O nacionalismo andaluz é un movemento político e social que defende o recoñecemento de Andalucía como unha nación dentro de Europa.[2] Abrangue un amplo espectro de obxectivos, dende os partidarios do federalismo ou o confederalismo español, até posturas abertamente independentistas.
No pasado, o principal partido político que representaba o nacionalismo andaluz era o Partido Andalucista (PA),[3] mais o partido disolveuse no ano 2015. Outras organizacións políticas, sen representación no Parlamento de Andalucía, como Nación Andaluza (NA) e Asemblea Nacional de Andalucía (ANA) teñen unha ideoloxía independentista.
A orixe do andalucismo data arredor de 1870[4] cando un grupo de intelectuais comezou a interesarse polo folclore andaluz, frutificando na fundación do Ateneo de Sevilla, na aparición dalgunhas revistas e a primeira historia de Andalucía, publicada por Joaquín Guichot.
A publicación do ensaio de Blas Infante, considerado polos andalucistas o pai da patria andaluza, Ideal andaluz en 1915 supuxo a saída do pensamento andalucista dun reducido núcleo de intelectuais[5], en 1918 convocouse a Asemblea de Ronda, que serviu para crear a bandeira e o escudo de Andalucía.
Na Segunda República Española o nacionalismo andaluz, da man de Blas Infante, consegue redactar un estatuto de autonomía para Andalucía, pero non chegaría a aprobarse debido ó estalido da guerra civil trala sublevación militar de 1936. Durante a guerra e o franquismo, moitos andalucistas foron fusilados (como Blas Infante) ou marcharon ó exilio.
Non sería ata 1973 cando rexurdiría o nacionalismo andaluz en Andalucía Occidental da man de Alejandro Rojas Marcos, fundador do Partido Socialista de Andalucía, que máis tarde pasará a denominarse Partido Andalucista.
O 4 de decembro de 1977, un millón e medio de persoas saen á rúa por toda Andalucía (e tamén en Barcelona) pedindo a autonomía,[6] convocados por tódolos partidos políticos agás a Unión de Centro Democrático. Tras un referendo, o Estatuto de Autonomía de Andalucía aprobouse o 12 de febreiro de 1981.[7]
O nacionalismo andaluz ten como estandarte máis característico a bandeira nacionalista andaluza, tamén coñecida como "arbonaida nacionalista",[10] que se creou na década de 1980, unha vez que Andalucía xa conseguira a autonomía política e os nacionalistas andaluces comezaron a pedir a definición de Andalucía como nación.
A primeira bandeira de corte nacionalista que se creou en Andalucía foi a imitación da bandeira de Cuba. Creouna o Partido Socialista de Andalucía, o posterior Partido Andalucista, empregada posteriormente polas Juventudes Andalucistas. Consiste nunha bandeira de Andalucía á que se lle engadiu un triángulo vermello e no centro deste unha estrela branca de cinco puntas.[11]
Posteriormente, xa case na década de 1990, creouse a bandeira independentista con máis difusión no presete, que conta cunha estrela vermella de cinco puntas no centro da bandeira orixinal sen o escudo.[11] Nos últimos anos comezouse a difundir unha nova bandeira nacionalista que sustitúe a estrela vermella de cinco puntas por outra de oito (á que denominan estrela tartesa). Esta bandeira creouse para tentar engadir símbolos máis andaluces á bandeira, como é a estrela de oito puntas, da que se afirma ten orixe tartesa e polo seu uso durante Al-Ándalus, mais non ten case difusión entre os nacionalistas andaluces.[12]
Os nacionalistas andaluces modifican o lema do escudo oficializado no Estatuto de Autonomía, empregando o lema nacionalista creado por Blas Infante "Andalucía por sí, los Pueblos y la Humanidad". Do mesmo xeito acontece con parte da letra do himno, que os nacionalistas andaluces modifican da seguinte manera: "Sea por Andalucía libre, los pueblos y la Humanidad".
arbonaida (bandera del pueblo andaluz)
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Nacionalismo andaluz ![]() |