O Programa sobre o Home e a Biosfera (en inglés Man and the Biosphere Programme) (MAB) é un proxecto científico intergobernamental da UNESCO que comezou en 1971 e que ten por obxectivo entender como as accións humanas do presente afectan á conservación da biosfera, como se poden aproveitar dun xeito racional e sustentable os recursos dos ecosistemas e manter a diversidade cultural. Con isto, búscase mellorar como a humanidade aproveitaba o ambiente e axudando á súa conservación.[1][2][3]
O traballo do programa MAB está liderado pola UNESCO e encádrase dentro da axenda internacional, en particular cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel e a axenda de desenvolvemento post-2015. A súa iniciativa de investigación aborda os problemas tanto científicos como sociais que afectan ao desenvolvemento dos diversos ecosistemas, ben sexan os terrestres ou mariños ou os espazos naturais virxes ou as áreas urbanas. Estudan como mellorar a calidade de vida das persoas e como salvagardar a natureza e os seus ecosistemas, buscando métodos innovadores do desenvolvemento económico que sexan social e culturalmente apropiados e sustentables. A cooperación do programa aborda tres puntos principais: a perda da biodiversidade, o actual período de cambio climático e o desenvolvemento sustentable. Con iso, o programa promove a involucración de científicos nas políticas de desenvolvemento que afectan á biodiversidade.[1]
En 2017 o programa MAB tiña declaradas 669 reservas da biosfera catalogadas na Rede mundial de Reservas da Biosfera e distribuídas por 120 estados, con 20 reservas transfronteirizas.[3][4] Galiza conta con 6 reservas da biosfera, unha delas compartida con Portugal.[5]
As reservas da biosfera son áreas que abranguen a ecosistemas terrestres, litorais ou mariños. As propostas de novas reservas da biosfera fanas os gobernos locais e lévanas ao acordo internacional para entrar dentro da Rede Mundial de Reservas de Biosfera. Despois dun proceso avaliación ante o Concello internacional de coordinación da MAB, as propostas favorables son declaradas como reservas da biosfera pola dirección da UNESCO e recoñecidas como tal a nivel internacional.[1][3][4] A soberanía e o mantemento das reservas seguen pertencendo sempre ao goberno local que impulsa a súa declaración. O estado das reservas da biosfera revísase cada 10 anos, e en caso de incumprimento anúlase a súa declaración.[3]
As reservas da biosfera son espazos de obxectivos de desenvolvemento sostíbel, ou lugares de especial interese para chegar a políticas de xestión interdisciplinares e entre múltiples entidades para paliar os conflitos sociais locais e xestionar a conservación da biodiversidade.[3] Na xestión das reservas preténdese involucrar en especial ás entidades e propietarios locais e aproveitar o seu coñecemento local para a conservación dos ecosistemas. Ademais, están convidadas á participación en redes mundiais.[3][4]
As reservas das biosferas teñen o seu territorio clasificado en tres categorías con diferentes funcións[3]:
No 2017 estaban declaradas 669 reservas da biosfera en 120 estados. Destas, 75 están en África, 31 nos estados árabes, 147 en Asia e no Pacífico, 287 en Europa e América do Norte e 129 en América do Sur e no Caribe. Ao longo da historia do programa MAB retiróuselle a calidade de reservas a 38 espazos por incumprimento dos seus obxectivos. 20 das actuais reservas da biosfera son transfronteirizas, como a reserva da biosfera Gerês-Xurés.[4]
A estrutura da UNESCO creou unha orde funcionamento propia para darlle a través do programa MAB soporte aos gobernos locais no seu compromiso de mantemento da reserva. Ofrécelles colaboración para a planificación, de investigación científica e formación técnica. Os estados que participan no programa formaron comités nacional do MAB coa finalidade de participar no programa a nivel internacional e para definir e poñer en marcha as accións locais de cada país. O programa MAB está actualmente funcionando a través de 158 comités nacionais dos 195 estados membros e asociados da UNESCO.[2][3]
O calendario do programa MAB defíneo o seu principal grupo de goberno, o Consello de coordinación internacional (en inglés International Coordinating Council, ICC). O consello do programa MAB está composto por 34 membros elixidos pola conferencia xeral da UNESCO. Nesta "bureau" hai un presidente e cinco vice-presidentes, un por cada rexión global. A secretaría do proxecto MAB está en París, na sede principal da UNESCO.[2][3]
O programa MAB está financiado polo presuposto xeral da UNESCO e por partidas de estados membros, fontes de financiamento bilaterais ou sectores como o privado. O programa conta con financiamento propio para algúns estados membros, como estados en desenvolvemento.[2][3]
A última reunión do Congreso Mundial das Reservas da Biosfera celebrouse en Lima, Perú en 2016. Foi o cuarto destes congresos e asentou as bases para a década do 2016-2025.[6]
A rede mundial das reservas da biosfera aséntase sobre de diferentes grupos rexionais, sub-rexionais ou por temáticas. As reservas rexionais son as seguintes:
As reservas temáticas son as seguintes: