Música xudía

A música xudía é de xénero tanto relixioso como profano. Trátase dunha música antiga e diversa, pois recibiu a influencia dos lugares onde habitaron os xudeus da diáspora.

Rebbe Nachman ensina: "Busca ata atopar un pouco de ben en ti mesmo. Como é posible que nunca fixeses unha boa acción en toda a túa vida? Podes comezar a examinar esa boa acción e ver que tamén está chea de defectos. Podes sentir que o teu mitzva ou acto santo foi motivado por impulsos impuros e que tiveches pensamentos inadecuados e non o fixeches do xeito correcto. Aínda así: como é posible que este mitzva ou bo acto non conteña un pouco de bo? Debe haber algún bo punto niso. Debes buscar ata atopar un mínimo de ben en ti mesmo, para revivirte e facerche feliz. E do mesmo xeito, debes seguir buscando ata atopar algún outro bo punto. E se este bo punto tamén se mestura con todo tipo de mal, tamén debes extraer un punto positivo del. Así, debes continuar, buscar e reunir todos os puntos adicionais. Así se fai a música” (Likutey Moharán I: 282)

Música relixiosa

[editar | editar a fonte]
Libro de oracións (Majzorim), inspirador das letras da música relixiosa xudía.

Velvel Pasternak pasou gran parte do século XX tratando de preservar e documentar a tradición oral da música relixiosa xudía. A gran maioría da música producida por xudeus ortodoxos oriéntase cara ao ensino das tradicións relixiosas e éticas e ás leis. As letras destas cancións están escritas en inglés ou en hebreo e a miúdo utilizan frases dos libros de oracións. Na década de 1970, lograron popularidade solistas como Mordechai Ben David, Avrohom Fried e Abie Rottenburg, así como coros de raparigos como o Pirchei de Londres, dirixido por Yigal Salik. A música relixiosa xudía do século XX cambiou grandemente, incluíndo unha ampla gama de estilos que van desde o «nigunim» de Shlomo Carlebach, pasando polo folclore feminista de Debbie Friedman, até a sonoridade de Daniel Ben Shalom. Periodicamente grupos de música tradicional xudía entran na corrente da moda musical, sendo o artista de reggae Matisyahu o exemplo máis recente. A canción «Hava Nagila», coñecida globalmente, é un exemplo da combinación de tradición e modernidade na música xudía contemporánea.

Un piyyut (en hebreo: פיוט plural piyyutim) é un poema litúrxico creado para ser recitado ou cantado durante os oficios. Os piyyutim escribíronse desde os tempos do mishná. A maioría deles está escrito en hebreo ou en arameo, seguindo algún esquema poético, como o acróstico, segundo a orde do alfabeto hebreo ou o nome do autor. Entre os piyyutim máis coñecidos figura «Adón Olam» (hebreo: אֲדוֹן עוֹלָם ), cuxa sinxela forma poética consiste en rimar versos octosílabos e que se utiliza con moita frecuencia para concluír o servizo tralo ritual nocturno da shema, ou durante o ritual matinal do tefilin.[1] Outro piyyut moi coñecido é o yigdal (hebreo: יִגְדַּל), baseado nos Trece principios de fe de Maimónides.[2]

Un zemer (en hebreo: זמירות, en plural zemirot), é un himno xudeu, cantado usualmente en idioma hebreo ou arameo, pero ás veces tamén en yidis ou xudeoespañol. A letra de moitos zemirot tomouse de poemas escritos por rabinos e sabios durante a Idade Media. Outros son anónimos, con letras populares que pasaron de xeración en xeración. O máis coñecido é aquel que se canta ao redor da mesa no sabbat e noutras festas xudías. Algúns dos zemirot do sabbat son específicos dunha hora do día, como aqueles para a cea do venres, o xantar do sábado ou a terceira comida do sábado xusto antes do ocaso. Nalgunhas edicións do sidur, o libro de oracións xudeu, as letras destes himnos están impresas tras unha oración de apertura ou kidush para cada comida. Outros zemirot son máis xenéricos e poden cantarse con calquera comida ou noutras ocasións sacras.

Un nigun (en hebreo: ניגון, en plural nigunim) é un canto relixioso que se interpreta en grupo. É música vocal a miúdo sen ningún tipo de letra, con sons como bim-bim-bim ou ai-ai-ai. Ás veces tamén se usan versos da Biblia ou outros textos clásicos xudeus en constante repetición. Musicalmente os nigunim son longas improvisacións que poden basearse en pasaxes temáticas e en formas estilizadas. O nigum é especialmente usado polo xudaísmo hasídico. Diferentes grupos hasídicos teñen os seus propios nigunim a miúdo compostos polo seu rabino, que se cantan en grupo en datas festivas. Tamén hai nigunim para promover a meditación, chamados devekus ou devekut, que normalmente son moito máis lentos e cántanse sempre sen letra.[3] Baal Shem Tov, fundador do xudaísmo hasídico, fala dos devekus nigunim como «cancións que transcenden sílabas e sons». Moitos nigunim atribuídos a el mesmo interprétanse aínda nos nosos días.

Un pizmon (en plural pizmonim, hebreo: פזמונים) é unha canción ou melodía xudía tradicional orientada a orar a Deus así como a describir certos aspectos do ensino relixioso. Os pizmonin cántanse en rituais e festividades, como a circuncisión, o bar mitzvah, nas vodas e noutras cerimonias. Aínda que están relacionados cos zemirot dos xudeus asquenazíes, os pizmonin asócianse tradicionalmente cos sefardís do Próximo Oriente. A tradición máis coñecida relaciónaos cos xudeus de Alepo, aínda que tamén existen en Iraq, onde estas cancións son coñecidas como oracións shbaִhoth, e nos países do norte de África. Os xudeus de Grecia, Turquía e os Balcáns teñen cánticos parecidos en xudeoespañol, relacionados cos festivais, que se coñecen baixo o nome xenérico de coplas. As letras de moitos pizmonin datan da Idade Media, ou de antes, e baséanse a miúdo en versículos da Biblia. Algúns están tomados do tanakh, e outros foron compostos por poetas como Yehuda Halevi e Israel Najara de Gaza. Algunhas melodías son moi antigas, mentres outras poden estar baseadas na música popular do Oriente Próximo, con letra composta ex profeso.

Os baqashot (tamén bakashot, hebreo: שירת הבקשות) son coleccións de súplicas, cantos e pregarias que durante séculos foron cantados cada sabbat, desde medianoite até o amencer, polos sefardís de Alepo e outras comunidades. Normalmente recítanse durante os meses de inverno, cando as noites son máis longas. O costume de cantar baqashot orixinouse en España cara aos tempos da expulsión, pero o seu auxe produciuse nos círculos da cábala de Safed no século XVI. Os baqashot evolucionaron posiblemente a partir da tradición de elevar oracións antes do amencer e difundiuse desde Safed grazas aos seguidores de Isaac Luria. Coa difusión da doutrina cabalística de Safed, o canto do baqashot alcanzou aos países do Mediterráneo e volveuse costume nas comunidades de Marrocos, Tunisia, Alxeria, Rodas, Grecia, Iugoslavia, Exipto, Turquía e Siria. Tamén influenciou ás comunidades italianas orientadas á cábala no século XVIII. Así mesmo durante un tempo foi corrente nas comunidades sefardís de Europa occidental como as de Ámsterdam ou Londres. No século XX, o baqashot volveuse unha práctica relixiosa usual en varias comunidades de Xerusalén, como unha forma de oración colectiva.

Desde os tempos bíblicos a música e a danza tiveron un papel moi importante na vida xudía. A música secular ou profana nutriuse ao mesmo tempo das fontes tradicionais e da influencia dos xentís.

Música klezmer

[editar | editar a fonte]

En Europa oriental iniciouse ao redor do século XV por parte dos xudeus asquenazíes unha tradición de música xudía secular chamada klezmer. Os músicos chamados kleyzmorim ou kleyzmerim practican un repertorio destinado principalmente aos bailes das vodas e outras celebracións. Tradicionalmente as letras están escritas en yiddish. Este legado musical continúa evolucionando nos nosos días.

Música sefardí

[editar | editar a fonte]

A música sefardí é distintiva desta comunidade xudía proveniente na Península Ibérica. Hai tres tipos de cancións sefardís: as cancións de actualidade e entretemento, o romance e as cancións espirituais ou cerimoniais. As súas letras poden estar escritas en hebreo (sobre todo as relixiosas) e en xudeoespañol. Trala expulsión dos xudeus de España e Portugal, esta música propagouse desde a Península Ibérica por Marrocos e a varias partes do Imperio Otomán, como Turquía, Grecia, Xerusalén, os Balcáns e Exipto. Tamén por parte de Hispanoamérica, como na Arxentina. A música sefardí adaptouse a cada un destes lugares. Asimilou os tons agudos do norte de África, incluíndo o seu típico ouvear, os ritmos dos Balcáns, por exemplo en compás de 9/8 e o modo turco maqam.

Música iemenita

[editar | editar a fonte]

A música tradicional dos xudeus iemenitas foi particularmente influente no desenvolvemento da música de Israel, debido a que os primeiros sionistas vírona como un enlace coas súas raíces bíblicas. De feito o musicólogo A.Z. Idelsohn escribiu que a música dos antigos hebreos "consérvase na memoria e a práctica en varios centros xudeus do Iemen". O certo é que esta comunidade xudía viviu practicamente illada durante trece séculos. Moitas das cancións tradicionais do Iemen foron compostas polo rabino Shalom Shabazi, un poeta e místico medieval universalmente reverenciado pola comunidade xudía iemenita. A poesía de Shabazi trata temas tanto relixiosos como profanos, dando á música iemenita unha gama lírica máis ampla que moitas outras formas de música tradicional xudía, que tenden a ser exclusivamente de natureza litúrxica.

Música en Israel

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Música de Israel.

A música do estado de Israel está fortemente influenciada polos xudeus provenientes de máis de 120 países, quen trouxeron as súas propias tradicións musicais, facendo de Israel un crisol cultural. A música de Israel combina elementos da música oriental e occidental. Tende a ser moi ecléctica pois recolle a ampla variedade da música xudía (enriquecida durante a diáspora) e as correntes musicais contemporáneas, o que pode chegar a combinar os cantos hasídicos e a tradición musical do Iemen, coa música pop, o hip hop e o heavy metal.

Xa desde 1920 fixéronse esforzos para crear un novo estilo de música hebrea, que tendese lazos coas orixes hebreas comúns e se diferenciara da tradición europea. O compositor e crítico musical Menashe Ravina escribiu en 1943: «O gran cambio nas nosas vidas esixe novos modos de expresión ... e, do mesmo xeito que no noso idioma regresamos ao noso pasado histórico, así cambiamos o noso oído para a música oriental... como expresión dos nosos sentimentos máis íntimos».[4]

Os mozos, os traballadores e os grupos dos kibutz tiveron un papel importante no desenvolvemento musical antes e despois do establecemento do estado de Israel en 1948, e na popularización das cancións. Ao principio baseáronse nas melodías dos seus países de orixe ou na música tradicional xudía escribindo novas letras en hebreo. As colonias xudías viron á música como unha forma de establecer unha nova identidade nacional e, nun plano netamente pragmático, como forma de ensinar hebreo aos novos membros da comunidade. A organización nacional de traballadores, o Histadrut, creou unha editorial musical que difundiu libros de cancións e promoveu o canto comunitario (שירה בציבור). Esta tradición continúa até os nosos días e é unha característica da cultura moderna de Israel.

O folclore de Israel, chamado "as cancións da terra de Israel" (en hebreo שירי ארץ ישראל), está orientado principalmente a ser interpretado en público en eventos sociais. Algunhas son cancións infantís, outras combinan o folclore de Europa con letras en hebreo e outras son cancións de amor, como «Erev shel shoshanim». Tamén existen cancións escritas por poetas como Naomi Shemer e Chaim Nachman Bialik, estas cancións tratan frecuentemente dos soños e esperanzas do sionismo, e glorifican a vida dunha mocidade xudía ideal que constrúe o seu fogar e defende a súa patria. Un tema recorrente é Xerusalén e outras partes do Eretz Israel. Outras mostran trazos de dereita ou de esquerda e moitas mostran unha temática socialista, derivada das inclinacións dos xudeus da diáspora. Son comúns as cancións patrióticas, a maioría compostas durante a guerra. Polo xeral falan da camaradería entre soldados e a traxedia de morrer na batalla. Varias delas interprétanse en datas conmemorativas dos mortos israelís.

Música mizrahi

[editar | editar a fonte]

Denomínase música mizrahi á música contemporánea israelí que utiliza elementos da música árabe e mediterránea, especialmente aqueles provenientes da música grega. En canto á instrumentación é frecuente o uso de instrumentos de corda fregada así como de instrumentos de percusión propios do Oriente Próximo.

A danza xudía, baseada en tradicións bíblicas, foi moi utilizada como medio de expresión da alegría ou outras emocións comunitarias. Cada comunidade na diáspora desenvolveu as súas propias tradicións para as celebracións de vodas e outros eventos significativos. Por exemplo, para os xudeus asquenazíes de Europa oriental as danzas, cuxos nomes corresponden aos distintos tipos de música klezmer, foron un elemento básico da celebración do shtetl, a cerimonia de vodas. A danza tamén se nutriu de elementos tradicionais e xentís: «con todo, os xudeus practican unha expresiva linguaxe corporal que se diferencia amplamente dos pobos non-xudeus veciños, principalmente a través de movementos das mans e os brazos, cun intricado xogo de pernas a cargo dos homes novos».[5] En xeral, na maioría das comunidades relixiosas, os homes e as mulleres bailaban por separado.

  1. Adon Olam: Mestre do Mundo
  2. Yigdal: Que Deus sexa santificado
  3. Devekut significa conexión con Deus.
  4. Menashe Ravina, "The Songs of the People of Israel", publicado por Hamossad Lemusika Ba'am, 1943
  5. Yiddish, Klezmer, Ashkenazi o danza shtetl, Le Site Genevois de la Musique Klezmer. Consultado o 12 de febreiro de 2006.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Idelsohn, A. Z., Thesaurus of Hebrew Oriental song (10 vols.)
  • Idelsohn, Jewish Music
  • Grove's Dictionary of Music, article "Jewish Music"

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]