Un somerxíbel ou somerxible,[1][2] sumerxible,[3] submerxible ou submerxíbel[4][5][6] (de submersión; en portugués submersível, en castelán sumergible e en inglés submersible) é un pequeno vehículo deseñado para operar debaixo da auga. O termo utilízase a miúdo para diferenciarse doutros vehículos submarinos coñecidos como submarinos, porque o submarino é un buque totalmente autónomo, capaz de renovar a súa propia enerxía e renovar aire, mentres que un somerxíbel é normalmente alimentado por un barco, por unha plataforma, por unha tripulación de costa ou ás veces por un submarino maior. Porén, de uso común polo público en xeral, a palabra submarino pódese usar para describir un buque que, por definición técnica, é en realidade un somerxíbel. Hai moitos tipos de somerxíbeis, incluíndo buques tripulados e non tripulados, tamén coñecidos como vehículos operados a distancia ou ROV (remotely operated vehicles).[7][8] Os somerxíbeis teñen moitos usos en todo o mundo, como en oceanografía, arqueoloxía submarina, exploración oceánica, aventura, mantemento e recuperación de equipos e videografía submarina.[9]
Os pequenos somerxíbeis non tripulados chamados ROV úsanse amplamente hoxe en día para traballar en augas demasiado profundas ou demasiado perigosas para os mergulladores.
Os vehículos operados a distancia reparan plataformas petrolíferas e conectan cables aos barcos afundidos para levantalos. Estes vehículos están conectados por un cabo (un cable groso que proporciona enerxía e comunicacións) a un centro de control dun barco. Os operadores do barco teñen acceso ás imaxes de vídeo enviadas polo robot e poden controlar os seus propulsores e o brazo mecánico. O afundimento do Titanic foi explorado por tal vehículo, así como por un barco tripulado.[10]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Somerxíbel |