(2017) | |
Nome orixinal | (pt) Luísa Maria Vilar Braamcamp Sobral |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 18 de setembro de 1987 (37 anos) Lisboa, Portugal |
Datos persoais | |
Residencia | Lisboa |
País de nacionalidade | Portugal |
Educación | Berklee College of Music - música |
Cor dos ollos | Azul |
Actividade | |
Ocupación | música , compositora , cantante , compositora de cancións |
Período de actividade | 2003 - |
Xénero artístico | Soul, Jazz e música pop |
Lingua | Lingua inglesa e lingua portuguesa |
Instrumento | Guitarra, voz e arpa |
Selo discográfico | Universal Music Group |
Familia | |
Pais | Salvador Luís Cabral Braamcamp Sobral (pt) e Luísa Maria Cabral Posser Vilar (pt) |
Irmáns | Salvador Sobral |
Premios | |
Páxina web | luisasobral.com… |
Luísa Maria Vilar Braamcamp Sobral, nada en Lisboa o 18 de setembro de 1987, é unha cantante e compositora portuguesa. Compuxo a canción "Amar pelos dois", interpretada polo seu irmán Salvador Sobral, gañadora do Festival de Eurovisión 2017.
Saíu do anonimato en 2003, con só 16 anos, como concursante do programa Ídolos da SIC, onde obtivo o 3º posto. Pouco despois, marchou aos Estados Unidos para estudar no Berklee College of Music, onde rematou a súa licenciatura en 2009.[1]
Lanzou o seu álbum debut, The Cherry On My Cake, o 14 de marzo de 2011,[2] que acadou, na primeira semana, a terceira posición nas listas de éxitos de Portugal.[3]
En 2012, converteuse na terceira artista portuguesa en actuar no programa Jools Holland, presentando as súas cancións e compartindo escenario con Melody Gardot. Sobral tamén colaborou na xira da cantante estadounidense.[4]
Tamén en 2012 gravou con Alejandro Sanz ("Bailo Con Vos") e con David Fonseca ("It Shall Pass").
En 2016 editou Luísa presentada en directo por todo o país. O disco gravouse nos Ánxeles, nos míticos United Recording Studios, por onde pasaron nomes históricos como Frank Sinatra, Ray Charles, Ella Fitzgerald, Jay-Z, Radiohead ou U2. Á fronte da produción estivo Joe Henry, gañador de tres premios Grammy, quen, ademais dunha sólida traxectoria en nome propio, asinou obras de músicos como Elvis Costello, Solomon Burke, Beck ou Madonna. Ademais de produtor, Joe Henry tamén conta cunha sólida traxectoria artística con 13 discos editados, colaboracións con artistas como Brad Mehldau ou Bill Frisell e unha notábel traxectoria como compositor, con énfase no seu traballo con Madonna, do que é un dos seus principais provedores de cancións.
Durante a estadía nos Estados Unidos, foi nomeada nas categorías Best Jazz Song, no Malibu Music Awards en 2008; Best Jazz Artist no Hollywood Music Awards; International Songwriting Competition en 2007 e The John Lennon Songwriting Competition tamén en 2008.[5]
En maio de 2017, poucos días despois de que "Amar pelos dois" gañase o Festival de Eurovisión, Luísa e Salvador Sobral foron homenaxados por unanimidade pola Asemblea da República polo seu logro.[6]
O 23 de abril de 2018 recibiu, xunto con Salvador Sobral, o premio Martha de La Cal á personalidade do ano 2017, da Asociación da Prensa Estranxeira de Portugal. O mesmo día, foi nomeada comandante da Orde do Mérito polo presidente da República Portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa.[7][8]
Ademais, “Amar dos dois” foi nomeada para a Mellor Música, outra categoría no mesmo galardón.[9]
Entre as súas influencias, destacan nomes como Billie Holiday, Ella Fitzgerald, Chet Baker, Björk, Regina Spektor, Rui Veloso, Jorge Palma, Bernardo Sassetti, Sara Tavares, Maria João e Mário Laginha.[5][10]
Filla de Salvador Luís Cabral Braamcamp Sobral (Lisboa, Santos-o-Velho, 21 de maio de 1955, neto paterno do 4º Conde de Sobral, e a súa muller e curmá-sobriña en 2º grao e curmá en 3º grao (5 de maio de 1984) Luísa Maria Cabral Posser Vilar (Setúbal, Nossa Señora da Anunciada, 25 de agosto de 1960), irmá de Bernardo Vilar.[11] Ten un irmán máis novo, Salvador Sobral (28 de decembro de 1989), que, coma ela, participou en Ídolos e que debutou discograficamente en 2016.
En xaneiro de 2016, anunciou que estaba embarazada dunha parella que non revelou.[12] O neno, chamado José, naceu o 27 de xuño de 2016.[13] O 13 de maio de 2018 naceu o seu segundo fillo chamada Rosa.[14] En abril de 2020, anunciou que estaba embarazada por terceira vez.