![]() (1986) ![]() | |
Nome orixinal | (es) Luis Roldán Ibáñez ![]() |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 22 de agosto de 1943 ![]() Zaragoza, España ![]() |
Morte | 24 de marzo de 2022 ![]() Zaragoza, España ![]() |
Causa da morte | morte natural ![]() |
![]() | |
31 de outubro de 1986 – 3 de decembro de 1993 ← José Antonio Sáenz de Santa María – Ferran Cardenal de Alemany (en) ![]() | |
![]() | |
29 de decembro de 1982 – 31 de outubro de 1986 ← Francisco Javier Ansuátegui Gárate (en) ![]() | |
![]() | |
15 de abril de 1979 – 29 de decembro de 1982 | |
Actividade | |
Ocupación | político ![]() |
Partido político | Partido Socialista Obrero Español (1976–1994) ![]() |
Premios | |
|
Luís Roldán Ibáñez, nado en Zaragoza, o 22 de agosto[1] de 1943 e finado Ib. o 24 de marzo de 2022,[2][3] foi un político español pertencente ao Partido Socialista Obreiro Español. Tras exercer diversos cargos políticos, foi especialmente coñecido pola súa época á fronte da Dirección Xeral da Garda Civil, sendo o primeiro civil nomeado no cargo.[4]
Desde esta dirección xeral valeuse para o seu enriquecemento ilícito. Ao iniciarse as dilixencias xudiciais polas súas actividades delituosas, Luís Roldán fuxiu de España en 1994. Entregouse en 1995 no aeroporto de Bangkok. Entre 1996 e 1998 foi xulgado ante un tribunal de Madrid. Foi condenado a 28 anos de prisión por malversación, suborno, fraude fiscal e estafa, que o Tribunal Supremo incrementou a 31 anos.[4] Estivo desde febreiro de 1995 no cárcere feminino de Brieva (Ávila) e a Audiencia Provincial de Madrid desde o 2005 permitiulle saír do cárcere para traballar,[5][6] nun réxime intermedio entre o segundo e o terceiro grao.[7]
Afiliouse ao Partido Socialista Obreiro Español en 1976. Licenciouse en Ciencias Políticas e Socioloxía pola Universidade Nacional de Educación a Distancia, tras o seu ingreso en prisión. Con anterioridade, presentábase falsamente como enxeñeiro industrial e economista, carreiras que nunca acreditou.
Entre o 29 de decembro de 1982 e o 31 de outubro de 1986 foi delegado do Goberno en Navarra.
Despois, foi nomeado director xeral da Garda Civil, sendo o primeiro civil que ocupaba o cargo deste corpo policial que mantén disciplina militar. Neste período realizáronse cambios na institución, acelerando o seu proceso de modernización. Realizou un gran programa de obras para mellorar as casas cuartel que moitas estaban en moi mal estado. Baixo o seu mandato produciuse o acceso da muller ao corpo.[8] Creou en 1991 o Servizo Marítimo da Garda Civil e potenciou os servizos de información antiterroristas que obterán grandes éxitos no seu labor de infiltración dentro de grupos, entre outras detencións, conseguiron a localización e detención por parte da Policía francesa da dirección de ETA na localidade de Bidarte o 29 de marzo de 1992.
En 1993 o xornal Diario 16 publicou as primeiras sospeitas de aumento desmedido do patrimonio de Luís Roldán, que levaron finalmente á súa destitución o 3 de decembro dese mesmo ano. Os trámites xudiciais fóronse incrementando, e o 29 de abril de 1994, Roldán fuxiu de España. Dado que o Ministerio de Interior se fixera responsable da súa vixilancia, o seu responsable Antoni Asunción presentou a súa dimisión inmediata. Comentouse durante un tempo que puido estar escondido no municipio zamorano de Mombuey, de onde a súa muller é natural.[9]
Foi detido por policías españois o 27 de febreiro de 1995, no aeroporto de Bangkok (Tailandia), nunha entrega pouco clara e na que supostamente participou o axente do CESID Francisco Paesa.[10] Antes de entregarse pactou desde Laos, con documentación laosiana falsificada, coñecida posteriormente como «os papeis de Laos», que só podería ser xulgado por dous delitos: suborno e malversación.[11]
Foi xulgado pola Audiencia Nacional e condenado o 26 de febreiro de 1998 a 28 anos de cárcere, por malversación de fondos públicos, suborno, fraude fiscal e estafa. Entre o que quedou demostrado estaba que levou 435 millóns de pesetas[a] dos fondos reservados e 1800 millóns en comisións, [b] boa parte delas relacionadas co seu programa de modernización das casas cuartel. Por iso impúxoselle unha multa de 1600 millóns de pesetas[c] 3] e unha indemnización ao Estado de 578,9 millóns.[d] Con el foron condenados a súa exesposa Blanca Rodríguez-Porto por encubrimento e delito contra a Facenda pública e o seu home de palla Jorge Esparza Martín. O 21 de decembro de 1999, o Tribunal Supremo de España confirmou os delitos e incrementou a condena a 31 anos de cárcere.
Ademais dos seus delitos monetarios realizou acusacións de varios altos cargos en delitos referentes ao GAL na guerra sucia do estado contra ETA.
Estivo desde febreiro de 1995 no cárcere feminino de Brieva (Ávila) e a Audiencia Provincial de Madrid desde o 2005 permitiulle saír do cárcere para traballar.[5] O 14 de novembro de 2008, Roldán reapareceu en televisión: concedeulle unha entrevista en directo a María Teresa Campos na canle Tele 5, onde non achegou datos relevantes.
Os xuíces lograron recadar no procedemento civil 1 646 845 euros co embargo de contas correntes e a poxa dalgunhas das súas propiedades intervidas en España. O groso da súa fortuna, equivalente a 10 millóns de euros do ano 1993, atópase en paradoiro descoñecido.
O 19 de marzo de 2010 saíu de prisión despois de 15 anos de condena.[12]
Morreu o 24 de marzo de 2022 na súa cidade natal, Zaragoza, aos 78 anos de idade.[3]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Luis Roldán |
Predecesor: José Antonio Sáenz de Santa María |
![]() 1986-1993 |
Sucesor: Fernando Cardenal de Alemany |