Plaça d'Espanya


Plaça d'Espanya
Plaça d'Espanya.

A Plaça d'Espanya (en galego: Praza de España) de Barcelona é unha das prazas máis significativas da capital catalá. Foi construída durante a Exposición Internacional de 1929, segundo un proxecto elaborado por Josep Puig i Cadafalch e Guillem Busquets e finalizado por Antoni Darder. Con 34.000 metros cadrados é a segunda maior praza de España,[1] tras a Praza de España de Madrid, e por diante da Plaça de Catalunya de Barcelona.

É un importante centro do tránsito da cidade, ao confluír nela a Gran Via de les Corts Catalanes, a Avenida do Paral·lel, a rúa Tarragona, a rúa Creu Coberta e a Avenida María Cristina, a través da que se accede á zona de Montjuïc, e onde se sitúa a Feira de Mostras e o Museo Nacional de Arte de Cataluña. Outros edificios importantes da praza son o Centro Comercial Les Arenes (antiga praza de touros, obra de estilo neomudéxar de August Font i Carreras) e o Hotel Plaça, así como as chamadas Torres Venecianas, obra de Ramon Reventós, construídas para a Exposición de 1929. Tamén se atopan o Instituto Municipal de Educación e unha comisaría dos Mossos d'Esquadra.

A nivel de transportes, atópase a Estación de Plaça Espanya das liñas 1 e 3 do Metro de Barcelona, e outra homónima dos Ferrocarrils de la Generalitat de Catalunya.

Fonte da Plaça d'Espanya.

A Plaça d'Espanya foi proxectada por Ildefons Cerdà no seu plan de Ensanche como vía de comunicación entre Barcelona e as poboacións do Baix Llobregat. Logo dun primeiro proxecto para urbanizar a praza de Josep Amargós (1915), finalmente encargáronse das obras Josep Puig i Cadafalch e Guillem Busquets, continuadas por Antoni Darder desde 1926.[2] Deseñaron un conxunto monumental de forma circular, ao redor dun hemiciclo formado por unha columnata de estilo barroco, influenciada na Praza de San Pedro do Vaticano de Bernini. Na praza construíronse os hoteis da exposición, obra de Nicolau Maria Rubió i Tudurí, dos que só queda en pé o situado entre a Gran Via e a rúa Creu Coberta, actualmente destinado ao CEIP "Francesc Macià" e ao Instituto Municipal de Educación. No acceso da praza que conduce á Avenida da Raíña María Cristina situáronse dúas altas torres, inspiradas nos de San Marcos de Venecia, obra de Ramon Reventós.

No centro da praza -onde anteriormente se atopaba a cruz de termo da cidade na antiga estrada de Madrid- figura unha fonte monumental deseñada por Josep Maria Jujol, cunha ornamentada decoración escultórica obra de Miquel Blay e os irmáns Miquel e Llucià Oslé. De inspiración clásica, o sentido iconográfico da obra representa unha alegoría poética a España: sobre un estanque de planta triangular sitúase unha edícula con tres nichos con grupos escultóricos que simbolizan os ríos que desembocan nos tres mares que rodean a Península Ibérica, o Ebro (Mediterráneo), o Guadalquivir e o Texo (Atlántico) e unhas figuras de adolescentes para os ríos do Mar Cantábrico, obra de Blay; nos vértices do estanque sitúanse tres grupos que representan os froitos e dons das augas: a Abundancia, a Saúde Pública e a Pesca e a Navegación, obra dos irmáns Oslé; ao redor do corpo central sitúanse tres columnas con diversas figuras e emblemas que simbolizan a Relixión (unha cruz con Ramon Llull, Santa Tareixa de Xesús e San Ignacio de Loiola), o Heroísmo (unha espada con Paio, Xaime I de Aragón e Isabel a Católica), e as Artes (un libro con Ausiàs March e Miguel de Cervantes); remata a obra un recipiente de acender lume con tres Vitorias, obra en bronce do escultor Tomàs Llovet.[3]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. "Plaça Espanya". 12-03-2011. Arquivado dende o orixinal o 03-10-2011. Consultado o 30 de abril de 2011. 
  2. M. Carmen Grandas, L'Exposició Internacional de Barcelona de 1929, p. 59.
  3. M. Carmen Grandas, L'Exposició Internacional de Barcelona de 1929, pp. 73-74.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]