La Correspondencia Militar

La Correspondencia Militar
Periódico de noticias xerais do Exército e da Armada

(exemplar do día 19 de xaneiro de 1932)
Nº de páxinas4
Fundación1877
Remata1932
Lingua(en castelán)
LocalidadeMadrid
Ámbitoestatal
PeriodicidadeDiario
Tiraxe16 000 (1913)
ISSN1132-6441
Na rede
HemBNE: 0001801740 HemBNE: 1769682
editar datos en Wikidata ]

La Correspondencia Militar, tamén coñecido como La Correspondencia, foi un xornal editado en Madrid, entre 1877 e 1932,[1] que se subtitulaba "periódico de noticias xerais do Exército e da Armada".[2]

Foi un dos diarios militares de maior duración[3] e, aínda que, nos comezos foi de ideoloxía liberal para pasar a ser progresivamente monárquico e, furibundamente, contrario á II República.[1] Durante a súa existencia mantivo unha liña editorial belicista e de defensa dos intereses corporativos do Exército.

Aínda que a súa periodicidade comenzou sendo con publicacións en días alternos, en 1887, convértese en diario e as súas seccións pasan a se as un xornal normal.[4] En 1913, tiña unha tirada duns dezaseis mil exemplares.[4]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Foi fundado e dirixido en 1877 polo comandante Emilio Prieto Vilarreal,[2][4] que era simpatizante ao Partido Republicano Progresista[4] e que o dirixe até 1884 e é propietario até 1888, malia ter que se exiliar en 1886, por participar no Pronunciamento de Villacampa.[2]

A partir de 1888, a súa ideoloxía foi claramente belicista en tódolos episodios bélicos da guerra colonial de finais do século XIX, ademais do seu conservadorismo político (estaba próximo ao partido de Cánovas, e era contrario ao Maurismo)[4] e apoiaba a defensa dos intereses corporativistas. Así, participou con diferentes artigos nas críticas pola derrota da guerra de Cuba achacando o malgasto do orzamento e a ineficiencia pois quedando só dous barcos de guerra se contaba con 142 almirantes.[5] Igualmente, en 1905, cando se produciron os feitos do Cu-Cut, fixo campaña en Madrid, xunto co xornal El Ejército Español, para reaccionar contra o nacionalismo catalán,[6] e destacou na defensa da Lei de Xurisdicións en 1909.[4]

Durante a Primeira guerra mundial foi o xornal máis abertamente xermanófilo[7] e, a partir de 1917, converteuse no voceiro, de facto, das Xuntas Militares de Defensa.[3][4][8] Xa en xaneiro de 1912, se celebrara unha manifestación de oficiais contrarios ao sistema de ascensos por méritos de guerra, que fora reintroducido dous anos antes polo xeneral Luque. Unha das medidas de Luque, fronte a esa manifestación catalogada como insubordinación, foi arrestar a varios militares, entre eles o director do xornal.[9]

O seu anterior director, o comandante Julio Amado, deu paso a Evaristo Romero á fronte da publicación, malia que Amado seguiu marcando a ideoloxía.

Desvois opina que foi un xornal no que se mesturaban os intereses propiamente políticos coa corrupción política pois, amais de recibir diversas subvencións e cartos, tamén os seus membros recibían cargos. Un exemplo foi o do director, Julio Amado, nomeado Gobernador de Barcelona en 1919.[10]

Década de 1920

[editar | editar a fonte]

Na década de 1920, apoiou a chegada da ditadura de Primo de Rivera mais a súa circulación diminuíu considerablemente e estivo ao límite da desaparición, polo que dende os círculos próximos a Afonso XIII e mailo ditador Miguel Primo de Rivera se lle pediu ao empresario mallorquino Juan March que respaldase o xornal. Este aceptou colaborar economicamente co xornal porque quería aproximarse a Primo de Rivera e colocou a un empregado seu no control das contas. Cando viu a situación, a cambio dunha entrevista con ditador, accedeu a apoialo co obxectivo de sanear a feble economía do xornal e entregou diversas cantidades que chegaron a un total de 100.000 pesetas. Porén non foron a fondo perdido senón que tiña forma dun empréstito contra a maquinaria do diario. Finalmente, en novembro de 1926, ao ver que se trataba dun negocio ruinoso, March rematou a súa axuda.[3]

Seguramente, para paliar as súas dificultades económicas, o 9 de novembro de 1928, fusionouse por absorción con outra publicación militar, El Ejército Español, de ideoloxía ultraconservadora,[11] fundada en 1888.[12]

Segunda República

[editar | editar a fonte]

Foi unha das poucas publicacións militares que sobreviviu á instauración da II República.[13]​ Dende as súas páxinas, apoiadas economicamente por monárquicos que comezaban a conspirar contra a República, atacaban a esta,​ o que lle valeu varias suspensións. Finalmente, o 26 de marzo de 1932, foi o derradeiro número por causa dunha lei que prohibía a prensa político militar por mor das sospeitas de corrupción. Desvois cita que Azaña declarou que o xornal recibira en abril de 1931, 1 000 pesetas de fodos secretos do ministerio.[10]

De contado, o día 29, se transforma nunha nova cabeceira, retitulada simplemente La Correspondencia.​[1][4][12] O seu director no período republicano foi o tenente coronel Emilio Rodríguez Tarduchy, que en decembro de 1933 fundou a Unión Militar Española.[14]

Abandonou a súa publicación en 1932, trala súa participación en La Sanjurjada do 10 de agosto.

  1. 1,0 1,1 1,2 Checa Godoy (1989), p. 282
  2. 2,0 2,1 2,2 Desvois (2001), p. 235
  3. 3,0 3,1 3,2 Cabrera Calvo-Sotelo (2013), p. 155
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 "La Correspondencia militar". hemerotecadigital.bne.es (en castelán). Consultado o 13 de novembro de 2023. 
  5. Payne (1968), p. 76
  6. Payne (1968), p. 80
  7. Fătu-Tutoveanu & Jarazo (2013), p. 99
  8. Desvois (2001), p. 241
  9. Payne (1968), pp. 107-108
  10. 10,0 10,1 Desvois (2001), p. 240
  11. Navajas Zubeldia (2001), pp. 74-75
  12. 12,0 12,1 Desvois (2001), p. 236
  13. Desvois (2001), p. 237
  14. Navajas Zubeldia (2001), p. 77

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Cabrera Calvo-Sotelo, Mercedes (2013). Juan March (1880-1962). Serie: Memorias y Biografías (en castelán). Madrid: Marcial Pons Historia. ISBN 9788415817000. 
  • Checa Godoy, Antonio (1989). Prensa y partidos políticos durante la II República. Serie: Estudios Históricos y Geográficos (en castelán). Salamanca: Ediciones Universidad de Salamanca. ISBN 84-7481-521-5. 
  • Desvois, Jean Michel (2001). "La presse militaire dans L'Espagne contemporaine". En Aubert, Paul; Desvois, Jean-Michel. Les élites et la presse en Espagne et en Amérique latine: des Lumières à la Seconde Guerre mondiale (en francés). Madrid: Casa de Velázquez. pp. 229–242. ISBN 9788495555182. 
  • Evans Pim, Joám (2013). "Pro-German Press and Literature in North-Western Spanish Cultures during the World War I (1914-1918)". En Fătu-Tutoveanu, Andrada; Jarazo Álvarez, Rubén. Press, Propaganda and Politics: Cultural Periodicals in Francoist Spain and Communist Romania (en inglés). Cambridge: Cambridge Scholars Publishing. pp. 96–105. ISBN 978-1-4438-4323-2. 
  • Payne, Stanley G. (1968). Los militares y la política en la España contemporánea (en castelán). Ruedo Ibérico.