Protomartyr | |
---|---|
Orixe | Detroit, Míchigan, |
Período | 2008 - presente |
Xénero(s) | post-punk, punk rock, noise rock |
Selo(s) discográfico(s) | Hardly Art, Urinal Cake, X!, Domino Records |
Membros | Joe Casey Greg Ahee Alex Leonard Scott Davidson Kelley Deal |
Antigos membros | Kevin Boyer |
Artistas relacionados | Butt Babies, Spray Paint, Tyvek, R. Ring |
Na rede | |
protomartyrband.com | |
Protomartyr é unha banda estadounidense de post-punk formada en 2008 en Detroit, Míchigan. Está composta por Joe Casey na voz, Greg Ahee na guitarra, Alex Leonard na batería, Scott Davidson no baixo e Kelley Deal na guitarra, teclados e voces.
Ata a data o grupo leva publicados seis álbums de estudio: No Passion All Technique (2012), Under Color of Official Right (2014), The Agent Intellect (2015), Relatives in Descent (2017), Ultimate Success Today (2020) e Formal Growth in the Desert (2023).
Antes de Protomartyr, Greg Ahee e Alex Leonard actuaban como un dúo chamado Butt Babies. Ao pouco tempo uníuselles Joe Casey, que comezou actuando como vocalista nos concertos de Butt Babies. Kevin Boyer de Tyvek uniuse como baixista e segundo guitarrista de Protomartyr por un curto período de tempo antes de deixar a banda debido a problemas de horarios co seu outro grupo. Cando Scott Davidson uniuse á banda como baixista Butt Babies transformaríase en Protomartyr.[1][2]
A banda publicou o seu álbum de estrea, No Passion All Technique, no ano 2012 a través do selo Urinal Cake Records. No mesmo ano publicarían tamén o sinxelo "Colpi Proibiti" a través de X! Records. O seu seguinte álbum de estudio, Under Color of Official Right, lanzouse en abril de 2014 polo selo Hardly Art.[3] Un terceiro álbum de estudio, The Agent Intellect, apareceu en outubro de 2015.[4] O álbum tivo moi boas críticas, sendo valorado cun 85/100 na páxina Metacritic,[5] e entrando nas listas do mellor do ano en The A.V. Club,[6] Chicago Tribune,[7] Rolling Stone,[8] Metacritic,[9] Spin,[10] e Consequence of Sound.[11]
Protomartyr asinou con Domino Records no ano 2017 e publicou o seu cuarto álbum de estudio, Relatives in Descent, co selo en setembro dese ano.[12]
O 15 de xuño de 2018 Protomartyr publicou Consolation E.P., un EP de catro temas coa colaboración de Kelley Deal (The Breeders) e Mike Montgomery (R- Ring, Alpine).[13] Esta foi a segunda colaboración de Deal coa banda, tras o sinxelo de 2015 "Blues Festival".[14] Tras seguir traballando con Protomartyr nos anos seguintes, a guitarrista finalmente pasaría a ser oficialmente membro do grupo a finais de 2022.[15]
En marzo de 2019 Joe Casey estimou que o quinto álbum do grupo estaría listo "a finais de 2019/inicios de 2020".[16] A gravación do disco rematou no mes de xullo de 2019.[17] O disco, titulado Ultimate Success Today, debería ter saído en maio de 2020,[18] pero o seu lanzamento foi adiado ata o mes de xullo por mor da pandemia de COVID-19.[19]
En marzo de 2023 Protomartyr anunciou o lanzamento do seu sexto álbum de estudio, Formal Growth in the Desert, o 2 de xuño dese ano a través do selo Domino Records. Ao mesmo tempo a banda anunciou unha xira polos Estados Unidos, Canadá e Europa.[20] A publicación do disco estivo precedida polos sinxelos "Make Way",[21] "Elimination Dance"[22] e "Polacrilex Kid".[23]
A música da banda foi etiquetada como post-punk[1][24][25][26][27] e punk rock.[27] Josh Terry de Consequence of Sound dixo que o grupo "mestura a atmosfera depresiva do post-punk británico dos 70 coa sensibilidade crúa dos seus antepasados garage rock da Motor City".[26] O son da banda foi comparado ao doutros grupos de post-punk como Wire, The Fall, Pere Ubu, The Constantines e Iceage,[1][28] ademais de compararse ao de grupos locais, destacando Tyvek.[27] O vocalista Joe Casey tamén expresou aprecio por Pere Ubu e The Fall.[1][2]
A voz barítona de Casey tamén foi comparada coas de Ian Curtis de Joy Division, Mark E. Smith de The Fall e Nick Cave.[2][26][29][30]
Protomartyr foi citado como unha influencia por bandas modernas de punk e post-punk como Shame,[31] Idles,[32] Priests,[33] The Dirty Nil,[34] Meat Wave,[35] Rendez-Vous,[36] Dehd,[37] Citizen,[38] TV Priest,[39] e The Devil Wears Prada.[40] Nunha entrevista con Beats Per Minute en agosto de 2020, Casey revelou que a letra "shouted slogans of leapers" do tema "The Aphorist" do álbum Ultimate Success Today é unha referencia ás "bandas novas [que] sinto que nos atacan e que fan un traballo de merda, ou unha versión diluída de nós. Pero entón a seguinte liña é 'Por que non esnaquicei a copiadora cando acabei?' Porque, cando comezamos, a xente acusábanos de copiar a bandas e de non ser orixinais. Entón, Por que me queixo desas bandas de merda cando eu copiaba?"[41]
Ademais, a banda ten moitos fans notables. Iggy Pop chamounos "a mellor banda que temos en Estados Unidos agora mesmo" no seu programa de Radio 6 Music.[42][43] Ana da Silva de The Raincoats cualificou a música da banda de "tan emocionante e apaixonante e que te leva a lugares onde a súa imaxinación abre as portas á túa" e eloxiou a Relatives in Descent.[44] Greg Dulli de The Afghan Whigs é fan da banda[45][46] ao igual que David Bazan de Pedro the Lion, falando este último da súa música como "a destilación máis perfecta do meu gusto no mundo"[47] e facendo unha versión de "The Devil in His Youth" para o recompilatorio anti-Trump de 2017 Our First 100 Days.[48] Cando se lle preguntou que nomease algunhas das súas influencias máis recentes en 2017, Billy Gould de Faith No More falou de Protomartyr xunto a músicos como Burial e Getatchew Mekurya como os que "[fanlle] querer seguir facendo música".[49]
Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
No Passion All Technique | 2012 | Urinal Cake Records |
Under Color of Official Right | 2014 | Hardly Art |
The Agent Intellect | 2015 | Hardly Art |
Relatives in Descent | 2017 | Domino Records |
Ultimate Success Today | 2020 | Domino Records |
Formal Growth in the Desert | 2023 | Domino Records |
Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Consolation | 2018 | Domino Records |