(2014) ![]() | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 9 de setembro de 1993 ![]() Arzúa, España ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 183 cm ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Peso | 80 kg ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 2012 ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Liga | Fußball-Bundesliga ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Defensa ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Número deportivo | 28 ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Pablo Insua Blanco, nado en Arzúa o 9 de setembro de 1993, é un futbolista galego, que xoga de defensa central no Granada, da Segunda División.
Seu pai, Fernando Insua, fora futbolista e xogara co Bergantiños en Terceira División.[1] Pablo comezou a xogar ao fútbol sala en Arzúa e logo fichouno o Rosalía CF de Santiago de Compostela, a onde o levaba súa nai a adestrar e xogar. Militou catro anos no Rosalía, logo chamado CD Santiago Sar tras a fusión co Colexiata do Sar e logo Santiago de Compostela CF. En 2006 foi elixido mellor xogador sub-13 da Compostela Cup,[2] fichando a continuación polo Deportivo da Coruña.[3]
Comezou a súa etapa no Deportivo no equipo infantil, pasando logo ao cadete e ao xuvenil e debutou con 16 anos no Fabril en Segunda División B fronte ao Lugo. Tito Ramallo converteuno nun fixo da aliñación esa tempada (2010/11), na que disputou 28 partidos, todos eles como titular, aínda que o equipo acabou descendendo a Terceira División.[1] O seu bo xogo fixo que esa mesma tempada o seu contrato fose renovado por catro anos máis.[4]
Xogou dúas tempadas máis no filial branquiazul e na segunda delas debutou ademais co primeiro equipo en partido oficial, nun partido de liga contra o Athletic de Bilbao no vello San Mamés (1–1). Á semana seguinte, coas baixas de Marchena e Zé Castro, José Luis Oltra colocouno como titular no choque de Copa contra o Mallorca, no que o Dépor empatou (0–0) e quedou eliminado.[5] Disputou dous partidos máis co primeiro equipo esa tempada, fronte a Atlético de Madrid e FC Barcelona, ambos como titular.
Na tempada 2013/14, xa como futbolista do primeiro equipo en Segunda División, converteuse nun titular indiscutible para o técnico Fernando Vázquez, e disputou 40 partidos durante a tempada, todos como titular. Marcou ademais tres goles e os dous primeiros, fronte a Las Palmas e Recreativo de Huelva, significaron cadansúas vitorias por 0-1.[6][7] O equipo logrou o ascenso directo tras acabar segundo por detrás do Eibar.[8] Ademais foi elixido mellor defensa da tempada de Segunda División na Gala dos Premios LFP, superando na votación a Yuri Berchiche (SD Eibar) e a Jean-Sylvain Babin (AD Alcorcón)[9] e renovou co club coruñés até 2018. [10]
Con todo, na tempada 2014/15 o seu rendemento baixou e non contou coa confianza dos técnicos Victor Fernández e Víctor Sánchez. Aínda así chegou a exercer como capitán nun partido de liga contra o Valencia.[1] Na tempada seguinte chegaron ao club Arribas, Fernando Navarro e Sidnei, mentres que Insua saíu cedido ao Leganés, de Segunda División.[11]
No club madrileño recuperou a titularidade, disputando dende o inicio 38 partidos, e foi un dos piares do equipo no ascenso á Primeira División.[12] No verán de 2016 o presidente do Deportivo Tino Fernández renovoulle o contrato ata 2020 e cedeuno de novo ao Leganés. Na súa segunda tempada en Leganés disputou 30 partidos e anotou un gol fronte ao Alavés en Mendizorrotza.[13] O equipo conseguiu o seu obxectivo de salvar a categoría.
Á súa volta á Coruña o club comunicoulle que o adestrador Pepe Mel non contaba con el e foi traspasado ao Schalke 04, da Bundesliga, nunha operación próxima aos 3.500.000 euros.[14][15]
O seu paso polo fútbol alemán viuse condicionado pouco despois da súa chegada, ao ser diagnosticado cunha pleurite e posteriormente unha pericardite que impediron o seu debut ata marzo de 2018, cando, tras dez meses de baixa, xogou o seu primeiro e único partido na Bundesliga, fronte ao Wolfsburg.[16][17]
No verán de 2018, xa recuperado da súa doenza cardíaca, foi cedido á SD Huesca, que se dispoñía a disputar a súa primeira tempada na Primeira División.[18] Con todo, en febreiro sufriu unha rotura do ligamento cruzado anterior do seu xeonllo esquerdo, dicindo adeus á campaña.[19] O equipo acabou descendendo a Segunda e o Schalke 04 volveuno ceder ao club oscense.[20] Tras recuperarse da grave lesión recuperou a titularidade nos últimos partidos da tempada, e contribuíu a un novo ascenso do equipo a Primeira.[21]
En agosto de 2020 a SD Huesca exerceu a opción de compra obrigatoria que tiña sobre o xogador en caso de ascenso a Primeira e Insua foi traspasado definitivamente ao club aragonés, no que levaba xogando dous anos como cedido.[21] Na tempada 2020/21 descendeu de novo a Segunda co Huesca, no que militou ata o verán de 2022. Disputou un total de 64 partidos co club aragonés.
A continuación fichou polo Sporting de Gijón, tamén de Segunda, onde foi un fixo e unha peza clave nas aliñacións tanto de Abelardo como do seu sucesor no banco, Miguel Ángel Ramírez.[22] Na tempada 2022/23 formou parella de centrais case sempre co arxentino Izquierdoz, mentres que na seguinte fíxoo co tamén galego Róber Pier, acadando a promoción de ascenso a Primeira.[23] Nas súas dúas campañas en Xixón acumulou un total de 73 encontros, todos eles como titular, e anotou catro goles.
En xuño de 2024, tras rematar o seu contrato co Sporting, decidiu non renovalo e aceptar no seu lugar a oferta do Granada, equipo que viña de descender a Segunda.[22]
Xogou na selección española sub-19, coa que se proclamou campión de Europa baixo a dirección de Julen Lopetegui.[24] Posteriormente xogou tamén na selección sub-20 e en 2013 foi convocado por Lopetegui para xogar dous partidos coa selección española sub-21,[25] aínda que finalmente foi desconvocado por mor dunha escordadura de nocello.[26]