Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Francisco José Gómez Argüello Wirtz 9 de xaneiro de 1939 (85 anos) León, España |
Outros nomes | Kiko Argüello |
Residencia | España |
Educación | Real Academia de Belas Artes de San Fernando |
Actividade | |
Ocupación | artista |
Premios | |
Francisco José Gómez-Argüello Wirtz, coñecido como Kiko Argüello, nado en León o 9 de xaneiro de 1939 é un pintor español, do Camiño Neocatecumenal.
Estudou Belas Artes na Academia de San Fernando de Madrid. En 1959 recibe o Premio Nacional Extraordinario de Pintura. Frecuenta ambientes culturais e universitarios de esquerda, existencialistas e de loita antifranquista, ata a súa conversión a un cristianismo contestatario que busca novas formas de expresión e que se sente incómodo no catolicismo tradicional en España aliado co franquismo. Neste sentido, estivo vinculado ao movemento renovador e, naquel momento progresista, de Cursillos de Cristiandad.
Nesa conversión inflúe a súa insatisfacción pola falta de resposta que para el presentan autores como Jean Paul Sartre, Albert Camus ou Nietzsche e o descubrimento de Henri Bergson. Nesta liña forma un grupo, Gremio 62, que pretende a renovación da expresión artística do catolicismo oficial que xulga anquilosado e conservador. Obtén unha axuda da Fundación Juan March co fin de abrir espazos de encontro co protestantismo e os movementos máis avanzados e progresistas do cristianismo europeo. Fronte ao antisemitismo do franquismo, afonda nas raíces hebraicas do cristianismo e tende pontes co xudaísmo.
A influencia de Francisco de Asís e Charles Foucauld lévao a renunciar aos seus bens e irse a vivir nas barracas de Palomeras Altas, en Madrid. Naquela época, esta era unha bolsa de marxinación, insalubridade e delincuencia, ignorada polas autoridades franquistas. Alí, dun xeito espontáneo, e aplicando as tendencias máis avanzadas do catolicismo aínda preconciliar, vai dinamizando comunidades cristiás que se xuntan para a celebración da Eucaristía, a lectura de Biblia e a axuda mutua. Durante esa época coñece a Carmen Hernández, unha licenciada en químicas que se preparaba para ir de misioneira a Bolivia, pero que optou por quedar nas chabolas e compartir o proxecto de Kiko Argüello.
O intento por parte da policía franquista de derrubar as barracas, enfréntao coas forzas de orde pública do réxime. Kiko Argüello acode ao arcebispo monseñor Morcillo, un xerarca eclesiástico con posicións de centro fronte ás posicións de dereita inmobilista do bispo Guerra Campos e o progresismo de Tarancón. Morcillo presentouse persoalmente no lugar do conflito e garantiulle a súa protección a Kiko Argüello.
Alí o arcebispo descobre as comunidades que agromaron ao redor de Kiko Argüello e Carme Hernández e anima a estes a espallar a experiencia, primeiro en España e despois en Italia e o resto do mundo. En Italia, viviu nas chabolas do Borguetto Latino de Roma.
Foi convidado varias veces como laico aos sínodos dos bispos convocados por Xoán Paulo II. Bieito XVI someteu a exame certos aspectos da súa liturxia e mensaxe.
Kiko Argüello retomou a súa actividade artística. É o pintor de iconas bizantinas e as vidreiras vangardistas da catedral da Almudena, obra que recibiu duras críticas por parte do mundo cultural madrileño.
Tamén é compositor dunha sinfonía adicada ao sufrimento dos inocentes
Kiko Argüello non escribiu ningunha obra teórica onde expoña o seu pensamento, pero este atópase esparexido na súa predicación pública e nas súas catequeses, moi discutidas nos ambientes eclesiásticos e ecuménicos.
Kiko Argüello entende que a transmisión da fe do catolicismo tradicional está en crise. Considera que Europa está optando por unha apostasía práctica que, ao seu parecer, leva á poboación á alienación propia da idolatría do diñeiro, o culto ao prestixio social, o materialismo, o individualismo e o consumismo compulsivo. Isto para el é causa da destrución da persoa, da súa soidade radical e do seu sufrimento. O home arela ser, pero a súa identidade como criatura, que está chamada ao amor e á comuñón, está ameazada dramaticamente pola nada, pola morte óntica.
A súa antropoloxía, tachada de pesimista, é moi similar á de Lutero ao defender a radical incapacidade do ser humano de superar o que lle escraviza (o pecado) e a imposibilidade sen a graza de liberar a súa condición persoal para poder amar incluso ao inimigo. Denuncia o esquecemento da visión escatoloxía da vida cristiá, única maneira de dar unha dimensión transcendente e esperanzada á loita pola xustiza. Isto lévao tamén a apreciar a insuficiencia do marxismo que só outorga un sentido eficaz para a última xeración que acade o estado socialista pero se esquece dos torturados e esmagados de toda a historia humana marcada polo mal e o pecado. Sectores progresistas ven nisto unha falla de compromiso social e unha visión espiritualista narcotizante contraria á doutrina social da Igrexa e mesmo ao maxisterio papal
Defende que a maneira de reevanxelizar no día de hoxe é volvendo ás raíces da primeira predicación dos Apóstolos. Esta consiste no anuncio do Kerigma. En síntese trátase, segundo el, da "necedade da predicación" (Paulo) cuxo contido é o amor de Deus ao home, sexa cal sexa a súa conduta e condición vital e existencial. Só o amor de Deus manifestado plenamente no home Xesús de Nazaret como Cristo crucificado e resucitado abre ao home un camiño de liberdade por onde pode transitar seguindo pasos análogos ao catecumenado dos primeiros cristiáns. Sectores da dereita eclesiástica ven nisto un anacronismo contrario á tradición.
O home é un ser en relación, imaxe de Deus mesmo que é unidade no amor (Santa Trindade). En consecuencia, só pode reconstruír o seu ser en comunidade. Non hai cristianismo veraz sen pequenas comunidades onde o home experimente a súa verdade mediante un camiño de autocoñecemento do que o aliena e a súa incapacidade de amar ao outro. O home experimenta, parafraseando a Sartre, que o inferno é o outro, só a graza vivida cos demais á luz da Palabra de Deus e alimentada no sacramento da eucaristía, daralle o don de amar. Kiko Argüello entende que este é o único vieiro para rexenerar unha Igrexa que esmorece. O mundo, segundo Kiko Argüello, volverá a crer cando vexa o amor e a unidade realizado en pequenas comunidades cristiáns que renoven a vida de cada parroquia. Sectores conservadores ven nisto a ameaza dunha Igrexa distinta e paralela á estrutura xerárquica secular.
Kiko Argüello é o fundador dun movemento en expansión con máis dun millón de seguidores nos cinco continentes que non se conciben como tal movemento senón como seguidores dun camiño de iniciación cristiá concibido especialmente para os afastados e os descridos. Tras varias décadas de exame, a Igrexa Católica recoñeceu oficialmente este movemento como un itinerario para achegarse e descubrir vivencial e existencialmente a fe cristiá. A aprobación dos Estatutos do camiño neocatecumenal pola Santa Sé produciuse no ano 2008
A mensaxe de Kiko Argüello e os ritos do camiño, moi participativos e asemblearios (monicións e comentarios dos laicos e non só homilías; responsables laicos das comunidades, incluídas mulleres, fronte ao rol tradicional dos párrocos; disposición en círculo en torno á mesa prescindindo do altar; comuñón nas dúas especies dunha mesma copa, en contraste coa misa convencional, utilización de linguas vernáculas, fronte ao latín) xeran desconfianza e oposición nos sectores conservadores da Igrexa. Porén as posicións duras de Kiko Argüello contra o aborto, a prohibición aos divorciados das comunidades de volver a casar, e a súa interpretación rigorista da encíclica de Paulo VI Humanae Vitae, suscitoulle as reservas dos movementos progresistas que o acusan de fundamentalista e sectario.
O seu personalismo na dirección do movemento a través de equipos itinerantes formados por un sacerdote, unha muller e un laico e a imposición de cantos e pinturas dos que é autor fano sospeitoso dun culto á personalidade.