CX 16 Radio Carve é unha emisora de radio de Montevideo e unha das pioneiras no Uruguai. Conta cunha ampla programación informativa, deportiva e entretemento.
Foi fundada o 12 de outubro de 1928[1], polo radio-afeccionado alemán Karl Kärbe, que ao instalarse no Uruguai castelanizou o seu nome e apelido polo de Carlos Carve, e con ese apelido deu nome á súa radio. A radio emite na frecuencia de 850 KHZ e 50 kw de potencia o que fai que sexa sintonizada en zonas da Arxentina e o sur do Brasil[2]. Os seus primeiros estudios estiveron localizados en Capurro, barrio de Montevideo[3]. Varios mozos xornalistas comezaron a traballar na emisora para facer un informativo, chamado "El Diario Oral". Co tempo, estes traballadores, entre os que destacan Roberto Fontaina e Juan Enrique De Feo, mercaron a emisora en 1931. Como lembranza ao fundador da radio, decidiron non cambiarlle a denominación, e así segue até o día de hoxe.
Durante a segunda guerra mundial, cooperaba estreitamente coa Oficina do Coordinador de Asuntos Interamericanos, un organismo de propaganda estadounidense dirixido por Rockefeller. Radio Carve serviu como unha plataforma para a diseminación de propaganda dirixida contra o goberno militar arxentino (1943-1946) e logo goberno peronista.[4]
No ano 2005 sufriu unha severa crise económica que tivo como resultado que os empregados quitasen a radio do aire en protesta por consecuentes atrasos nos pagos de salarios.[5]
Sendo unha das primeiras emisoras en instalarse no país foi pioneira nas súas propostas e referente entre as décadas de 1940 e 1990. As crónicas deportivas e informativas combinábanse co radio teatro, moitas veces emitido en directo. Ademais, entre 1950 e 2006 emitiu o programa "Sempre en Galicia" que repasaba a actualidade de Galicia e da colectividade galega no Río da Prata[6]. Grazas a amizade entre De Feo e Manuel Meilán[7], a emisora albergou o programa, que durante moito tempo foi a única emisión de radio en galego[8].