola súa banda Vaarakallio é a xogadora que máis asistencias sumou no equipo de Espoo cun total de 351. A continuación os rexistros das cinco máximas puntuadoras históricas do equipo:[22]
En 2008, durante a primeira etapa do equipo baixo a denominación de Espoo Blues, a entidade retirou o número 33 en honor a Päivi Virta. A xogadora nada en Tampere competiu durante 20 anos na máxima categoría do hóckey sobre xeo feminino finlandés, nove dos cales foron nas filas do equipo de Espoo. O número de Virta foi o segundo número feminino retirado na historia do hóckey sobre xeo finlandés.[23] Con todo, na actualidade o Kiekko-Espoo volveu empregar o seu número, que na tempada 2022-23 era empregado por Heta Paasilinna.[24]
Dende a tempada 2013–14Sami Haapanen exerce como adestrador do equipo. Trátase da segunda etapa de Haapanen á fronte do banco do equipo, ao que dirixiu anteriormente entre 2007 e 2011 baixo a denominación de Espoo Blues Naiset. Co técnico de Espoo o equipo gañou sete dos seus 16 campionatos, así como dúas pratas e un bronce, o que o converte no adestrador máis laureado da historia do equipo. O equipo tivo as seguintes adestradoras e adestradores ao longo da súa historia:[26]
Adestradoras e adestradores do Kiekko-Espoo Naiset
Espoo é considerado o berce do hóckey sobre xeo feminino en Finlandia. Os clubs femininos da cidade teñen formado numerosas xogadoras destacadas que convirten ao club no máis exitoso do hóckey sobre xeo feminino do país nórdico.[7]
A Aurora Borealis Malja (Copa Aurora Boreal) é entregada anualmente ao equipo vencedor dos play-offs e campión da Naisten Liiga. É o trofeo principal da competición. Kiekko-Espoo Naiset, e os equipos que o precederon, gañou un total de 15 veces o trofeo: 1999, 2000, 2001, 2002, 2003, 2004, 2005, 2007, 2008, 2009, 2013, 2014, 2015, 2019, 2021, 2022
4 medallas de prata como segundo clasificado dos play-offs: 2010, 2017, 2023, 2024
8 medallas de bronce como terceiro clasificado dos play-offs: 1991, 1992, 1993, 1994, 1997, 1998, 2006, 2016
Todos os galardóns individuais inclúen ás xogadoras de Kiekko-Espoo, Espoo Blues e Espoo United.
Trofeo Riikka Nieminen: outorgado á mellor xogadora da Naisten Liiga dende a tempoda 2008-09. Tan só unha xogadoras de Kiekko-Espoo ten alzado o trofeo dende a súa creación:[33]
Trofeo Päivi Halonen: entregado cada ano á mellor defensora da liga. Catro xogadoras do equipo de Espoo alzaron o trofeo, conseguindo sete galardóns para o equipo grazas aos tres consecutivos conseguidos por Emma Terho e os dous consecutivos de Nelli Laitinen:[35]
Trofeo Katja Riipi: entregado cada ano á mellor dianteira da liga. Recibe o seu nome en honor a Katja Riipi. Tres xogadoras do equipo alzaron a galardón, que foi entregado un total de cinco veces a xogadoras do club dende a súa introdución na tempada 2005-06:[36]
Trofeo Sari Fisk: dende a tempada 2010-11 se entrega o trofeo Sari Fisk á xogadora con mellor plus–minus ao final da liga regular. Unha xogadora de Ilves Naiset conseguiu o galardón:[39]
Trofeo Karoliina Rantamäki: entregado dende a tempada 1999-2000 á MVP dos play-offs. Dez xogadoras do equipo conseguiron alzar 13 veces o galardón:[40]
Trofeo Noora Räty: outorgado á mellor debutante na liga dende a tempada 2005-06. Leva o nome da porteira de Kiekko-Espoo, entre outros equipos, Noora Räty, que foi ademais a primeira galardoada xogando precisamente nos daquela Espoo Blues. Dúas xogadoras do equipo gañarou o galardón nalgunha ocasión:[41]
↑As posicións aparecen coas súas abreviaturas en inglés: *G: Goalie (porteiro) *C: Center (central) *W: Winger (Aleiro -dereito sinalado con "R" e esquerdo sinalado con "L"-) *D: Defenceman (defensa).
↑As abreviaturas "S" e "G" fan referencia á man que o xogador emprega para golpear o puck (en galego, disco) co stick (S) (en galego, pau de hockey) ou a que empregan os porteiros para collelo coa garda (G).