Les Enfoirés é o nome que recibe dende 1986 unha gala con artistas e personalidades públicas (principalmente francoparlantes) que busca obter fondos para a asociación Les Restos du Cœur (Restaurantes do corazón, en galego), cuxo fin é a distribución gratuíta de alimentos ás clases de menor poder adquisitivo.
En xaneiro de 1986, Coluche (Michel Gérard Joseph Colucci), que fundara uns meses antes a asociación Les Restos du Cœur, xuntou nun estudio de televisión numerosos artistas, personaxes públicos e políticos para a promoción da asociación e das súas accións. Jean-Jacques Goldman compuxo a La Chanson des Restos que interpretaron varias destas personalidades. Aquí comezou les Enfoirés. En decembro de 1986, a petición de Véronique Colucci, a súa viúva, xuntáronse outra vez estes artistas nun plató para unha nova edición televisiva. Co transcurso dos anos, o acto converteuse nun concerto recompilación de máis de corenta artistas e personaxes célebres de todo o mundo. Os beneficios de les Enfoirés (concertos, CD, DVD etc) son enviados á asociación Les Restos du Cœur.