O stavraton ou stauraton (en grego: σταυράτον; plural: σταυράτα, stavrata) foi unha moeda bizantina de prata con valor de medio hyperpyron, utilizada ao final do Imperio bizantino, durante os séculos XIV e XV.[1][2][3][4]
A denominación de starvaton aparcera por primeira vez xa a mediados do século XI, para se referir a un nomisma que amosaba o emperador sostendo un cetro en forma de cruz. No entanto, a denominación de starvaton refírese especificamente á grande moeda de prata introducida polo emperador Xoán V Paleólogo (1341-1376 e 1379-1391) arredor de 1367, e substitución do basilikon, e que circulou durante o derradeiro século do Imperio Bizantino. O seu nome deriva, presumiblemente, das cruces (en grego: σταυρός, stavros) que caracterizaban algunhas destas moedas ou que se intercalaban, noutras ocasións, entre as súas lendas.[5][6][7]
A moeda concibiuse para substituír o amortecido hyperpyron de ouro como a moeda de valor máis alto en circulación, aínda que coa metade do seu valor. Ese foi o motivo polo que se dotou dun peso descoñecido na tradición monetaria bizantina anterior, 8,5 gramos, aínda que de camiño baixou a 7,4 gramos.[8][9][10]
A serie do stavraton completábase con moedas fraccionarias de 1⁄2 e 1⁄8, ambas de prata. O medio stavraton pesaba inicialmente 4,4 gramos e diminuíu gradualmente ata os 3,7 gramos, en tanto que as pezas dun oitavo, coñecidas como doukatopoulon (en grego: δουκατόπουλον, "pequeno ducado") ou aspron (en grego: ἄσπρον), tiñan un peso de arredor de 1,1 gramos. Aínda que non se cuñou o valor dun cuarto de starvaton, usábanse no seu lugar as moedas venecianas dun ducado de prata (en grego: δουκάτον, doukaton).[11][12][13][14]
Todas estas moedas amosan o busto de Cristo no anverso e o busto do emperador no reverso. As súas lendas foron bastante regulares co tempo; as do anverso caracterizábanse por teren dúas liñas en círculos concéntricos: "+[nome do emperador] ΔΕCΠΟΤΙC Ο ΠΑΛΕΟΛΟΓΟC / Θ[ΕΟ]V ΧΑΡΙΤΙ ΒΑCΙΛΕVC ΡWΜΑΙWN ("Señor [nome do emperador] Paleólogo / pola graza de Deus, emperador dos romanos"). Durante o reinado de Xoán V, a orde das liñas exterior e interior era a inversa, e baixo Manuel II, a na interior utilizouse o termo autokrator ("autobobernante"), na secuencia Θ[ΕΟ]V ΧΑΡΙΤΙ AVTOKΡΑΤOΡ.[15]
Ata 1990, cando se achou un tesouro composto por noventa destas moedas (e coa excepción de dous exemplares de medio starvaton), non se coñecía ningunha moeda de prata do derradeiro emperador bizantino, Constantino XI (1449-1453).[16][17]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Stavraton |